Corrubedo, República de Cabo Verde
Manoel Santos   
Sábado, 15 de Xullo do 2006

O de Cabo Verde, amais de formar parte da reivindicación ambiental que nestas datas trata de afastar un dos cabos máis senlleiros do litoral galego das poutas da especulación –xa sexa industrial ou urbanística–, para as fillas e fillos do cabo Corrubedo, dos seus ventos e dos seus montes de area, é algo así coma un sinal de identidade.

Hai anos, nos tempos en que os orgullosos trinquetes das dornas xeiteiras do cabo, aquelas que navegaban con peito de lobo e rabo de xarda, sucaban a nosa costa dende A Guarda a Fisterra, os mariñeiros bautizárono así, Caboverde. Logo, da morriña dos que foron máis aló, buscando a vida por outros mundos e outros mares, xurdiu a brincadeira de referirse ao pobo como a República de Caboverde. Así o lembran aínda moitos vellos mariñeiros.

E é que dende o océano, á altura deses baixos de Corrubedo enchidos de arrepiantes historias de naufraxios e despedidas, de memoria, a lingua de terra onde morre A Barbanza vese así, coma un espallado e ermo outeiro verde, inmaculado, virxe de construcións, onde o manto vexetal de toxo e herbas de namorar salferido de penedos amarelados polos liques só é perturbado pola luz intermitente do faro, protector dos homes que viñeron do mar.

Ninguén ousou nunca especular co cabo verde. As súas terras deron de comer ao pobo nos tempos máis duros, xa sexa polas leiras que configuraron un labirinto de valados de pedra e corredoiras entre agras, ferrados de pan; xa sexa polo seu mar, de cantís de percebe e fondos que renden culto a biodiversidade. Corrubedo é un cabo virxe, virxinal, unha illa nun mar de despropósitos urbanísticos e irresponsabilidades ambientais. Un tesouro que, para mágoa da nosa memoria de pobo mariñeiro, espera o espolio, laiando como laia o vento.

Así, “Corrubedo, Cabo Verde”, é como a Plataforma pola defensa Medioambiental de Corrubedo titulou o Manifesto en defensa do cabo, instrumento verbal que rexeita e trata de impedir a construción dunha xigantesca fábrica de peixes norueguesa –320.000 metros cadrados– nas agras do cabo. É un berro de indignación, mais tamén un bruído que chama á loita, que reclama a virxindade desa lingua de terra.

O proxecto naceu auspiciado por un Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria aprobado no derradeiro Consello da Xunta dese réxime fraguiano que esnaquizou gran parte do noso litoral sen sentido, e que hipotecou o restante. A campaña electoral, a súa guerra perdida, estaba enriba. Velaí a súa rancorosa, traidora e, probabelmente, interesada herdanza.

Para cumprir coa encomenda da empresa norueguesa –de novo nós, fillos e fillas de Galiza, tratados coma unha colonia– á hora de definir a proposta de espazos naturais que engrosarían a rede Natura 2000 da Directiva Habitat da Unión Europea deixaron fóra o cabo Corrubedo. No medio e medio das case 10.000 hectáreas do LIC –Lugar de Interese Comunitario– coñecido como Complexo Húmido de Corrubedo, que vai dende a illa de Sálvora ao castro de Baroña, quedou unha illa dunhas 480 hectáreas verdes, libres da presenza destrutora do home.

A tendenciosa decisión, sen dúbida ateigada de intencións especuladoras, dos intereses dalgúns en privatizar todo un cabo, serviu tamén para que agora Touriño e a conselleira de Pesca, Carme Gallego, teñan unha escusa para matar Corrubedo. Disque non é zona Natura 2000, malia que saben que debería selo. Paradoxalmente este PSOE que di que lidera un goberno novo e progresista, que fala de desenvolvemento sustentábel e de protección do litoral, utiliza a escura política de Fraga para pregarse aos intereses das empresas. Fixéronlle o traballo lixoso, asúmeno como ben feito e condenan o patrimonio de todos a unha morte inevitábel.

Os fillos e fillas do cabo Corrubedo chamamos aos fillos e fillas de Galiza enteira a se identificaren coa nosa loita e a compartiren os nosos laídos (altermundo.org). Non, non imos permitir a desfeita, aínda que para iso teñamos que erguer de novo e para sempre o pavillón pirata da República de Caboverde.•

Antes de saír publicado este artigo, previsto para o Día da Patria Galega –25 de xullo– e escrito para o voceiro nacional de Esquerda Nacionalista, a Xunta decidía desbotar o proxecto que ía esnaquizar o noso cabo. Malia isto a administración de altermundo.org decidiu publicalo para deixar constancia da loita exitosa que moitos e moitas emprenderon por esa terra virxe. Parabéns tamén, porque é de xustiza, ao goberno galego por librarnos do mal.

Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >