O ‘non’ á débeda dez anos despois
Esther Vivas   
Xoves, 15 de Maio do 2008

 Esther Vivas-. O pagamento da débeda externa dos países do sur segue a ser, a día de hoxe, un lastre insalvábel que condena á pobreza a centos de milleiros de persoas. Hoxe cúmprense dez anos dunha das maiores protestas contra a débeda, que tivo lugar o 16 de maio de 1998 en Birmingham contra o cume do G7 con máis de setenta mil persoas na rúa. Pero, que conseguiu este movemento internacional?

As protestas en contra da débeda repetíronse, con máis ou menos forza, desde mediados dos anos 80', cando en América Latina e en África xurdiron campañas de masas contra o reembolso da mesma. Estas mobilizacións inspiraron, no transcurso dos 90, a solidariedade de organizacións do norte que se manifestou en reiteradas ocasións en motivo dos cumes das institucións internacionais.

 Pero non foi até o cume do G7 en Birmingham, o 16 de maio de 1998, que se deu un salto cualitativo e cuantitativo na protesta ao sumar a milleiros de persoas á mobilización e ao conseguir situar a cuestión da débeda na axenda do cume. Desde 1998 ao 2001 foi o momento de máximo apoxeo, en especial, coincidindo coa celebración por parte da igrexa católica do ano xubilar 2000 e o seu chamamento a "perdoar" as débedas en motivo desta data, así como da internacionalización da campaña Xubileo 2000. Unha espiral de mobilización que arrastrou a un amplo espectro político de organizacións en todo o mundo.

Ao longo destes dez anos, as protestas contra a débeda conseguiron algúns avances, especialmente, no terreo do simbólico e na percepción que a sociedade tiña desta problemática. Nos países acredores, difundíronse as causas e as consecuencias do seu pago e os vínculos coa pobreza. Mentres que nos países debedores, púxose énfases na responsabilidade das institucións internacionais na xeración e o mantemento desta débeda.

No eido do movemento, colectivos de mulleres, campesiños, ONG incorporaron nas súas demandas a cancelación da débeda, mentres que as campañas antidébeda engadiron ás súas reivindicacións novos enfoques ecoloxistas, feministas, contra as multinacionais… nunha dinámica de contaminación mutua e froito do seu encontro no seo do movemento altermundialista.

Con todo, no terreo institucional, máis aló de situar a cuestión da débeda na axenda política, os cambios conseguidos foron moi poucos. Se analisamos, por exemplo, as promesas de condonación dos países do G8, podemos afirmar que estas non foron máis nada ca unha estratexia de limpeza de imaxe. No cume de Colonia, en xuño de 1999, os xefes de goberno comprometéronse a anular o 90% da débeda bilateral e multilateral dos 42 países máis endebedados, pero, finalmente, as cifras reais tan só equivalían a un 3% da débeda total dos países do sur.

É a partir da análise destas cifras que se observa a dificultade para conseguir medidas reais. O impacto político limitouse ao terreo do simbólico, do descrédito e do debilitamiento dos acredores tanto do G8 como das institucións internacionais.

No Estado español, a finais do 2006 e logo de máis dun ano e medio de trámite parlamentario, o Congreso dos Deputados aprobou unha Lei reguladora da xestión da débeda que, aínda que supuña unha meirande transparencia, quedaba moi por detrás das demandas do movemento que esixía, por exemplo, a corresponsabilidade do goberno na xeración da mesma.

En América Latina hai que destacar a estratexia do goberno de Rafael Correa en Ecuador para tomar medidas que freen o pago da débeda, repudiando aquela considerada como ilexítima. Con este obxectivo creouse unha Comisión de Auditoría Integral da Débeda Pública Interna e Externa, formada por representantes da administración do Estado e da sociedade civil ecuatoriana e internacional.

O pago da débeda segue a ser, a día de hoxe, un instrumento de dominación do norte respecto ao sur. Estes países reembolsaron case dez veces o monto de 1980 e aínda así se atopan cinco veces máis endebedados. Acabar co xugo da débeda é hoxe máis urxente ca nunca.


Esther Vivas
Sobre o autor ou autora:
Coordinadora de sensibilación da Xarxa de Consum Solidari (XCS).
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >