| Inmigrantes de usar e tirar |
| Manoel Santos | |
| Luns, 12 de Maio do 2008 | |
Manoel Santos-. O feito de carecer de documentación, disque "ser ilegal", pode obviarse mentres o sistema engorde e os financeiros amoreen ganancias. O alicerce da nosa opulenta sociedade antisocial sempre estivo nas crúas relacións entre explotadores e explotados.
Que o noso sistema capitalista leva anos recostado no traballo pseudoescravo das persoas "sen papeis" é tan innegábel como indecente. Do contrario, os inmigrantes sen regularizar abofé que non existirían. E que o noso mundo rico, cínico e desmemoriado foi levantado da súa ruína autodestrutiva en parte polos que antes foron "sen papeis" en ultramar é, do mesmo xeito, unha certeza histórica. Axiña esquecemos. Sen migracións, nin humanidade habería, pois os bípedes descendentes de Lucy nunca chegarían a Europa dende a etiópica depresión de Afar. O feito de carecer de documentación, disque "ser ilegal", pode obviarse mentres o sistema engorde e os financeiros amoreen ganancias. O alicerce da nosa opulenta sociedade antisocial sempre estivo nas crúas relacións entre explotadores e explotados. E hogano, coma antes, só quen pasou fame e laceira se deixa explotar. Xa que logo é a quenda de quen hai un ano eran tan "necesarios". Inmigrantes de usar e tirar. Agora que as curvas económicas se empinan cara a abaixo os lobos capitalistas piden a protección dos estados para manter as súas millonarias vidas e claro, a expulsión deses inmigrantes que, para colmo!, se están a organizar para reclamar dereitos -humanos e laborais- con folgas en Francia e España. E as que virán. Onde hai folga hai esperanza. Velaí a endemoñada semente da Directiva de Retorno, sobre a que se manifestará o europarlamento o 20 de maio. Boa ocasión para comprobarmos se a cámara esa é tan independente do Consello da Unión como pretenden os seus sobrepagados membros. Esta norma represora, racista, clasista e egoísta, entre outras barbaridades, amplía o tempo de detención dos inmigrantes neses campos de concentración que chaman Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE) até 18 meses. Calquera "sen papeis" , adulto ou neno, poderá ingresar nun deses CIE mil veces denunciados onde os dereitos humanos se peneiran con malla miúda só por cometer unha falta administrativa. Non ter papeis non é un delito. Se os CIE non abondan, a directiva prevé habilitar módulos nas cadeas. As diferenzas entre os campos de exterminio doutrora, o Guatánamo de hoxe e estes CIE non son tan grandes. Europa enviará oito millóns de persoas ás poutas da fame e da miseria porque non queremos compartir a nosa boa vida. Compartir é a palabra. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Manoel Santos-. O feito de carecer de documentación, disque "ser ilegal", pode obviarse mentres o sistema engorde e os financeiros amoreen ganancias. O alicerce da nosa opulenta sociedade antisocial sempre estivo nas crúas relacións entre explotadores e explotados.
