| Fases da loita antineoliberal |
| Emir Sader | ||||||
| Mércores, 02 de Xullo do 2008 | ||||||
Emir Sader-. A AMÉRICA DO EMIR. A loita contra o neoliberalismo xa ten historia, xa pasou por varias fases –da resistencia ao inicio da construción de alternativas– e agora afronta un novo momento, o da contraofensiva da dereita. Emir Sader analiza o neoliberalismo en América Latina.
| ||||||
|
|
|
|
|
A loita contra o neoliberalismo xa ten historia, xa pasou por varias fases –da resistencia ao inicio da construción de alternativas– e agora afronta un novo momento, o da contra-ofensiva da dereita.
O mesmo ano do lanzamento do Tratado de Libre Comercio da América do Norte (NAFTA) –1994–, os zapatistas animaban e convocaban a resistir a nova onda hexemónica. Ignacio Ramonet chamaba, nun editorial do Le Monde Diplomatique –1997–, a loitar contra o "pensamento único" e o Consenso de Wáshington.
Dende o Foro Social Mundial –2001– convocabase á construción de "un outro mundo posíbel". As manifestacións contra a OMC, iniciadas en Seattle –2001–, revelaban a extensión do malestar co novo modelo hexemónico e o potencial popular da loita de resistencia. Era unha fase de resistencia, defensiva, diante da virada regresiva de proporcións históricas xigantescas operada pola pasaxe dun mundo bipolar ao unipolar, baixo a hexemonía imperial norteamericana, e dun modelo regulador ao modelo neoliberal.
No plano gobernamental, a consolidación da hexemonía neoliberal produciuse pola pasaxe da xeración dereitista inicial que a lanzou –a de Pinochet, Reagan, Thatcher– a unha segunda, que algúns dos seus protagonistas reivindicaran como a "terceira vía" –Clinton, Blair, Cardoso–, ocupando case que todo o espectro político. Esa forza compacta comezou a ser furada coa elección de Hugo Chávez en Venezuela –1998-, concentrándose na América Latina a partir dese intre, coa derrota electoral dos principais promotores do novo modelo –Cardoso, Menem, Fujimori, Carlos Andrés Perez, o PRI-, e revelando o seu fracaso.
Entrementres, esa reacción popular reflectida nos triunfos electorais que sucederan ao de Chavez –Lula (2002), Kirchner (2003), Tabaré Vazquez (2004), aos que se pode engadir o de Daniel Ortega (2006)–, presentaban un escenario diferente do que se pensaba. Aínda que vitoriosos contra gobernos ortodoxamente neoliberais, eses novos gobernantes non apuntaban cara a ruptura co modelo neoliberal, manténdoo, con distintos graos de flexibilización –principalmente polo peso que pasaran a ter as políticas sociais.
Eses matices, sumados á opción polos procesos de integración rexional –sobre todo o Mercosur–, e á derrota do ALCA –no que eles colaboraron activamente– revelaban, no entanto, diferenzas significativas en relación aos gobernos que os precederan, contribuíndo ao xurdimento dun escenario político inédito no continente, pola existencia simultánea dunha cantidade de variadas formas de gobernos que se opuñan aos tratados e políticas de libre comercio impostos polos Estados Unidos, así como á súa política de "guerra infinita" –que tivo só en Colombia unha adhesión explícita na rexión.
As vitorias de Evo Morales (2005) e de Rafael Correa (2006), ao lado do lanzamento do ALBA, do Banco do Sur, do gasoduto continental, da adhesión dE Venezuela e de Bolivia ao Mercosur, configuraron contornas máis amplas e fortaleceron un eixo de gobernos que, alén do privilexio dos procesos de integración rexional, comezaban a construír un modelo de ruptura co neoliberalismo, modelos antineoliberais. O triunfo electoral de Fernando Lugo (2008) alonga o campo dos gobernos progresistas no continente, ao que pode sumarse tamén axiña O Salvador.
No entanto, a partir de 2007, despois do "golpe" relativamente sorpresivo pola proliferación de gobernos progresistas na rexión, a dereita retomou capacidade de iniciativa. Estes gobernos capitalizaran, no plano electoral, o descontento social xerado polas políticas neoliberais, avanzando neste plano –o elo máis fráxil da cadea neoliberal.
Para recompor a súa capacidade de iniciativa, a dereita –cuxas filas contan coa vella dereita oligárquica e coas correntes socialdemócratas que se adheriron ao neoliberalismo– foi da man das esferas cuxa hegemonía non fora aínda tocada ou que conservaban, no esencial, a súa forza: o poder económico e o mediático. Esa contraofensiva asumiu caras un pouco diferentes en cada país, porén con elementos comúns: crítica da presenza do Estado e dos seus procesos de regulación, dos procesos de integración rexional e co Sur do mundo. Temas como a "corrupción" –centrado sempre nos gobernos e no Estado–, o desabastecemento, a autonomía dos gobernos rexionais contra a centralización estatal, as supostas "ameazas" á "liberdade de prensa" –identificada para eles coa prensa privada, etc.
Pasada a sorpresa da multiplicación de gobernos nos que o control do aparello estatal escapaba a seu control, a dereita retomou a iniciativa. No Brasil, coas campañas de denuncias contra o goberno Lula; en Venezuela, despois da tentativa de golpe de 2002, coa defensa dos monopolios privados dos medios de comunicación, a corrupción e o desabastecemento; en Bolivia, contra a reforma agraria, a nova Constitución e o uso dos novos impostos á exportación do gas para que o goberno central realice políticas sociais; na Arxentina, contra formas de regulamentación de prezos e o desabastecemento; no Ecuador, contra a nova Constitución e as novas formas de regulamentación estatal. Conta tamén cos dous principais gobernos de dereita na rexión –México e Colombia–, tentando abrir un proceso de privatización da empresa estatal do petróleo, Pemex, no primeiro, e intensificando o epicentro das guerras infinitas na rexión, no segundo caso.
Despois de ficar á defensiva durante os anos de expansión da economía internacional, que favoreceu a obtención de recursos do comercio exterior para intensificar súas políticas sociais, a dereita retoma a ofensiva tamén neste plano, con denuncias sobre os riscos de regreso da inflación, sobre a necesidade de novos axustamentos, de elevar novamente as taxas dos xuros bancarios, buscando retomar a prioridade da estabilidade monetaria sobre a expansión económica.
A fase actual está marcada polo agravamento dos enfrontamentos entre os gobernos progresistas e a oposición de dereita nos planos político e ideolóxico. As pretensións de descualificación do papel do Estado gañan destaque central como tema aglutinador no conxunto de debates e polémicas entre dereita e esquerda. Perfílanse hogano no continente países que seguen o esquema dun Estado mínimo –como por exemplo México, que intenta dar inicio a un proceso de privatización da petroleira Pemex, exemplo este do renovado ímpeto privatizador do neoliberalismo continental–; ou como en Perú, país que adoptou recentemente –do mesmo xeito que fixeron Costa Rica e Chile– un modelo previsional privado.
Por outra banda, hai países que buscan refundar os seus estados, con base en esquemas postneoliberais e postliberais, e procuran novos xeitos de representación política, máis aló do formalismo liberal, como Bolivia, Ecuador –ambos os dous tentan establecer sociedades plurinacionais, pluriétnicas, pluriculturais– e Venezuela. Do mesmo xeito, hai países que poñen en práctica niveis de regulamentación estatais, sen rachar os estados neoliberais preexistentes, pero frean o desmantelamento dos aparellos públicos e fortalecen capacidades sectoriais de regulamentación, o que frea os procesos de privatización anterior, fomentando o crecemento do traballo formal e requipando a funcionalidade e os servizos federais –do que Brasil e Arxentina son exemplos.

O destino do neoliberalismo no subcontinente non está pois definido. Continúa sendo hexemónico, xa sexa porque hai países que aínda manteñen ortodoxamente o modelo, xa sexa porque persiste preponderantemente, dunha ou outra forma, en varias das principais nacións (Brasil, México, Arxentina, Colombia, Chile, Perú, Uruguai, Costa Rica) nun mundo dominado polo neoliberalismo. O seu destino será decidido sobre todo nos tres países con economías máis fortes. Deles, por agora México avanza consolidando a hexemonía neoliberal, mentres Arxentina e Brasil preservan o modelo –con flexibilizacións–, aínda que ameazados polas forzas opositoras de dereita.
O espazo máis significativo de construción postneoliberal é a ALBA (Alternativa Bolivariana das Américas), na que os participantes –Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua, máis intercambios salientábeis con Ecuador– constrúen relacións solidarias e buscan responder ás necesidades e posibilidades de cada nación con alternativas ás leis de "libre comercio" da OMC , practicando o que o Foro Social Mundial chama "comercio xusto". Ese é un espazo tipicamente postneoliberal, que depende da consolidación dos procesos políticos neses países.
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
Emir Sader-. A AMÉRICA DO EMIR. A loita contra o neoliberalismo xa ten historia, xa pasou por varias fases –da resistencia ao inicio da construción de alternativas– e agora afronta un novo momento, o da contraofensiva da dereita. Emir Sader analiza o neoliberalismo en América Latina.





