| Cooperación e medios de comunicación |
| Ignacio Carballo | |
| Martes, 24 de Xuño do 2008 | |
|
Intervención de Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Santiago de Compostela, na mesa redonda “Os medios de Comunicación e a cooperación no eido local” dos Encontros de Cooperación Local celebrados nos Ánxeles (Brión) os días 13 e 14 de xuño de 2008. Quixera comezar facendo unha pregunta de obvia resposta: Alguén pode dubidar da necesidade dos medios de comunicación de masas como vehículos imprescindibles para mobilizar á sociedade, para crear opinión social a favor da cooperación? Digo que a resposta é obvia, mais a práctica parece que vai por outros derroteiros. Basta botar unha ollada a un pasado recente, o que está recollido, dende hai apenas tres anos, no “Informe Cero do Sector das Organizacións Non Gubernamentais para o Desenvolvemento en Galicia” promovido pola Coordinadora Galega. Na elaboración dese informe consultáraselles a representantes de diferentes medios de comunicación, entre eles La Voz de Galicia, e as conclusións foran tallantes e poden resumirse nunha frase: a cooperación non forma parte da axenda dos medios. Dende entón atrévome a afirmar que poucos avances se teñen dado para acabar con este desencontro. E iso que o primeiro Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006-2009 é ben claro cando afirma que “é necesaria unha política estruturada mediante a programación de estratexias de comunicación, información e formación que chegue a tódalas vilas e cidades galegas”. Mesmo o plan apunta como elemento de valoración nas convocatorias de axudas a proxectos de cooperación que estes se enmarquen na estratexia de comunicación da entidade solicitante. Sen embargo, non se ten profundizado neste que debera ser un obxectivo común. Dende os medios de comunicación, a información relativa á cooperación raramente é considerada prioritaria dentro do seu temario de actualidade excepto se é consecuencia de grandes traxedias humanitarias. Con frecuencia, o interese dos medios pola divulgación da cooperación para o desenvolvemento é consecuencia do voluntarismo dos xornalistas a título individual e non porque sexa asumida polo medio dentro da súa liña editorial. Sen embargo, hai que afirmar con rotundidade que existe interese crecente nos medios, porque esta información interesa, porque hai demanda dela na sociedade. A información de contido social, no sentido da producción de información dende a base da sociedade e non dende as instancias do poder político, vén gañando terreo a pasos axigantados nos medios, e aí ten o seu espazo comunicativo a cooperación para o desenvolvemento. A instalación na axenda dos medios de problemáticas mundiais multiplicadoras de desigualdade, como o cambio climático, o acceso aos recursos hídricos, a destrucción dos recursos naturais, o encarecemento dos alimentos, así como as crises humanitarias, abren asemade un campo enorme á intervención dos axentes da cooperación para axitar a conciencia da sociedade. Que despois nos cuestionen (e parecerá unha nimiedade pero é unha vella teima das oenegés), se a información da cooperación debe ser publicada nas páxinas de Galicia, de Internacional ou de Sociedade ¿que queren que lles diga? A mín paréceme un asunto secundario. A sección de Sociedade ten gañado moitísimo protagonismo dentro do temario dos xornais (La Voz de Galicia é un exemplo disto) e é das máis lidas. Moito máis importante me parece que exista nas entidades da cooperación unha estratexia de achegamento aos medios de comunicación. Difícilmente poderá haber unha estratexia con resultados eficaces se non hai persoas especializadas para deseñala e levala adiante. Os medios precisan interlocutores cualificados que lles faciliten o labor, que saiban falar cos xornalistas na súa mesma linguaxe, que saiban, permítanme a expresión, “vender” a mensaxe, que poidan aportar a información que os medios lles demandan e faciliten o acceso ás fontes. Para todo iso fan falla habilidades, un labor con continuidade dentro das organizacións e con constancia no trato cos xornalistas. Tamén é precisa a formación dos xornalistas para que poidan trascender con solvencia ese espazo comunicativo dominado pola retórica da fame que, a forza de costume, é incapaz de conmover as sociedades desenvolvidas. A nivel institucional, tamén é evidente a necesidade dun maior contacto entre os responsables dos axentes da cooperación coas cúpulas directivas das empresas de comunicación, unha acción imprescindible para conseguir esa pretendida presencia editorial. Posiblemente, para a maioría das organizacións non gubernamentais galegas esta xestión profesional da comunicación é un obxectivo inalcanzable na actualidade, pola realidade que vive o terceiro sector. Falo dunha realidade complexa, pola proliferación de organizacións de tamaño moi pequeno, con poucos recursos e escasa profesionalización da súa xestión. Tan só as grandes organizacións de dimensión estatal, con delegacións en Galicia, contan con gabinetes de comunicación profesionalizados, habitualmente nas súas sedes centrais. Sen embargo, as entidades galegas deberían sumar esforzos, potenciar os seus instrumentos de acción cooperativa, como a Coordinadora Galega e o Fondo Galego de Cooperación, e deseñar estratexias conxuntas de comunicación. As organizacións non gubernamentais teñen un enorme potencial para xenerar unha nova axenda política, pero non o poderán conseguir se cada unha fai a guerra pola súa conta. Por outra parte, hai moitas voces que abandeiran o recelo contra a capacidade dos medios de comunicación tradicionais para crear vencellos de solidariedade e cooperación no mundo globalizado. Son voces que consideran aos medios transmisores da lóxica neoliberal e que anulan a capacidade crítica da cidadanía. Neste contexto cabe preguntarse entón se a loita contra as desigualdades implica loitar contra o poder dos medios de comunicación ou converter aos medios en aliados desa loita. Eu aposto polo segundo. E estou seguro de que os medios non queren ser neutrais, porque é unha cuestión de xustiza, de xustiza social, e aí non hai neutralidade que vala. Os axentes da cooperación non deberan ter ningún recelo cara os medios tradicionais. Ademais, en absoluto sería efectivo. Se falamos dos medios escritos, a prensa tradicional ten que ser un dos seus aliados imprescindibles. En Galicia, a audiencia dos principais xornais propios da nosa comunidade suma casi 1.300.000 lectores diarios, é dicir, máis da metade da poboación maior de quince anos de idade. A súa forza como actores da actualidade política e social é incuestionable, non digamos xa no caso de La Voz de Galicia, que ten unha media de 600.000 lectores diarios. Considerar os novos medios dixitais como a canle máis eficiente para vehicular cooperación é, hoxe por hoxe, un erro estratéxico. As empresas xornalísticas galegas están tamén na primeira liña en Internet e son asemade, neste ámbito, unha oportunidade para alcanzar o obxectivo de crear cooperación. Unha das principais características das cabeceiras xornalísticas tradicionais de Galicia, sexa en soporte papel ou dixital, é o seu enraizamento no ámbito local. Por iso cobran unha maior importancia cando falamos de fomentar a cooperación no entorno máis inmediato. A familiaridade da prensa local favorece a comprensión das súas mensaxes no contexto comunicativo global. Os medios de comunicación forman cidadanía, o que implica crear conciencia das desigualdades e, polo tanto, o seu potencial é enorme para xenerar un espazo común de actuación para a cooperación, un espazo de proximidade que non é contraditorio coa dimensión global, senón que responde a unha lóxica de entender o global dende o local. Sen embargo, permítanme que califique de decepcionante o panorama informativo da cooperación nos espacios comunicativos de ámbito local. Tan decepcionante como a escasa implicación dos entes locais en materia de desenvolvemento. É certo que este territorio da información local está moito máis fragmentado, chega a unha audiencia menor que a de ámbito autonómico e estatal, pero esta “descentralización” informativa tamén ten as súas vantaxes: permite desenvolver accións específicas para incidir en determinados ámbitos territoriais e, sobre todo, está menos condicionado polos rigores da dispoñibilidade de espazo e das prioridades da actualidade do día. Tamén disfruta de máis flexibilidade para ser permeable ás mensaxes das organizacións que traballan en cooperación. O desencontro que antes citaba entre medios de comunicación e axentes da cooperación tradúcese aquí na publicación inconexa de iniciativas das organizacións non gubernamentais, fundamentalmente programas de ámbito local desenvolvidos dende as súas sedes centrais polas entidades de maior implantación; a presentación de campañas puntuais dos máis diversos contidos solidarios; a recadación de fondos para accións concretas; a conta de resultados do comercio xusto local; mesmo as tarxetas navideñas de Unicef. Non existe un aproveitamento real da capacidade dos ámbitos da comunicación local para sensibilizar aos cidadáns mediante unha estratexia coherente e sostida sobre a necesidade de fomentar as políticas municipais de cooperación. Incluso nas campañas electorais está ausente este debate e os cidadáns non saben cantos cartos destinan os seus concellos e deputacións á cooperación, nin se existen ou non plans municipais nesta materia. Hai distintas maneiras de especialización dos medios de comunicación na información da cooperación para o desenvolvemento. En Galicia temos notables exemplos, certo é que non demasiados, deste interés crecente. O que representa nesta mesa Manoel Santos, Altermundo, é un deles. Dende o ámbito de prensa xeneralista, permítanme que me refira a unha sección de periodicidade semanal que vén publicando La Voz de Galicia e que cada domingo ten unha cita cos lectores de toda a comunidade. Trátase de “Galegos Solidarios”, da que é autor o meu compañeiro na Redacción de Ferrol Rubén Santamarta, un xornalista que fixo do seu interese por tódalas materias relacionadas co desenvolvemento un dos seus principais campos de traballo, un exemplo dese voluntarismo do que falaba antes e que crea conciencia dende dentro da Redacción por esta temática. Rubén compatibiliza este traballo coa súa dedicación á actualidade local de Ferrol, o que lle dá moito mérito a esta especialización, por así dicilo, autodidacta. “Galegos Solidarios” leva ás páxinas de Sociedade de La Voz as facianas da cooperación galega no mundo. Moitas veces, as organizacións non gubernamentais teñen problemas para que os seus proxectos poidan atopar un espazo nas páxinas dos xornais, sobre todo se a súa dimensión en termos económicos é reducida. Un caso significativo, no lado oposto, foi o da recente presentación do proxecto de seis organizacións, auspiciado pola Dirección Xeral de Cooperación, para as comunidades indíxenas de Guatemala, que está dotado con case seis millóns de euros en catro anos. Claro, era o maior proxecto galego de cooperación e mereceu grandes titulares no temario do día. Non era ese o caso de Diego Pérez, que desenvolve o Proxecto Esperanza, das organizacións Entreculturas e Volpa, para discapacitados en Albania. Con “Galegos Solidarios” a sociedade visualiza ás persoas que, como Diego, deixaron a súa vida en Galicia para traballar contra as desigualdades; pónselle rostro á entrega do cooperante. Esa información interesa, e moito. É unha maneira moi eficaz de despertar o interese dos cidadáns. Así o entenderon tamén as organizacións non gubernamentais, a propia Dirección Xeral de Cooperación da Xunta de Galicia e a Axencia Española de Cooperación Internacional, que facilitaron en todo momento o traballo de Rubén na procura de contactos para obter o testemuño dos cooperantes galegos no mundo. Das reportaxes realizadas ata agora extráese un perfil dos “Galegos Solidarios”, que pode responder, con carácter xeral, ao dunha muller, de entre 23 e 28 anos de idade, licenciada en Ciencias Políticas, que posteriormente cursou o máster de cooperación internacional da Universidade de Santiago ou outros cursos de especialización. Casi todos traballan en América Latina, debido ao idioma, aspecto polo que tamén resultan moi accesibles aos galegos os países lusófonos de África. Estes “Galegos Solidarios” teñen en La Voz de Galicia o precedente, hai uns anos, da sección “Xente que cambia o mundo”, de Hernán Zin, que se publicaba no suplemento dos domingos. É unha maneira de introducir na actualidade informativa, dun xeito atractivo, moi próximo á xente, o traballo de base da cooperación polo desenvolvemento. Alí onde estea. Por ser un traballo cotiá, en realidade unha xesta cotiá, probablemente non tería saído nunca nun medio de comunicación, porque o que ocorre de cotío normalmente non é noticia. Por desgracia, a miseria é cotiá e estamos moi acostumados a ela, ata o punto da indiferencia. Ese é o reto que temos que asumir os xornalistas. |
| Seg. > |
|---|
