| Xa decidimos nós por vós |
| Imanol Dorca | |
| Mércores, 02 de Xullo do 2008 | |
|
Metede o papeliño na urna unha vez cada catro anos e xa decidimos nós por vós. Niso consiste a democracia, disque. O papeliño ese ten certo toque de maxia. Vale para avaliar tanto proxectos de infraestruturas como a legalización do aborto e mesmo para decidir o sistema político ou económico dun Estado. Hai pouco recalcábao o conselleiro galego de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, perante as inesgotábeis e resposábeis queixas e manifestacións das asociacións ecoloxistas, veciñais e sociais do país: "Que presenten un programa político, que se presenten ás eleccións e as gañen. Entrementres, como responsábel por delegación do Presidente da Xunta, mando e decido eu". Bota o papeliño na urna e fica caladiño até dentro de catro anos.
O Lehendakari querelles preguntar aos cidadáns da Comunidade Autónoma Vasca a súa opinión ao respecto de dúas cuestión moi precisas: o apoio a un proceso de final dialogado da violencia e a apertura dun proceso de negociación para alcanzar un acordo democrático sobre o exercicio do dereito a decidir do pobo vasco. Sen entrar na idoneidade da consulta no que respecta ao tempo nin ao espazo (o suxeito da consulta), un queda abraiado das razóns (sic) que repiten a modo de consigna para rexeitala. Din que divide ao país. Se o divide, deben asumir que agora os vascos viven nunha sociedade unida e cohesionada. Debe ser a primeira vez que unha consulta divide. Din que a consulta non condena explícitamente a violencia de ETA. É que alguén dubida que a sociedade vasca quere vivir o futuro en paz? E por que non condenar tamén aos torturadores, ao franquismo ou aos maltratadores? Ás veces un pensa que, a modo de penitencia, teremos que condenar explicitamente a violencia até para poder cobrar o paro. Din que Euskal Herria xa ten o marco político que votaron os vascos (todos?): o Estatuto de Autonomía. Refírense á lei esa que leva case que trinta anos sen cumprirse. A día de hoxe quedan trinta e sete materias sen transferirse e o presidente do Goberno actual non transferiu ningunha en catro anos. E aínda que fora así, non teñen os cidadáns o dereito a se expresar na procura dun marco que supere o actual se se fai dun xeito democrático? Son o Estatuto e a Constitución dogmas de fe, leis inamovíbeis? A cuestión é: por qué teñen tanto medo a coñecer a opinión dos do común? Ao cabo, a consulta non é máis que iso, non ten vinculación xurídica, mais si política e tamén democrática. Ten máis que ver co xeito de entender e exercer a democracia. A consulta por si soa –e máis aínda con todas as eivas que ten– non vai resolver a antedita situación de bloqueo que sufre a sociedade vasca, mais si que marca o camiño a seguir. É unha ferramenta democrática útil e necesaria. Tan útil e necesaria que non debería circunscribirse só a este tema e o propio Lehendakari debería tomar nota. Por exemplo, no caso de infraestruturas coma o Tren de Alta Velocidade. O Goberno Vasco xustifica o desorbitado gasto na creación desta antisocial infraestrutura co pretexto de que é un proxecto estratéxico. Se tan estratéxico é, algo terá que decir a cidadanía. Cidadanía ou sectores importantes dela que, por outra banda, xa se teñen manifestado abertamente en contra de tal megaproxecto. Non corren bos tempos para a democracia, non. Cómpre darlle voz aos do común. Mais sobre todo, cómpre non lles ter medo e non desprecialos cando deciden libremente, nas poucas ocasións nas que realmente son quen de participar nas decisións importantes dun xeito un chisco máis democrático. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
E iso –que os cidadáns xa se autodeterminan cada catro anos– é o que escoitamos acotío cando alguén ousa falar da necesidade de lle preguntar aos vascos cómo queren vivir no futuro ou da necesidade dunha saída democrática para poderen superar a situación de bloqueo na que lamentabelmente seguimos instalados. 