Ú é a U.E.?
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 30 de Xuo do 2008

 X. M. Beiras-. Ese castrón non puxo a constelación en memoria da probe Europa!. Púxoa para eternizar a sua fazaña de fornicador adúltero!

[Galicia Hoxe]

Noutras verbas, e con redundancia: Úla é a U.E.? Sen ela: Úla a U.E.? En forma dialogada: Un.- Eis a U.E. Outro.- Úla?. Un (o mesmo un).- No labirinto. Outro (o mesmo outro).- E logo?. Un (outravolta o mesmo).- Daquela, non o sabías?. Outro (idem).- Se non sabía o qué?. Un.- A cara oculta do mito. Outro.- De cál mito?. Un (impacéntase).- De cál vai ser: do mito de Europa, rediós!. Outro (con temor).- O do touro?. Un.- O de Zeus... (condescendente) Bon, o de Zeus transformado en touro. Outro.- Tanto ten, ou?. Un.- Non tal. Ou se cadra si... Para a cara oculta, si. Outro.- Oculta, por qué?. Un.- Por sacrílega. Outro.- Non entendo. Ti queres enlearme. Un.- Non quero, non. Quero ilustrarte. Outro.- ¿?. Un.- Escoita, paspán... (doutoral) Atende. Ti sabes o do mito do rauto de Europa. Outro.- Algo oín diso; seica á tal Europa rautáraa un touro. Un (vólvese impacentar).- Un touro, un touro... Fora Zeus, o rei dos deuses do Olimpo, travestido en touro. Outro (abraiado).- Logo no Olimpo xa había travestis?. Un (en seco).- Cala, iñorante! Cala e escoita. Outro.- ¿?. Un (condescendente).- O que xa había é banqueiros. Outro (trunfante) Acabáramos! Así que o tal Zeus era banqueiro. Un (alritado).- Non me enredes! Queres atender ou non?. Outro (curioso).- Agora si, xa me tes intrigado. Pódesme crer que non imaxinaba que no Olimpo ese houbera banqueiros travestis. Un (máis alritado aínda).- Vasme deixar que cho esprique?. Outro.- Disimula. Dálle. Un (perorante).- Europa era unha filla moi fermosa dun rei de Fenicia. Zeus namorouse dela, xa entendes, cobizouna, e decidíu rautala. Estaba ela a bañarse na beiramar. Zeus travestíuse nun touro moi branco e manseliño. Europa acariñouno e montou nil dacabalo, e hala!, o touro botouse a nadar e non parou até chegaren á illa de Creta. Desque chegaron, Zeus fíxolle tres fillos. Logo, exercido o divino dereito de pernada, casouna co rei de Creta. Natural, non ía levala consigo ao Olimpo, a fin de contas Europa era unha simples mortal, e muller, para máis. Iso sí: disque en lembranza dela, Zeus puxo no ceo unha nova constelación, a de Tauro, mesmamente. Outro (interrrúmpeo).- Mais o Touro non era ela... Ese castrón non puxo a constelación en memoria da probe Europa!. Púxoa para eternizar a sua fazaña de fornicador adúltero!. Un.- Se cadra levas razón e todo, mira ti por ónde, non o pensara. Outro.- Ese castrón! Banqueiro tiña que ser, o tal Zeus!. Primeiro rauta a Europa, logo faille tres fillos, despois endósalla ao rei de Creta, ben beneficiada xa. E pra rematar a faena, o malandro, que non a leva consigo ao ceo, fai coma quen de renderlle homenaxe no firmamento. Pero non pon á probe Europa na constelación: ponse il mesmo, faltaba máis. E de incógnito, o filloputa. Por Zeus!. Cánta indignidade hai nos deuses!. Un (molesto porque o Outro lle interrompise a perorata).- Mais non é esa a custión, non é esa a custión!. Outro.- E logo cál é?. Un.- A cara oculta. Outro.- Cál cara oculta?. Un.- Cómo has sabelo se non me deixas espricarcho. Outro.- Boh!. Un.- Atende. E sen interrumpíresme! Dixenche que Zeus fixéralle tres fillos a Europa. O primeiro diles, o que ía acadar máis sona, foi Minos. Herdou o trono de Creta á morte do seu pai putativo. Bon, herdar, o que se di herdar... Gañóullelo aos seus outros irmáns coa axuda de Poseidón, que fixo emergullar das ondas un touro prodixioso para que Minos llo sacrificase. Outro.- Outra vez? Menuda teima a de Zeus cos touros... Un.- Que non foi Zeus desta vez. Foi Poseidón, atende ben. Outro.- Qué mais ten un ca outro. Os deuses e os banqueiros sonche todos o mesmo. Inclusive no Olimpo, polo que se bota de ver... E a cara oculta?.- Un.- A iso vou, se me deixas. Ten pacencia, ho!. Outro (resignado).- Terei, logo. Un.- O conto éche que Minos non sacrificou o touro, como prometera pra gañar o trono. Poseidón, pra se vingar, botoulle un impeitizo á muller de Minos, chamada Pasifae, pra que se namorase do touro, e o touro fíxolle un fillo a Pasifae... Outro (sen poder conterse).- Historia repetida! Menuda teima cos touros, xa che dicía eu... Un.- Repetida non, non te precipites. Outro.- E logo non estamos na mesma?, primeiro un touro con Europa e logo outro touro coa tal Pasifae. Menuda querencia. Alguén moi sabido dixérame que iso chamábase zoofília ou cousa polo estilo... Que xa compre ter pra facelo cun animal tan grande!. Un (insiste).- Repetida non, ho, que desta foi un castigo divino, e a muller paríu un monstro, o Minotauro, un home con cabeza e cornos de touro. E aí empeza o mito do labirinto. (O perorante enceta, nun monólogo monocorde, o relato "ad libitum" do consabido mito do Minotauro confinado por Minos no labirinto deseñado por Dédalos, o lexendario artífice ateniense que fora desterrado desque matara, por ciumes, a un seu aprendiz moi habelencioso. Nese ponto interrúmpeo o Outro). Outro.- En Compostela. Un (desconcertado).- Qué está a dicir?. Outro.- En Compostela, Dédalos estivo en Compostela, o labirinto estaba en Compostela, asegurouno Risco. Un.- Qué Risco. Outro.- Don Vicente. A min dixéramo un inteleitual do Derby, que Risco escribira iso. Un.- Boh! Qué Risco nen qué Risco! O labirinto estaba en Creta, e era a morada do Minotauro, que devoraba cada pouco unha presada de efebos e doncelas ofrecidas en tributo polos atenienses. Outro.- Logo non eran cen, as doncelas? Ti estás mal informado: érache o tributo das cen doncelas, que está no timpano dunha porta moi antiga na catedral!. Un (encabuxado).- Cala dunha vez! Ou cómo queres que cho esprique?. (Arréalle un pau cunha estornela, e prosegue o seu relato, sempre "ad libitum", co lerio de Teseo, o fío de Ariadna, a morte do Minotauro, a carraxe de Minos, a fuxida de Dédalos co seu fillo Ícaro, voando coas azas que il fabricara, e todo o demáis. Rematado o monólogo do perorante, o Outro inda ousa perguntar). Outro (choromiqueiro).- E a cara oculta?... Un (eufórico).- Velaí tés! A censura ocultou sempre que o Zeus, o rei dos banqueiros travestis do Olimpo, tivera tamén con Europa unha filla espúrea, un enxendro parello ao Minotauro, só que en femia. Era un escándalo. Devoraba cartos e homes, preferíaos negros. Chamárona UE, e encerrárona no labirinto, a ela tamén. Teseo non a matou, por ser femia, niso érache moi mirado, mais tampouco a tirou do labirinto. Ficou alí confinada, hibernada, iñorada, durante séculos e séculos. Até que a descobriron uns arqueólogos finanzados por banqueiros supérstites do nazismo. Reanimárona con hormonas de papel-moeda, stock-options e futuros sub-prime. Mais non a deron tirado do labirinto. Dédalos non deixara planos, e sen planos os banqueiros pérdense, non teñen sentido da orientación -e o fío de Ariadna papárano os lagartos arnaus do labirinto, hai ben tempo xa. (Amudece o perorante, e fica pensativo. Creba o silenzo o Outro). Outro (polo baixiño, como para sí).- Así que un monstro coma o Minotauro, só que en femia... Un (aínda enviso).- Éche así. E alí che está aínda, a UE, no labirinto... Outro (nun marmurio).- Qué che parece!... A cara oculta!...l


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >