‘Pachi’ Vázquez, avaliación tráxica
Manoel Santos   
Sábado, 31 de Maio do 2008

Galicia Hoxe (31/05/2008)-. A esixencia de facer unha avaliación estratéxica de determinados plans e programas –como os PXOM ou plans sectoriais– que poidan causar un impacto negativo na sustentabilidade do medio foi regulada en 2001 por unha Directiva Europea e, derivada desta, polo Estado español coa Lei 9/2006. Este proceso pretende que eses plans sigan criterios de sustentabilidade –e non só no eido ambiental, tamén no social e no económico– dende as súas primeiras etapas, para non atopármonos con sorpresas cando se pretendan desenvolver.

A consellería de ‘Pachi’ Vázquez acaba de botar por terra o espírito conservacionista da avaliación estratéxica ao darlle vía libre ao Plan ‘Gallego’ de Acuicultura. Lida a memoria ambiental do seu departamento é evidente que a maioría das alegacións –foron 1001– presentadas por veciños, ecoloxistas, universidades, confrarías, concellos, etc., contra as macrofábricas de peixe están xustificadas, mais os departamentos da Xunta –socios incluídos– miran para outro lado. Nese outro lado está a patronal do peixe plano, que sairá beneficiada coa expropiación e destrución de millóns de metros cadrados na costa exterior do país, que sei que non vai entrar nesa Lei da paisaxe que, cinicamente, está a promover o conselleiro ‘Pachi’.

Admite o informe que no Plan faltan estudos sobre o seu impacto na paisaxe, no turismo, no patrimonio, nos hábitats e especies protexidas, noutras actividades económicas existentes, nos espazos protexidos lindeiros, etc. Nin sequera existe un plan de seguimento do “elevado volume de residuos” xerado e ningún dos proxectos vai ser con circuíto de auga pechado, como aconsella a Comisión Europea. Vaia, que non teñen nin idea do impacto que vai ter o Plan Acuícola no país. Malia isto, Medio Ambiente non obriga a Pesca a corrixilo –ou facer un novo. Aválao dicindo que esas eivas xa se amañarán ao desenvolver cada planta acuícola. Avaliación estratéxica tráxica.

‘Pachi’ véndenos lei tras lei e norma tras norma para facer que fai conservacionismo da terra, pero o seu departamento só funciona como mediático aval ambiental dos proxectos destrutivos dos seus compañeiros de partido. “Eles son ecoloxistas, eu son o goberno”, dixo esta semana o conselleiro na Radio Galega en referencia a SOS Courel. Seica a súa prepotencia é meirande aínda ca súa incompetencia.


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >