Manifesto Corrubedo Cabo Verde
Altermundo   
Mércores, 05 de Xullo do 2006

-Corrubedo, Martes 11 de xullo de 2006-

MEDIO AMBIENTE DESBOTA O PROXECTO DE PISCIFATORÍA EN CORRUBEDO

 

Adega informanos do compromiso adquirido polo Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, de que NON SE VAI INSTALAR NINGUNHA PISCIFATORÍA NA PUNTA DOS CORVOS DO CABO CORRUBEDO ASÍ COMO DE INCORPORAR ESTA ÁREA Á REDE GALEGA DE ESPAZOS PROTEXIDOS. Así mesmo, o Deputado polo PSdeG José Manuel Lage, en carta remitida á Plataforma Medioambiental de Corrubedo, anuncia que "en Punta dos Corvos-Corrubedo non se instalará ningunha granxa acuícula nin ningún tipo de industria".

Dende Altermundo.org e a Plataforma Medioambiental de Corrubedo queremos agradecer a todos os organismos, medios de comunicación e persoas que se uniron a nos nesta defensa do Cabo e anunciamos que seguiremos vixiantes para que se cumpran os compromisos e a nosa costa non sufra máis agresións. Asemade, seguiremos a loitar contra os problemas ambientais que seguen a esnaquizar Corrubedo.

Comunicación de Adega:

 

Compostela, a 10 de xullo de 2006

Este luns 10 de xullo, no decurso da primeira reunión do COGAMA (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible), o Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, en resposta á reclamación de ADEGA de desbotar o proxecto de macropiscifatoría de Stolt Sea Farm e incluir a Punta dos Corvos este territorio na Rede Natura, anunciou que NON SE VAI INSTALAR NINGUNHA PISCIFATORÍA NESTE ESPAZO. Aliás, manifestou tamén o compromiso do seu departamento de incorporar esta área á Rede Galega de Espazos Protexidos, cunha figura de protección acorde cos valores naturais desta costa.

Dende ADEGA acollemos con satisfacción esta decisión, que non é allea á intensa campaña levada a cabo por ecoloxistas e veciños en defensa do medio ambiente de Corrubedo en particular, e da Rede Natura galega en xeral. Os casos das macropiscifatorías de Corrubedo, Touriñán e Rinlo, recentemente desbotados pola administración ou o propio TSXG, poñen de manifesto o compromiso e a madurez da sociedade galega na defensa do noso Patrimonio Natural. No entanto, lembramos á administración a urxencia de ampliar a cativa Rede Natura Galega (a penúltima en extensión de todo o estado) e de dotar a esta e a outras áreas protexidas dos correspondentes PORNs (Planos de Ordeación dos Recursos Naturais) e PRUXs (Planos Regulamentadores de Uso e Xestión), para facer compatíbel a conservación dos valores naturais co aproveitamento sustentábel dos seus inmensos recursos económicos, sociais, culturais, etc.

Temos tamén que por de manifesto que aínda penduran ameazas herdadas da planificación insustentábel e depredadora deseñada polo anterior governo sobre outros espazos protexidos da costa e o interior. É unha herdanza envelenada que, como o Planos Sectoriais Hidroeléctrico e Eólico, ou o propio Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria segue a condicionar en grande medida a nova planificación sectorial que precisa este país, hipotecando as posibilidades de acadar un desenvolvemento sustentábel nos planos ecolóxico, económico, e social.

ADEGA reafirma o seu compromiso irrenunciábel coa defensa ecolóxica de Galiza, e a súa vontade de seguir alerta contra os proxectos que maltraten o noso patrimonio natural. No día de hoxe, e a falla dunha definitiva confirmación oficial, a cidanía galega e o pobo de Corrubedo pode comezar a albiscar un futuro verde para este outro cabo do mundo.

ADEGA

 

 

 

 

–Corrubedo, Xoves 6 de xullo de 2006–

MANIFESTO DA PLATAFORMA MEDIOAMBIENTAL DE CORRUBEDO

foto cabo corrubedo

CORRUBEDO CABO VERDE/SALVEMOS O CABO

Dende a Plataforma pola Defensa Medioambiental de Corrubedo, que leva loitando anos contra a especulación industrial e o abandono dun dos lugares máis senlleiros do litoral galego, e diante das novas xurdidas na prensa do día 29 de xuño, segundo as que a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, mantivo unha xuntanza secreta con outros membros do PSOE e co xerente da empresa norueguesa Stolt Sea Farm, para chegar a un acordo sobre a superficie a ocupar no cabo Corrubedo por unha fábrica de peixes manifestamos o seguinte,

  1. Rexeitamos, coma a meirande parte do pobo de Corrubedo e as organizacións ambientalistas galegas, toda agresión contra un cabo que aínda permanece virxe, lonxe das zoupas de mandatarios e industrias de fóra que nos queren tratar coma se foramos unha colonia, emprazándose fisicamente en Corrubedo pero non financeiramente, e facéndonos pagar co custe ambiental.
  2. Que as formas unilaterais da conselleira son propias da política de ras de chan, pois ela non é ninguén para dispor do patrimonio de todos. Repudiamos a dita reunión e emprazamos á Xunta a manifestar claramente cales son as súas intencións para o cabo Corrubedo. Están nelas a expropiación e a privatización do que é de todos e todas?
  3. Que o Lugar de Interese Comunitario –proposto para a rede Natura 2000– coñecido como Complexo Húmido de Corrubedo ten más de 9.000 hectáreas, que van dende Sálvora ao castro de Baroña. Curiosamente deixaron desprotexidos no medio uns poucos quilómetros de litoral virxe –os do noso cabo– para expolialo ao pobo e á natureza. Dito “esquecemento” foi obra dun ex-conselleiro, López Veiga, o mesmo que no seu día non veu unha marea negra na desfeita do Prestige, e corresponde a un Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria aprobado no derradeiro Consello da Xunta do goberno de Fraga por Decreto, contra a soberanía popular e coa campaña electoral enriba.
  4. Que o goberno de Pérez Touriño se escude agora nesa arbitraria e interesada decisión do fraguismo sorprende e indigna, por canto non estamos dispostos a permitir que se sacrifique Corrubedo para salvar Touriñán e Rinlo. XA ESTÁ BEN DE QUE SEMPRE SEXA CORRUBEDO!!!
  5. A sustentabilidade da que fala Touriño é incompatíbel co cemento no noso cabo, coa pesca artesanal na súa costa e cos dereitos históricos dos veciños e veciñas de Corrubedo sobre unha lingua de terra sempre protexida por eles e por elas. O cabo Corrubedo non está na rede Natura polas escuras decisións dun goberno reaccionario, e non é de recibo que o actual se parapete nesta irresponsabilidade para sacrificalo. CAMBIA O GOBERNO PERO NON A SÚA POLÍTICA DESTRUTORA?
  6. Que o goberno do concello de Ribeira, decidido a actuar xudicialmente contra a decisión –cousa que apoiamos–, formaba parte no seu día do feixe de irresponsábeis que levaron adiante o plan por decreto, incluído o segundo de a bordo, Manuel Ruíz, destacado parlamentario no dobre xogo de dicir unha cousa aquí e outra alá. Cantos dimitiron por isto? Por que non se emprega a lei de conservación da natureza de Galicia para facer na zona un Espazo de Interese Local?

POLO TANTO, ESIXIMOS

  1. Que se loite para que o cabo Corrubedo forme parte do Complexo Húmido de Corrubedo da REDE NATURA 2000, pois ten condicións ambientais máis que sobradas para elo e a súa ausencia disgrega incomprensibelmente un espazo protexido.
  2. Que coa protección definitiva do cabo A XUNTA EVITE A INSTALACIÓN DA FÁBRICA norueguesa e pense en Corrubedo en clave sustentábel e non industrial.

Por todo isto, anunciamos un decidida campaña en todos os eidos para evitarmos a MORTE DO CABO.

NON QUEREMOS MÁIS AGRESIÓNS CONTRA A NOSA COSTA

NON Á PRIVATIZACIÓN DO PATRIMONIO COMÚN

AS FÁBRICAS AOS POLÍGONOS!!

DEIXADE O CABO CORRUBEDO EN PAZ !!!


OUTRAS INFORMACIÓNS

Dende altermundo.org, e en asociación coa Plataforma Medioambiental de Corrubedo iniciamos unha recolleita de sinaturas para esixir que o Cabo Corrubedo sexa incluído, como é de xustiza, na rede Natura 2000 e que a Xunta anule o proxecto para instalar unha macrofabrica de peixes na zona.

ARTIGO SOBRE O TEMA PUBLICADO EN ALTERMUNDO.ORG E GALICIA HOXE EN XANEIRO: CORRUBEDO, CABO MEU

A PISCIFACTORÍA QUE A FAGAN EN NORUEGA (en naturezadixital)

NOVA SOBRE A REUNIÓN SECRETA NA XUNTA PARA MATAR CORRUBEDO

UNHA CUESTIÓN DE DIÑEIRO (por manuelgago)

DESASTRE (en Diario del Gourmet)

NON UNÁNIME Á PISCIFACTORÍA VALORACIÓN DO PROXECTO POR PARTE DA FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA

BAIXA O FOLLETO DA PLATAFORMA MEDIOAMBIENTAL DE CORRUBEDO EN DEFENSA DO CABO

MÁIS IFORMACIÓN NAS WEB DE ADEGA E VERDEGAIA

DESTRUCIÓN CUSTE O QUE CUSTAR. INFORME DE GREENPEACE SOBRE O LITORAL

 

MAPA DA ZONA NATURA 2000 DO COMPLEXO HÚMIDO DE CORRUBEDO

FRAGMENTADO POLAS DECISIÓNS INTERESADAS DA XUNTA

MAPA CORRUBEDO

 


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>