| Impactos da soia |
| Xosé MarÃa GarcÃa | |
| Mércores, 02 de Xullo do 2008 | |
Xosé M. García-. Dentro da xira europea 'A soia mata', a dirixente labrega paraguaia, Gilda Roa, informou en Galiza sobre os impactos dos monocultivos de soia no seu país.
Gilda Roa, do MAP (Movimiento Agrario y Popular) viaxou no mes de Maio a Europa para participar en Bonn no evento Planet Diversity, celebrado de xeito paralelo á Convención da ONU sobre Diversidade Biolóxica. Fíxoo convidada por CEO (Corporate Europe Observatory) e A SEED Europe (Action for Solidarity, Envinonment, Equality and Diversity), organizacións que aproveitaron, ademais, para facer unha xira europea da campaña internacional "A soia mata".
Gilda viaxou con Nina Holland (investigadora do CEO, onde estudou as políticas da UE sobre agrocombustíbeis) e a antropóloga An Maeyens (da rede A SEED Europe, que ten traballado co campesiñado do Paraguai) para dar a coñecer os impactos ambientais e sociais dos monocultivos de soia transxénica no Paraguai, que teñen como destino a exportación para elaborar agrocombustíbeis e pensos para gandaría industrial. Entre o 4 e 6 de Xuño as tres deron charlas na Faculdade de Veterinaria de Lugo, no Ateneo Ferrolán e no CSA A Cova dos Ratos, en Vigo. Tamén participaron nun almorzo coa prensa en Compostela. Mentres, o que pretendía ser un encontro con técnicos da Xunta e de empresas de agrocombustíbeis presentes en Galiza, ficou reducido a unha xuntanza coa DX de Cooperación Exterior, pois ninguén das empresas, de Medio Rural e de Industria achou interesante dabondo o convite. Un deserto de soiaA expansión dos monocultivos de soia no Paraguai comezou en 1999, impulsada por empresas como Cargill e terratenentes do Brasil –desprazados por produtores aínda maiores–, que atoparon alí terras máis baratas que no seu país. En 2005-06 o 63% das terras cultivadas do Paraguai estaban dedicadas a esta leguminosa, sendo transxénica o 95% da produción. Paraguai é así o cuarto exportador mundial de soia, unha soia transxénica que se dedica na súa grande maioría (89%) a fariña (coa que se elaboran os pensos cos que se "alimenta" o noso gando intensivo), mais tamén a aceite (o 7%, para a fabricación de agrocombustíbeis cos que "alimentar" os nosos automóbeis). Os monocultivos, intensivos en agrotóxicos e mecanización, sen a penas man de obra, avanzan acompañados de destrución ambiental e social: deforestación, perda de biodiversidade, polución, expulsión de poboacións labregas e indíxenas… para satisfacer a demanda xerada en lugares como o noso país. A soia transxénica RR, de Monsanto, é resistente ao herbicida Round-Up Ready (glifosato) da mesma empresa. Tamén é utilizado como herbicida o Paraquat, de Syngenta, produto prohibido na UE. O resultado: intoxicacións de poboacións enteiras, mesmo con resultado de morte, recén nascidos con hidrocefalia ou tumores… Sen terra para cultivar alimentos, sen madeira para construír vivendas e cociñar, rodeadas de plantacións de soia fumigadas con agrotóxicos… as poboacións indíxenas e labregas son expulsadas dos seus lugares. Unhas 90.000 persoas marchan a malvivir –por exemplo, de vertedoiros– cada ano aos suburbios das cidades. Outras marchan do país. En 2005 eran máis de 300.000 os sen terra e o 1% da poboación paraguaia posúe o 77% das terras. Na fronteira da soiaNeste contexto, na fronteira agrícola da soia transxénica nasce o MAP (Movimiento Agrario y Popular), porque hai quen decide ficar e resistir, defender a soberanía alimentar. O MAP luita pola vía xurídica (a presión cidadá desde Europa é moi útil), mais tamén ocupando terras. Son xa 500 as hectáreas recuperadas, pero a resistencia ten dura resposta: desaloxos violentos, queima de casas, detencións (mesmo de nenos, anciáns e mulleres grávidas) máis de 2.000 dirixentes labregos procesados, máis de 30 mortos pola soia en catro anos… Lamentabelmente, o caso do Paraguai non é a excepción. A soia ten consecuencias semellantes en Brasil ou Arxentina. Noutros lugares son outros os monocultivos destinados á exportación tamén con gravísimas consecuencias ambientais e sociais, como ocorre coa palma de aceite en Colombia e Indonesia. O 92% da soia importada desde o Estado español ten como destino a fabricación de pensos para vacas, porcos e galiñas industriais, ou o que é o mesmo: carne, ovos e leite producidos de modo intensivo. As cousas mudarán para pior no caso de que a UE manteña o obxectivo do 10% de agrocombustíbeis para 2020, unha demanda que fará avanzar aínda máis a fronteira da soia no Paraguai, e non só. A ISAPIniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos. Alianza formada en Abril de 2008 por Amarante, o Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Veterinarios Sen Fronteiras seguindo o mandado do Foro de Nyéléni pola Soberanía Alimentar, celebrado en Sélingué, Mali, en Febreiro de 2007. +INFO: www.lasojamata.org/es | soberaniaalimentar.info/ | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
Xosé M. García-. Dentro da xira europea 'A soia mata', a dirixente labrega paraguaia, Gilda Roa, informou en Galiza sobre os impactos dos monocultivos de soia no seu país.
Gilda Roa, do MAP (Movimiento Agrario y Popular) viaxou no mes de Maio a Europa para participar en Bonn no evento Planet Diversity, celebrado de xeito paralelo á Convención da ONU sobre Diversidade Biolóxica. Fíxoo convidada por CEO (Corporate Europe Observatory) e A SEED Europe (Action for Solidarity, Envinonment, Equality and Diversity), organizacións que aproveitaron, ademais, para facer unha xira europea da campaña internacional "A soia mata".