O lerio do finanzamento (IV)
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 16 de Xuo do 2008

X. M. Beiras-. O capital privatizado entre 1996 e 1999 forneceulle ao Estado uns ingresos de 2,7 billóns de pts. Os beneficios no exercizo de 1999 de só nove das empresas privatizadas ascenderon a 650 mil millóns. Ou sexa que, en só catro anos, o monto dos beneficios equivalería ao total dos ingresos obtidos pola venda de tódalas empresas públicas privatizadas nese período.

[Galicia Hoxe]

Debe ser iste o único país do mundo no que a Historia non avanza: só corre o tempo -que non é o mesmo, claro. Escoitárallo dicir, hai anos, a un paisano sabio e sentencioso co que estaba eu a debullar a situación do agro nunha de tantas xuntanzas con xentes das Labregas. Veume ás mentes este pensamento ao rematar de ler as invectivas e xaculatorias parlamentares que vos transcribin no meu artigo da semana pasada -e outras máis que preferin aforrarvos. Invectivas e xaculatorias, digo, por denominalas dalgún xeito humorístico e piedoso -poisque vós mesm@s poderíades xulgar se acaso tiñan algún parecido co que se adoita entender por argumentacións razonadas a prol ou en contra das teses obxecto de debate. Nen coa disección analítica do modelo proposto e sometido a deliberación parlamentar, que é o que cabe e mesmo compre esperar dunha controversia dialóxica, plantexada e desenvolvida meiante ideas. Mais tampouco, curiosamente, coa polarización dialética usual (?) nunha cámara de representantes, é dicir, a que adoita confrontar governo e oposición. Nefeito, ese eixo dialético bipolar resultara transmutado, mudara de coordenadas: dous grupos da "oposición" fixeran causa común co do governo para arremeteren, xuntos, contra o único grupo opositor que ousara ofrecer un deseño tributario galego autónomo.

Gobernaba na Xunta a dereita fraguiana, e no estado imperaba o "aznarato", en expresión de Sampedro. Dereita portanto, robusta e recalcitrante, tanto aló coma acó. E xa que logo tamén, tanto no poder central coma nesta periféria autonómica, os mesmos responsábeis do modelo de finanzamento vixente, das suas eivas conxénitas e máis do maltrato que lles inflixía aos intereses públicos galegos -é dicir, precisamente aquiles que a cámara galega nacera para defender. Dábanse así as condicións perfeitas para que os tres grupos da oposición, seica situados os tres na esquerda, actuasen conxuntamente fronte á dereita gobernante que, no canto de defender a autonomía financeira das institucións que ocupaba, sacrificábaa aos intereses do seu partido no poder central. Para unha esquerda española non comprometida daquela no goberno do Estado, era unha ocasión perfeita para mallar na dereita, adversaria sua, sen custe colateral ningún.

Pois nen con ésas. O debate evidenciara que, á hora da verdade, a dialética esquerda-dereita evaporábase perante a emerxencia da contradición Galiza-Estado. Ao plantexáremos unha fórmula de poder tributario congruente cun modelo de Estado composto, único acaído para unha realidade plurinacional, as forzas españolas tornábanse españolistas: arrombaban estandartes e insignias de esquerdas ou dereitas para integraren unha única falanxe defensora do Estado unitario -só acaído, iste, para unha realidade uninacional, neste caso inventada no amaño constitucional da famosa transición. Mais non se decataban de que, no entanto, a metamorfose ocasionada polo debate facía reaparecer o polo dialético da esquerda, só que nunha posición inesperada: na defensa da periferia fronte ao centro, dos dereitos do povo e a nación galega fronte ao imperante poder centrípeto do Estado unitario camuflado con uniforme autonómico.

Velaí a virtude do debate: non se cifraba na eficacia dun imposíbel acordo parlamentar, senón na mostración da verdadeira actitude ideolóxica e posición política de cada quen a respeito do "autogoberno" que todos dicían propugnar para o povo galego. Un povo, polo demáis, históricamente oprimido, non opresor. Un povo inda arestora espoliado, non espoliador. Na disxuntiva -que vos sinalara hai días- entre confeccionar un traxe fiscal axeitado á morfoloxía do corpo social, ou embutir ese corpo nun traxe prefabricado contra-natura, só nós, os nacionalistas, apostabamos pola primeira opción. A segunda -escusado espricalo- foi sempre, éo xenuinamente, unha alternativa reaccionária. Pois foivos a que adoptaron uns e outros.

* * * * *

Catro anos antes, na primavera do noventa e seis, a dereita aznarista -a máis ultramontana dende o remate do franquismo- empoleirárase no governo do Estado, e apresurárase a consumar unha contra-revolución fiscal e orzamentaria ultraliberal, dirixida a reducir drásticamente o papel do Estado na economía, desmantelar o sector público e desmontar, de facto, o tímido modelo constitucional dunha sociedade do benestar.

Para acometer semellante fazaña tiña, porén, que remover un atranco inicial: o aznarismo non obtivera nas Cortes maioría abondo para garantir a investidura do seu xefe como presidente do governo. Resolvenno pactando con CiU, que gobernaba en Catalunya, un novo modelo de finanzamento autonómico supostamente baseado na "corresponsabilidade fiscal", que tiña o seu eixo no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF): cesión do 30%, co aditamento da potestade para certos retoques autónomos da configuración dese imposto no tramo cedido. Naturalmente, non era un deseño esclusivo para Catalunya, senón o novo modelo financeiro para tódalas autonomías agás as de rexime especial concertado -Euskadi e Nafarroa. Mais, de feito, era un traxe a medida das comunidades "ricas". Nefeito, primeiro, o IRPF era daquela a figura tributaria que máis ingresos fornecía á Facenda pública. E, segundo, era o único imposto directo e progresivo, non simplesmente proporcional ao ingreso persoal de cada contribuinte. Iso siñificaba que a recadación polo IRPF ascendía de xeito máis que proporcional conforme máis elevado era o nivel de renda das persoas... e das comunidades. Pola combinación deses dous feitos, o novo modelo favorecía, comparativamente, a autonomía financeira das autonomías económicamente máis potentes -Madrid unha delas, claro. En troques agravaba, tamén comparativamente, a dependencia financeira da autonomía galega dos fondos transferidos dende os orzamentos xerais do Estado.

Ora, unha vez lograda a sua investidura, o xefe do aznarismo puxo en marcha duas operacións combinadas. Unha: a venda en "subasta á baixa" do patrimonio estatal das empresas públicas máis rendíbeis, eufemísticamente denominada "política de privatizacións –en rigor, dilapidación de capital e rendementos públicos. Si. Unha mostra. O capital privatizado entre 1996 e 1999 forneceulle ao Estado uns ingresos de 2,7 billóns de pts. Os beneficios no exercizo de 1999 de só nove das empresas privatizadas ascenderon a 650 mil millóns. Ou sexa que, en só catro anos, o monto dos beneficios equivalería ao total dos ingresos obtidos pola venda de tódalas empresas públicas privatizadas nese período. Negocio redondo, non si? Mais, para quen?

A segunda operación aznarista consistía en lanzar un torpedo á liña de flotación do recén pactado modelo de finanzamento autonómico: o IRPF –"Roma no paga a traidores", dí a máis anterga tradición celtibero-lusitania. A contra-reforma aplicada ao IRPF comezou por rebaixar o tipo impositivo para as rendas máis altas, logo suprimir os tramos superiores, suprimir a progresividade para as rendas do capital integrantes dos ingresos persoais, non así para os ingresos procedentes do traballo -e de aí en diante, no camiño dunha redistribución invertida: dos de abaixo cara os de arriba na pirámide social. En poucos anos, os da primeira lexislatura do "aznarato", os efectos foron prodixiosos: a porción do IRPF recadada dos ingresos procedentes do traballo axiña sobardou o 80% do total, a distribución da Renda Nacional entre ingresos do capital e do traballo pasou dunha proporción inicial de 30/70 por cento a achegarse ao 50/50, etcétera. Simultáneamente cargouse a man nos impostos indirectos, regresivos iles: en 1996, os ingresos públicos por impostos directos sumaban un billón (pts.) máis que os indirectos; catro anos despois era ao revés. En 1996 o IRPF aportaba dous billóns máis ca o IVA; no 2000 o IVA igualara xa ao IRPF.

* * * * *

Coido que vos abondarán estas pinceladas sobre a contra-reforma fiscal aznarista para percibiredes a gravedade do seu impacto en duas dimensións cardinais. Primeira, na "equidade" tributaria do sistema e a xustiza fiscal "progresiva" solenemente proclamada no art. 31 da constitución española -reducido a cinzas polos que sempre nos acusaron, aos nacionalistas, de sermos unha ameaza para a integridade desa carta "magna". Segunda, a alevosa sabotaxe do modelo de finanzamento autonómico pactado para obter Aznar a investidura como xefe de goberno do Estado. Inxustiza fiscal -portanto, social- agravada. Deseño ruinoso para Galiza do modelo de finanzamento autonómico pactado polo aznarismo para chegar ao governo. E logo, por riba, manipulación deturpadora da autonomía fiscal que o modelo, inda así, introducía. Cáseque "crime perfecto".

Pois nada diso importou aos grupos da esquerda española para avaliar a nosa proposta dunha facenda autónoma e unha fiscalidade progresista na cámara galega. Nada diso lles impedíu faceren corpo coa sección fraguiana da dereita aznarista para convirtírense, todos xuntos, en oposición a nós. A contra-reforma non era problema; non dificultaba a "harmonización fiscal", non era "disgregadora", non entrañaba "dumping fiscal", non configuraba un "inimigo exterior". En suma: non ameazaba con romper España, ou?


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
Seg. >