Belem: Foro Social Mundial
En Galicia temos opinión do mundo
Supermercados: voracidade sin límites
Esther Vivas   
Luns, 14 de Xullo do 2008

 Esther Vivas-. A gran distribución comercial (supermercados, hipermercados, cadeas de desconto ...) experimentou nos últimos anos un proceso, sen precedentes, de expansión, crecemento e concentración industrial.

As principais compañías de venda ao detalle entraron a formar parte do ránking das maiores multinacionais a nivel mundial e convertéronse nun dos actores máis significativos do proceso de globalización capitalista. O ano 2005, por exemplo, a empresa máis grande do mundo en volume de vendas e en man de obra contratada foi Wal-Mart, o "monstro" da distribución ao detalle. Outras multinacionais como Carrefour, Tesco ou Royald Ahold forman parte da lista das cincuenta maiores empresas do mundo.

Un monopolio sen precedentes

No Estado español, o primeiro supermercado inaugurouse no ano 1957 e desde entón este modelo de distribución e venda foise xeneralizando, até chegar a exercer a día de hoxe un monopolio absoluto na distribución de alimentos. Na actualidade, cinco grandes cadeas controlan máis da metade da distribución dos alimentos no Estado español: Carrefour, Mercadona, Eroski, Alcampo e o Corte Inglés. Aparte, se sumamos a distribución que levan a cabo as dúas principais centrais de compra (Euromadi e IFA), estas sete empresas contan co dominio do 75% da distribución de alimentos. En consecuencia, as portas de acceso do produtor ou do campesiño ao consumidor son moi poucas.

Desde a perspectiva do consumidor, no Estado español, máis do 80% das compras de alimentos fanse nas canles da gran distribución e destas un 55% realízanse en tan só cinco grandes cadeas: Mercadona, Carrefour (que inclúe Día e Champion), Alcampo, Eroski e El Corte Inglés (que inclúe Open Cor). Polo tanto, como consumidores cada vez temos menos portas de acceso aos alimentos e ao produtor.

Esta situación lévanos a describir a cadea de distribución de alimentos como un funil onde a gran distribución exerce de colo de botella na relación comercial entre campesiños/produtores e consumidores. Este monopolio ten graves consecuencias para os diferentes actores que participan na cadea comercial. Por pór un exemplo: o diferencial entre o prezo en orixe dun produto (o que a gran distribución paga ao campesiño) e o prezo en destino (o que nós pagamos ao 'súper') é dun 390%, sendo a gran distribución quen leva este beneficio. Polo tanto, o campesiño cada vez recibe menos diñeiro por aquilo que vende, o consumidor paga máis polo que compra e a gran distribución é quen sae gañando.

Impactos en diferentes eidos

A expansión destes xigantes da venda ao detalle tivo un impacto moi negativo tanto en agricultores como en consumidores, en provedores, no eido laboral, no medio ambiente, nas comunidades locais, no pequeno comercio, etc.

Os provedores (campesiños, produtores ...) das grandes cadeas de distribución vense na obriga de aceptar unhas condicións comerciais, con respecto aos prazos de subministración, aos prezos e ás condicións de pago, moi esixentes e que tan só benefician á gran distribución. Pero o monopolio que esta exerce na cadea comercial obriga aos provedores a aceptar estes condicionantes.

Así, pois, nos últimos dez anos desapareceron no Estado español dez explotacións agrarias ao día e a poboación labrega activa viuse reducida a un 5,6% do total. En Cataluña, por exemplo, a poboación campesiña suma un escaso 1,2%. Á parte, a renda agraria diminúe paulatinamente e prodúcese un constante empobrecemiento da poboación no campo. Na actualidade, a renda agraria sitúase tan só nun 58% da renda xeral. Con estas cifras nos vindeiros quince anos o Estado español terá que importar o 80% dos alimentos necesarios para alimentar á súa poboación.

O impacto da gran distribución comercial déixase oír tamén no eido local onde se implanta, acabando co pequeno comercio preexistente, coa perda de postos de traballo, coa destrución de espazos de encontro e de sociabilidade como os mercados ou zonas comerciais de barrio, xerando problemas de tráfico, contaminación ambiental e acústica, etc. Desde os anos 80, o comercio tradicional de alimentos sufriu unha erosión constante. Se o ano 1998 existían, no Estado español, 95 mil tendas, no 2004 estas reducíronse a 25 mil. Segundo indican diferentes estudos, por cada posto de traballo creado por unha gran superficie como Wal-Mart, destrúense 1,5 nos establecementos preexistentes.

A explotación da man de obra é outra das consecuencias deste modelo de distribución que afecta a tres tipos de traballadores. En primeiro lugar aos empregados de supermercados, hipermercados ... quen están sometidos a unha estrita organización laboral con ritmos de traballo intensos, tarefas repetitivas e rutineiras. En segundo lugar, aos traballadores do mesmo sector que sofren as presións á baixa nas súas condicións laborais coa escusa da competencia da gran distribución. En último lugar aos traballadores das empresas provedoras que teñen que reducir custos laborais para satisfacer as condicións impostas polas grandes cadeas.

Aumentan as resistencias

O crecente impacto económico, social, laboral, ambiental das grandes cadeas de distribución xerou un aumento das resistencias e das loitas na súa contra. Estas campañas pódense clasificar, principalmente, en tres grupos.

As campañas contra a apertura de novos supermercados. Trátase de campañas promovidas, xeralmente, por amplas coalicións locais integradas por todo tipo de organizacións que ven afectadas pola apertura dunha gran superficie, como poden ser grupos ecoloxistas, pequenos comerciantes, asociacións de veciños, etc. É un modelo de campaña moi estendido no mundo anglosaxón, con campañas contra Wal-Mart e Tesco en Estados Unidos e Gran Bretaña respectivamente, onde estas grandes superficies son as líderes do sector. No Estado español, hai que destacar as mobilizacións en Euskadi contra Eroski e, en concreto, as protestas contra a construción dun gran centro comercial en Rentería impulsadas por unha ampla plataforma.

As loitas sindicais en defensa dos dereitos dos traballadores. Nos Estados Unidos as loitas contra a explotación da man de obra en Wal-Mart foron das máis significativas. En Cataluña, unha das protestas máis destacadas foi a dos traballadores de Mercadona no Centro Loxístico de Sant Sadurní d'Anoia onde o 23 de marzo do 2006 empezou unha longa folga raíz do despedimento de tres traballadores que promoveran un proceso de auto-organización do persoal para facer fronte aos abusos laborais da empresa.

As campañas de denuncia contra as prácticas abusivas da gran distribución nos provedores e campesiños, xa sexa en países do Sur ou nos países de orixe da cadea. No Estado español, unha das iniciativas máis importantes foi a realizada polo sindicato campesiño COAG e as unións de consumidores UCE e CEACCU co lema: "Quen queda o que ti pagas?", onde denunciaban beneficios da gran distribución a expensas do campesinado e dos consumidores.

Campaña anti-súpers

O 17 de abril do 2007, coincidindo coa xornada internacional de loita campesiña, presentouse publicamente a primeira campaña no Estado español contra a gran distribución baixo o nome de "Grandes cadeas de distribución, non grazas". Unha iniciativa promovida por Plataforma Rural, a COAG, a campaña Non comas o mundo, Ecoloxistas en acción, entre outros, e que ten por obxectivo denunciar os impactos da distribución moderna en diferentes eidos e expor alternativas como a defensa do paradigma da soberanía alimentaria e a promoción dos circuítos locais de comercialización, entre outros.

A campaña conta con grupos promotores en Cataluña, País Valencià e Madrid e empézase a traballar na extensión da iniciativa en Galicia e Euskadi. Unha das accións máis importantes da que se deu conta foi o 17 de novembro (17N) do 2007 no marco do día de acción global contra as grandes superficies. En Barcelona, organizouse unha xornada de formación e debate, cun centenar de persoas, que concluíu cunha acción sorpresa nun supermercado consistente nunha visita guiada onde se explicou a orixe e as características dos alimentos que alí se podían atopar: salmón vindo de Chile, plátanos de Honduras, peras de Sudáfrica, residuos químicos, transxénicos ... En Valencia, o mesmo 17N, a Plataforma Rural e a Rede Valenciana de Consumo Responsábel organizaron unha acción simbólica nunha gran superficie.

As resistencias ás cadeas da gran distribución aumentaron por todo o mundo nos últimos anos, pero a maioría son iniciativas de carácter local e defensivo. Avanzar no fortalecemento e a coordinación das diferentes campañas e loitas locais, tecer alianzas entre a diversidade de actores afectados e enmarcar a crítica á gran distribución no combate contra a globalización capitalista aparecen como tarefas centrais para o movemento contra os 'súpers'.

*Artigo publicado en Illacrua, nº 156.


Esther Vivas
Sobre o autor ou autora:
Coordinadora de sensibilación da Xarxa de Consum Solidari (XCS).
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >