Corrubedo: paraíso ou inferno?
Rebeca Fernández/Galicia Hoxe   
Mércores, 02 de Xullo do 2008

‘Pachi’ Vázquez recúa e elimina da Rede Natura a Laxe Brava para facerlle sitio á macropiscifactoría.
Co polémico Plan Acuícola a piques de ser aprobado polo Consello da Xunta, todo apunta a que Corrubedo terá macropiscifactoría, malia ser capital dun parque natural.

Achandar o camiño para instalar a futura piscifactoría de 315.000 metros cadrados prevista para a Laxe Brava. Este é, para o movemento ecoloxista galego e a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, o motivo polo que a consellería de Medio Ambiente decidiu excluír a Laxe Brava, no litoral de Corrubedo, da futura ampliación da Rede Natura. Así llo comunicou o departamento que preside Manuel Vázquez nunha recente xuntanza con estes colectivos, na que se evidenciou o cambio con respecto a proposta presentada hai un ano, na que a Laxe Brava quedaba incluída na zona de protección.

¿Cal é o motivo desta decisión? Dende Medio Ambiente recordan que a primeira proposta presentada ós grupos ecoloxistas non era a definitiva, senón unha primeira aproximación. Non obstante, a visión de ecoloxistas e afectados é ben diferente: a proposta de ampliación collendo todo o cabo da Laxe Brava entraba en contradición cos proxectos de Pesca para este espazo, constituíndo unha das maiores incongruencias do Plano Acuícola.

"Por moito que non fora a proposta definitiva cando deciden protexer unha zona será por algo. Ou é que desapareceron os paxaros ou os hábitats prioritarios? O único motivo que hai para cambiar de idea é o empresarial", asegura o voceiro da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Manoel Santos, quen cre evidente que o salto que se fai no mapa de protección obedece exclusivamente a unha reserva de espazo para a piscifactoría.

Destrución industrial do cabo

 

A nova decisión de Medio Ambiente evita, deste xeito, calquera escollo para o futuro parque número 9, que con 315.000 metros cadrados en primeira liña de costa é o meirande do plan deseñado pola consellería de Pesca. Deste xeito, co Plan Acuícola a piques de ser aprobado polo Consello da Xunta, semella que Corrubedo albergará a granxa acuícola unanimemente rexeitada pola cidadanía. Unha instalación á que, xunto ó polígono industrial de Couso e á macrodepuradorá de Aguiño, se lle suma unha depuradora de menor tamaño destinada a sanear as augas das parroquias do norte do concello. Actuacións todas que multiplicarán os focos contaminantes dunha zona designada Parque Natural. A indignación volve ser o sentimento reinante na vila de Corrubedo dende onde se preguntan: ¿Quen é o encargado de deseñar a nosa Rede Natura? A súa resposta é clara: as empresas acuícolas.

ACTUAL REDE NATURA NO CABO CORRUBEDO

PROPOSTA DE AMPLIACIÓN DE HAI UN ANO

PROPOSTA DEFINITIVA DE AMPLIACIÓN

 
< Ant.   Seg. >