| A lei de ordenación gandeira que non foi |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 12 de Maio do 2008 | |
|
Xuño do 1991. O Presidente da Xunta de Galiza, daquela Manuel Fraga, anuncia, dende Bruxelas, a inminente apresentación dun plan ou programa de política gandeira que disque contaría coa anuencia das autoridades da CEE. [Galicia Hoxe] Xuño do 1991. O Presidente da Xunta de Galiza, daquela Manuel Fraga, anuncia, dende Bruxelas, a inminente apresentación dun plan ou programa de política gandeira que disque contaría coa anuencia das autoridades da CEE. O BNG, que se teme o pior, afeito como está ás manobras de distración da máxima autoridade autonómica, que adoitan ocultar decisións de signo contrario ás publicitadas, introduce no Parlamento de Galiza unha iniciativa lexislativa que contén unha alternativa programática para a propulsión do desenvolvemento da gandeiría galega. Trátase dunha proposición de lei de ordenación da política gandeira. Debátese no outono dese mesmo ano. Co pretexto de que a Xunta fraguián xa ten un plan para ese sector, a maioría absoluta "popular" bótaa abaixo: rexeita a sua toma en consideración polo goberno da Comunidade autónoma. O que non se dí é en qué consiste o tal plan ou programa xunteiro. Nen no debate, nen despois dil: remata o ano sen lograrmos que a cámara de representantes dos cidadáns galegos -incluídos niles os labregos, compre supoñer- tome coñecemento doutra cousa que de enigmáticas referencias sonsacadas, meiante interpelacións, ao presidente e conselleiros do ramo -dous consecutivos nese período- que nen sequer son coincidentes nen congruentes entre si. Axiña saberemos por qué.
Febreiro do 1992. A opinión pública galega é mediáticamente informada de que a CEE esixe, e sen demora, a aplicación dunha "reconversión" que, para o sector gandeiro galego, suporía o sacrificio dunhas 150.000 vacas nais produtoras de leite. Como escribimos daquela, esa "reconversión agraria" constituiría "unha auténtica "hecatombe" no sentido máis literalmente etimolóxico da palabra, agás no tocante ao xénero dos animais: trataríase de vacas no canto de bois". Dese xeito, a "noticia" da CEE viña desvelar, nos seus termos máis crús, o que sospeitabamos ser o verdadeiro contido do enigmático plan gandeiro para Galiza que o presidente Fraga anunciara dende Bruxelas o verán anterior. Conforme a un modus operandi moi peculiar dos poderes autocráticos, comunicábase impersoalmente a traveso dos meios a información que o poder executivo lle negara á cámara de representantes eleitos polos cidadáns. Mais negárallela tamén ás orgaizacións sindicais labregas que insistentemente a reclamaran, e a todo o campesiñado que levaba anos a mobilizarese "fronte ás sucesivas e a cada pouco máis graves agresións que padece dos poderes teóricamente elixidos para defendelo e promocionalo cara a prosperidade" -dixeramos tamén no entón. * * * * * Mesmo mes de febreiro do 1992, día 17. Á vista da contumacia da Xunta no engano aos cidadáns e no desprezo ao Parlamento, o BNG volve apresentar na cámara a mesma proposición de lei de ordenación gandeira que fora rexeitada meses antes. Por amolar? Quiá: para reabrir o debate e, exercéndomos o humor, "en cumprimento do sabio aforismo popular de, a quen non quere caldo, sete cuncas". Mais a envoltura do humor non ocultaba nen o relato veraz do drama nen a denuncia da deserción do poder. "O Estatuto de Galiza -denúnciase na motivación da iniciativa- no seu artigo 30.3 atribuelles ás nosas institucións autonómicas "a competencia exclusiva" en materia de "agricultura e gandería". Sen embargo, en dez anos andados xa dende a constitución do Parlamento de Galicia, esta Cámara lexislativa non elaborou aínda ningún marco normativo de política gandeira que sinale as pautas, obxectivos, prioridades e medios dunha acción ordenada e estable de goberno no eido dun sector estratéxico tan crucial e de tan grande dimensión social como é o gandeiro dentro da economía galega. "Ora, o artigo 131 da Constitución española, conxugado co disposto no artigo 30.3 do Estatuto, deixa ben claro ata que punto a concepción institucional de elaboración da política gandeira consiste na atribución de competencia exclusiva e máis da iniciativa nesa materia ao Parlamento e ao Goberno galegos para a súa articulación, de acordo coas previsións que eles sinalen, dentro da planificación ou programación da actividade económica xeral. "Este mandato constitucional e estatutario contrasta e colisiona, polo tanto, coa deixación que levan feito até agora o Parlamento e a Xunta de Galiza, na súa práctica política, do poder, das competencias e da capacidade de iniciativa que ese mandato constitucional lles confire. Asemade, ese mandato contradí e reduce a borralla as panxoliñas de impotencia xurídico-política ás que nos teñen afeitos os sucesivos gobernos da Xunta e forzas políticas de ámbito estatal. "O máis grave é que, nesa situación e nesa actitude institucional de deixación de poderes e responsabilidades autonómicas, pillounos o acordo de integración do Estado español na CEE, con tódalas gravísimas consecuencias que hoxe ninguén ousa negar ou ignorar. E que esa actitude leva perdurado durante os seis anos xa decorridos dende a tal integración, pese á constante agravación da situación, converténdose en actitude obxectivamente suicida ou pusilánime".
* * * * * O texto articulado da lei que propuñamos estruturábase en cinco tíduos: I. Obxectivos e ámbito. II. Liñas de actuación substantiva -con catro capítulos referidos aos criterios xerais, á produción pecuaria, á transformación industrial e á comercialización. III. Liñas de actuación financeira. IV. Liñas de actuación complementaria -con fincapé na propulsión do cooperativismo agropecuario e agroindustrial. E V. Liñas de apoio aos pequenos produtores -para libralos do exterminio. O obxetivo primordial centrábase nunha política definida, esplicitamente, como "de desenvolvemento e restruturación expansiva do sector gandeiro e máis da correlativa agroindustria derivada, de xeito autocentrado e orientado a prol do benestar da propria base social labrega". Ese conxunto declarábase "sector económico con potencial de desenvolvemento e preferente", e ordenábase delimitando unha diversidade de "áreas de vocación gandeira" de tipoloxía diferente. Para a orientación política do desenvolvemento establecíanse criterios normativos tan elocuentes coma "obter o aproveitamento integral dos recursos potenciais da base do sector en congruencia co equilibrio ecolóxico do medio". Ou "maximizar a autonomía da produción pecuaria a respeito dos inputs externos mediante a integración agrícola-gandeira" -e, portanto, "a ampliación da base territorial das explotacións gandeiras e máis o aumento e intensificación dos pasteiros e das producións forraxeiras", meiante o "funcionamento dun banco de terras" e o "fomento das cesións en arrendamento" das deixadas a monte. Ou tamén "propiciar e fortalecer o urdido recíproco da produción pecuaria e da sua transformación industrial", comezando por establecer "contratos marco con prezos de garantía" para os gandeiros e continuando pola "progresiva participación e control nos procesos de transformación industrial por parte dos labregos produtores dos bens pecuarios, preferentemente agrupados e a traveso das suas orgaizacións cooperativas" -co vértice nun "sólido grupo galego de procesamento e industrialización do leite, con participación directa da Administración": eis o proxecto dun "grupo lácteo galego" de base cooperativa e capital mixto que a política fraguián sustituiria pola sua antítese, é dicir, a alienación da agroindustria autóctona a mans do capital "transnacional".
* * * * * "Con esta lei, as instancias políticas galegas fan seu o compromiso activo de lles restituíren aos labregos de Galiza o que lles fora refugado dende hai máis de dous séculos: o dereito ao desenvolvemento autocentrado dos potenciais produtivos da súa propia base económica, concibido e deseñado a prol do seu propio benestar. Solidariedade, esta, que redundará a seguida, sen dúbida, no ben común xeral da cidadanía galega". Así remataba a exposición de motivos de aquela pioneira lei de ordenación gandeira que nunca chegou a ser, poisque non pasou de proxecto: a vontade política expresada nil polo nacionalismo non foi asumida polo fraguismo "popular" nen no Parlamento nen na Xunta. Disque as normas desa proposta lexislativa colisionaban coa PAC europea -e seica tamén coa PAX fraguiana. Os papeis estaban invertidos: nós, dende a oposición parlamentar, queriamos que os poderes lexislativo e executivo autónomos resolvesen os problemas do campesiñado; mais, en troques, os que gobernaban na Xunta e tiñan maioría no Parlamento apostaban por exterminalo. A cámara lexislativa seguíu a non facer uso das "competencias exclusivas" que lle outorgaba o Estatuto. Até hoxe. As consecuencias están á vista. Mais non vos hai pior cego ca un cego colonizado. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

