| Coma en Irlanda! |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 22 de Xuo do 2008 | |
X. M. Beiras-. Os magnates neo-feudais adeprenderan a leición: a democracia loce moi ben a condición de non praticala, e é cousa molestísima cando aos cidadáns se lles dá por exercela con lucidez.
[Galicia Hoxe] No orixinal, literalmente: "...e Irlanda libre / berra que berra / vence aos tiranos/ d"Ingalaterra. / Xa non son servos / os labradores!... / Xa non hai foros / nin hai siñores! / Ergue labrego! Érguete e anda! / Coma en Irlanda! Coma en Irlanda!". Hai cousa dun século e cuarto que foron escritos estes versos. Millor diría: esta arenga versificada. Autor? Non, evidentemente non é Curros: literariamente dista de dar a sua talla. Tampouco un émulo seu con pretensións de poeta. Trátase de alguén que só ocasionalmente escribíu versos, inda que unha das suas escasas composicións, musicada polo mestre Taibo, foi o primeiro Hino Galego composto, impreso e interpretado como tal. Levaba por tíduo o lema dos Irmandiños, "Deus Fratresque Gallaecia": "Casta dos celtas ¡esperta axiña! / ¡ergue do fango da escravitú!" –así comezaba. Gardo nos xa remotos recantos da miña memoria infantil a lembranza de térllelo escoitado cantar, con moita emoción, a venerábeis supervivintes das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista en xuntanzas de amigos ao abeiro da privacidade doméstica.
Coido que agora xa adiviñades. O autor non pasou á memoria colectiva da nosa historia polos seus versos. Pasou, digo, pasa por ser o teorizador dun simples "rexionalismo", e moi conservador e católico il. Retratárao Fenollera arrandeándose apacíbelmente nunha bambeeira, como un persoaxe da "leisure class" de Veblen, cun aquel "nonchalant" e vagaroso, distante e alleo a calisquer conflitos sociais: ninguén adiviñaría nesa figura a un ardido defensor dos labregos foreiros, inda menos ao autor de soflamas en verso incitándoos a soerguerse... coma en Irlanda! Si. Chamábase Alfredo Brañas. Finou ainda novo, hai agora cento e oito anos. Pronosticara a liberación de Irlanda, a sua "constitución" como "unha nova nacionalidade" en Europa. É evidente que acertou.
* * * * *
Pois ándavos agora Europa moi alporizada… Arremítome. Andanvos agora moi alporizados os novos gringos europeus con iso de que Irlanda exercese a sua liberdade. A liberdade da sua soberana decisión, quero dicir. O mesmo que se o fixesen Galiza, Euskadi ou Catalunya, que ao cabo encarnan realidades e procesos históricos paralelos e análogos ao irlandés -non iguais, ben sei, a empezar por non estaren aínda culminados. Mesmo, arestora, colleunos a dianteira Escocia, que ousa proclamar, e por boca do seu governo autónomo, a sua vontade de ser un Estado libre en Europa. Quen o ía dicir hai tan só tres decenios, cando saíu á luz "The red paper on Scotland", aquil apaixoante volume colectivo coordenado polo daquela reitor da Universidade de Edinburgh, Gordon Brown –por certo publicado por Laiovento, meiante unha escolma traducida ao galego, hai xa tres lustros, no 1993. E, porén, xa naquil volume, editado no 1975, Tom Nairn publicara un formidábel ensaio, tiduado "Vello nacionalismo e novo nacionalismo", onde diagnosticaba certeiramente que os procesos de novo nacionalismo xurdían na periferia europea como "derivados forzosos da natureza grotestamente desigual do desenvolvemento capitalista", en áreas "localizadas nas estremas de novas zonas metropolitáns de crecemento, que padecen unha correlativa desposesión e vense cada vez máis impelidas á acción política contra iso" –e pronosticaba que a combinación deses fenómenos co do petróleo descuberto no Mar do Norte ía "situar a Escocia na vangarda desa revolta de rexións periféricas". Mais disto falaremos outro día, se vos interesa –disimulade por esta miña digresión.
* * * * *
O alporizamento dos gringos da UE débese, como supoño que saberedes xa, ao resultado seica inesperado, cando menos para iles, da consulta plebiscitaria na que os cidadáns irlandeses rexeitaron o chamado Tratado de Lisboa. Aclaremos: trátase do sucedáneo do fracasado Tratado Constitucional da UE, aquil pailebote corsario que os cidadáns franceses e holandeses fixeran embarrancar plebiscitariamente nos agrestes cons da soberanía popular defensora da fecunda utopía dunha Europa dos povos culturalmente diversa, socialmente xusta e farturenta para as xentes todas do común. Ou sexa, do contrario da Europa neo-feudal de magnates e servos da gleba que aquil Tratado tentaba reinstaurar en clave ultraliberal e postmoderna.
Os magnates neo-feudais adeprenderan a leición: a democracia loce moi ben a condición de non praticala, e é cousa molestísima cando aos cidadáns se lles dá por exercela con lucidez. Arrepintíronse de ter convocado aos cidadáns a pronunciárense direitamente, no canto de reservaren a decisión á xuiciosa e ben guiada caste política que promete unha cousa cando solicita o voto dos eleitores e fai a contraria desque obten o mandato para exercer o poder –noutras verbas: promete servir a vontade dos eleitores para logo pórse ao dispor do capricho omnisciente dos magnates, madia leva. De xeito que amañaron unha enxeñosa trécola para furtaren o seu ultraliberal proxecto dunha Europa neofeudal ao veredicto dos cidadáns: no canto de reformularen o Tratado constitucional cun deseño acaído aos intereses do común, confeccionaron un enguedello inestricábel con retrincos dos tratados precedentes, dende o fundacional de hai meio século en Roma até o constitucional abortado. O enxendro resultante aprobarono en Lisboa en decembro pasado: un disfraz a medida dos magnates e á moda ultraliberal, para pasar a mesma mercaduría "constitucional" europea sen ser vista polos cidadáns. Chamárono reforma, así que non compriría plebiscitalo.
* * * * *
Mais non contaron co sempre entroidante "feito diferencial", neste caso o irlandés: a constitución de Irlanda obrigaba en todo caso a sometelo, alí, a referendum. O tratado-mascarita, en Irlanda, tiña que pasar pola alfándega plebiscitaria da soberanía nacional-popular irlandesa, mira ti. E o povo irlandés, históricamente escaldado de ter sido colonia británica, e afeito a ter que pelexar con "ira" durante séculos para deixar de selo, descubríu o matute agochado na sentina do buque-corsario-bis gringo-europeu, e fíxoo escachizarse nos inaccesíbeis farallóns da verde Eirin –un dos sete ciños celtas que poetizara Cabanillas e cantaban os mozos Ultreias da xeración do meu tio Antón, Tucho para os da casa: aquilo de "Ocairí, ocairá, ocairi, airí, airá", que tamén resoa nos labirintos insomnes da miña nenez. Cantaruxeino eu polo baixiño aínda antonte, e con moita sorna, cando lin o grande titular na primeira dun xornal español con sona de progre: "Irlanda afunde á UE na sua pior crise". Engádega aclaratoria en rótulo menos rechamante: "O "non" ao Tratado de Lisboa trunfa no único país que o somete a referendum".
Isto da versión progre do pensamento único europeísta évos moi curioso. Lonxe de alarmarse polo feito de que a camuflada reedición do rebotado tratado constitucional non se someta ao veredicto dos cidadáns máis que nun só dos non-sei-cantos países da UE, lonxe, digo, de indignarse por semellante fraude antidemocrático, o pensamento progre correcto pon patas arriba os termos da custión. Esprícome. Dá por suposto que a cidadanía de tódolos países da UE, menos un, está conforme co tratado de Lisboa, e considera unha bulra á democracia que esa imensa maioría silenciosa, digo, silenciada, vexa frustrada a sua espectativa pola exigua minoría que puido emitir a sua voz e o seu voto. Alguén que di ser vicepresidente do "Partido Socialista Europeo" –si, PS, non PP, non me trabuquei– escribe, sen enrubiar, esta lindeza: "Por interés e por principio democrático, cómo aceptar con resignación que un mangado de votos poda parar o que cáseque cincocentos millóns de cidadáns e cidadás decidiron pór en marcha?". Manda truco. Se tan seguros están de que os pais do proxecto rexeitado polos irlandeses son os "case cincocentos millóns" de cidadáns europeus restantes, por qué non preguntarlles se recoñecen a ese seu fillo? Ou é que os auténticos pais, os magnates que se lles meteron na cama ás furtadelas, temen que o común lles faga apandar coa criatura?
Pois hai máis. Un surrealista editorial do mesmo xornal progre xa aludido faille o eco ao vice do PSE, en ton de sentenciosa homilía de cura de parroquia: "Un elemental sentido común (…) dicta que o progreso dun colectivo de cáseque cincocentos millóns de persoas non debe ser paralisado pola opinión adversa de menos do un por cento dos seus integrantes, por moi respeitábel que sexa (…)". Así que a democracia é iso? Mais, a seguida, aclárase o conceito meiante un lapsus freudián do editorialista: "Ningún club con ambicións políticas e económicas de grande alcanzo é funcional atendendo a semellantes maximalismos". Acabaramos: a UE é un "club", móvese por "ambicións", ten que ser "funcional", e o referendo democrático dos cidadáns é un "maximalismo". Se iso todo é socialismo e democracia, que o demo me leve, diría Curros –esta vez, sí. * * * * * Tan descarado desprezo da cidadanía, tan perversa manipulación dos alicerces conceituais da democracia, descóbrenos de paso unha faciana da mitoloxía europeista ultraliberal particularmente ameazante para os dereitos de nacións periféricas como a nosa. Revela o incordio que supoñen os "feitos diferenciais", poisque atrancan a uniformización da ianquilandia europea deseñada polos magnates dos poderes financeiros e mediáticos. Por iso o pensamento único da UE, sexa progre ou carca, reacciona fronte ao episodio plebiscitario irlandés de xeito análogo a como o fai o seu equivalente celtíbero do reino de España fronte aos "feitos diferenciais" galego, euskaldún ou catalán. Hai unha "Europa uniforme" semellante á "España uniforme" goyescamente retratada por José Ignacio Lacasta en textura maxistral. Ésa non comenza nen acaba nos Pirineus. Tampouco no Canal da Mancha, nen no Báltico, nen na outrora fronteira do Oder-Neisse. Acaba onde un "feito diferencial" exerce os seus dereitos soberáns, a sua libre determinación nacional. Como ven de facer a verde Eirin, a Irlanda de O"Connell, de Parnell e do martirizado Connolly. A que volve darnos exemplo aos cidadáns galegos. A que nos devolve a espranza dunha Europa democrática dos povos e os cidadáns. A que nos volve dar folgos para berrarlles aos europeus todos: Erguete e anda! Coma en Irlanda! Coma en Irlanda!… | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

X. M. Beiras-. Os magnates neo-feudais adeprenderan a leición: a democracia loce moi ben a condición de non praticala, e é cousa molestísima cando aos cidadáns se lles dá por exercela con lucidez.
