Iniciativa pola Soberania Alimentar dos Pobos
En Galicia temos opinión do mundo
Eduardo Galeano entre nós
Alfredo Iglesias Diéguez   
Martes, 06 de Maio do 2008

 Alfredo I. Diéguez-. …fronte a esta presenza física, que sempre será grata, Eduardo Galeano ten unha presenza xa permanente entre nós grazas á editorial Laiovento, que acaba de publicar Carta ao señor futuro, unha escolma de artigos escritos nos últimos anos nos que o autor alza a súa voz contra as políticas neoliberais…

[Galicia Hoxe]

Eduardo Galeano, o home que nos ensinou a ver a realidade latinoamericana co seu libro Las venas abiertas de América Latina (1971); Eduardo Galeano, o autor de Patas arriba: la escuela del mundo al revés (1998), no que, escribindo dende a óptica de quen non é visible para os poderosos, nos descobre as dramáticas consecuencias da globalización; Eduardo Galeano, unha das figuras máis salientables do movemento altermundista, vai estar entre nós a semana vindeira, na presentación do seu último libro escrito en español: Espejos: una historia casi universal (2008), no Auditorio de Galicia e no Centro Caixanova de Ourense.

Porén, fronte a esta presenza física, que sempre será grata, Eduardo Galeano ten unha presenza xa permanente entre nós grazas á editorial Laiovento, que acaba de publicar Carta ao señor futuro, unha escolma de artigos escritos nos últimos anos nos que o autor alza a súa voz contra as políticas neoliberais e contra os retrocesos nas conquistas da clase traballadora; pon a súa palabra ao servizo da denuncia dos intereses ocultos que moven as guerras imperialistas; advirte dos perigos da biotecnoloxía e das causas humanas dos desastres naturais; combate a hipocrisía e o cinismo dos poderosos, a usurpación da democracia polos consellos de administración das empresas transnacionais, a perda de soberanía dos pobos que son gobernados por gobernantes que non gobernan porque son monicreques do gran capital; indígnase fronte á exclusión e á pobreza de millóns de seres humanos, á discriminación e ó racismo, ó xenocidio dos pobos e ó machismo. Velaquí unha mostra de Carta ao señor futuro, o libro que Beiras, Pillado e mais eu presentaremos o vindeiro xoves 8 de maio na libraría Couceiro de Santiago de Compostela; un libro no que Eduardo Galeano pon a súa palabra a favor da dignidade proletaria, da solidariedade, do dereito á rebeldía, a soñar, ao futuro e á utopía socialista:

"Segundo a voz de mando, os nosos países deben crer na liberdade de comercio (aínda que non exista), honrar a débeda (aínda que sexa deshonrosa), atraer investimentos (aínda que sexan indignos) e entrar no mundo (aínda que sexa pola porta de servizo). Entrar no mundo: o mundo é o mercado. O mercado mundial, onde se compran países. Nada novo. América Latina naceu para obedecelo, cando o mercado mundial aínda non se chamaba así, e con todo, seguimos atados ao deber da obediencia.

Esta triste rutina dos séculos comezou co ouro e a prata, seguiu co azucre, o tabaco, o guano, o salitre, o cobre, o estaño, o caucho, o cacao, a banana, o café, o petróleo? Que nos deixaron eses esplendores? Deixáronnos sen herdanza nin querenza. Xardíns convertidos en desertos, campos abandonados, montañas esburacadas, augas podres, longas caravanas de infelices condenados a unha morte temperá, palacios baleiros onde deambulan os fantasmas?

Agora é a quenda da soia transxénica e da celulosa. Outra volta repítese a historia das glorias fugaces, que ao son das súas trompetas anuncian grandes desgrazas".


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >