| O lerio do financiamento (I) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 26 de Maio do 2008 | |
|
X. Manuel Beiras-. O rexime tributario é un instrumento decisivo para unha estratexia de desenvolvemento endóxeno do potencial dun país coma o noso. Éo asimesmo para a orientación social da política económica, é dicir, para a distribución do benestar na sociedade. [Galicia Hoxe] É sabido que ás veces ún ten a impresión de vivir situacións xa vividas anteriormente -e logo resulta que non, que o que pasa é que as soñara, que só as vivira virtualmente en estado onírico. Así pasa tamén no acontecer político. Mais, neste eido, é frecuente que esa impresión non se deba a unha reminiscencia onírica, senón á memoria dalgo xa acontecido, suscitada cando volve acontecer. Ou sexa, memoria de episodios xa ocurridos, temas xa discutidos, ou problemas xa abordados, pero non resoltos -e que, portanto, intermitentemente retornan ao proscenio do teatro político unha e outra vez, como persoaxes encarnados por distintos actores, vestidos con diferentes roupaxes, pero sempre co mesmo rol cada un diles no reparto. E co mesmo discurso, tamén -inanque varíen a prosodia e o sutaque, o deixe de cada quen. E é máis frecuente no sul ca no norte, na periferia ca no centro do sistema. A razón de que asi sexa resulta obvia: é no sul, na periferia, onde en maior medida se fan crónicos os problemas que o norte, o centro, se encarrega de provocar e de impedir resolver. Portanto: de perpetuar. Por unha lóxica elemental e implacábel: se así non fose, se así non actuase o centro, non se perpetuaría o sistema, perdería a hexemonía o norte, e trastornaríanse os pontos cardinais -con grave perigo de caos para a navegación. A navegación dos pailebotes imperiais en celtiberia, por exemplo, se Galiza deixase un día de ser periferia fisterrán pra se tornar peirao de Europa na solaina atlántica. Para que semellante subversión da orde imperial hispana non poida acontecer nunca, compre perpetuar os andacios que garanten a sumisión -e marear a perdiz cada vez que os crónicos problemas emergullan do fondo do tempo e convén escenificar o seu debate no teatro da política neo-colonial. Non para resolvelos, claro: só para enredar -e distraer de paso ao persoal. E se esa parodia de debate a protagonizan colonizados, tanto millor -máis divertido e alienante aínda. Tal é o caso do lerio do finanzamento. Refírome ao público, claro está -público e autonómico, seica. É dicir, o finanzamento do anaco do aparello de Estado español configurado como conxunto de institucións políticas e armazón administrativa da Comunidade Autónoma galega. Pois diso se trata: non dun aparello de Estado soberano galego -for independente ou articulado cos doutras nacións peninsuares meiante un pacto federal ou confederal- senón do anaco do Estado español dotado de autonomía política meiante un Estatuto outorgado a Galiza polas Cortes do Estado español en virtude da Constitución do Reino de España de 1978. Disculpádeme que vos bote enriba do lombo esta migalleira descrición, mais é porque compre facer esplícitos tódolos elementos que configuran o status político das institucións destinadas a serviren para o "autogoberno" do povo galego no actual marco constitucional español -que non proprio da Galiza. É preciso facelo así para comprendermos a índole do problema e para detectarmos a raíz da sua insolubilidade dentro do marco político actual. A empezar por acharmos a espricación da óptica deformante coa que se está a enfocar o debate do problema: abordalo polo costado do finanzamento, centralo na discusión do modelo de finanzamento da(s) comunidade(s) autónoma(s). Dirédesme: e logo non é esa a custión? Tentarei espricarme. * * * * * Cando Alexandre Bóveda redactou as normas reguladoras das finanzas públicas galegas no Anteproxecto de Estatuto do 1931, con qué enfoque abordou a custión? Pois, primeiro, coa "atribuzón" ao "Estado galego" do "rexime tributario" como unha das suas "esferas de competenza" -complementado coa "débeda púbrica" e máis o "rexime dos institutos de Banca e Creto" (Tíduo III, art. 29). E a seguida, segundo, co deseño das regras estruturais básicas da Facenda galega así estatuída: figuras tributarias cardinais, elaboración e aprobación dos orzamentos galegos na cámara lexislativa, e contribución galega aos "presupostos xeraes do Estado español" (Tiduo V, "Da Facenda"). Noutras verbas. Bóveda comenza por dotar ao aparello de Estado galego das potestades necesarias para existir e funcionar realmente como poder autónomo, e continúa por deseñar os instrumentos precisos para, con esas potestades, levar a cabo as políticas fiscal, orzamentaria e crediticia acaídas ás necesidades e o benestar do povo galego. Bóveda sabe moi ben que o primeiro é o poder fiscal, poisque é un atributo esclusivo do poder político: non hai poder político posíbel sen poder fiscal, for en versión soberana plena -independencia- ou for en pacto con-federal. Nen sequer pode haber poder autónomo sen poder fiscal -se falamos de autonomía política, non só administrativa, polo tanto. De xeito que a chave da custión non está na modalidade do finanzamento público, senón en dispormos ou non de potestades de acción sobre as fontes dos recursos xenuinos do poder político -que son exaccións tributarias, é dicir, a potestade de establecer e arrecadar impostos e demáis modalidades de tributos. Se unhas institucións políticas carecen desa potestade, os seus recursos financeiros só poderán nutrirse de transferencias procedentes doutras institucións de poder -das que teñan, elas sí, esa potestade para enxendrar recursos financeiros públicos xenuinos. O que equival a dicir que as institucións carentes desa potestade non serán realmente políticas, conforme ás nocións conceituais da teoría do Estado. Xa non digo políticamente soberáns, senón nen sequer políticamente autónomas: non terán poder de decisión política sobre a xeración dos recursos financeiros, senón só encol da sua xestión e administración. Sábeno ben os poderes españois -políticos e económicos- que levan cen anos a negarlle a Galiza esas potestades. Sábeno tamén os que, dende as proprias institucións da "autonomía" galega, volven marear a perdiz no lerio do finanzamento. Os que volven debater modelos de finanzamento estatal da(s) autonomía(s), no canto de matrices de poder fiscal e financeiro autónomo -o que quer dicer non dependente, compre supór. Mesmamente porque o saben ben uns e outros, eluden todos o cerne político do problema. Non vaia ser que se alporicen os gardiáns da sacrosanta constitución española, perennemente intocábel ela. E os "chiens de garde" dos grandes capitais que non aturan fronteiras externas nen internas, fiscais nen doutra caste -agás as laborais, naturalmente, para os seus cotos de caza de carne operaria domada. * * * * * O rexime tributario é un instrumento decisivo para unha estratexia de desenvolvemento endóxeno do potencial dun país coma o noso. Éo asimesmo para a orientación social da política económica, é dicir, para a distribución do benestar na sociedade. O problema non estriba en obter un modelo de finanzamento suficiente, senón en dispor das alavancas tributarias necesarias para enxendrar desenvolvemento e máis para distribuir e redistribuir o produto e a renda con criterios de benestar social. A suficiencia é unha falacia -comentareivolo outro día, se queredes. A clave está no poder de decisión para enxendrar, arrecadar e asignar recursos financeiros axeitados para a estratexia política propria que o noso povo require, aquela que opere o cambio estrutural necesario para o benestar da nosa nación. Imaxinade un poder galego de esquerdas que se propoña gobernar nesa direición: cómo vai camiñar por ese vieiro se non dispón do poder fiscal indispensábel para manexar as figuras e resortes tributarios cos que se estimula o investimento produtivo, disuádense as operacións especulativas, gradúase a presión fiscal nos diferentes eidos, redistribúense a renda e a riqueza, dótanse os servizos sociais, finánzase a gratuidade dos servizos públicos, acumúlase capital social básico, presérvase o patrimonio natural, e así seguido? Velaí o cerne da custión -non a modalidade e cuantía das dotacións de fondos públicos que soberanamente decida transferirlle o poder do Estado, o único auténtico poder político arestora. Somos periferia porque en periferia nos convirtíu o centro. Digámoslle coma os cidadáns do sul: "non queremos que nos botedes unha man; queremos que retiredes as vosas mans do noso pescozo". Amén. | |
| < Ant. |
|---|

