Un foro social galego. XIII. 2005: O Manifesto de Porto Alegre
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 28 de Abril do 2008

É nese contexto no que se elabora o "Manifesto de Porto Alegre", que formula "Doce propostas para Outro Mundo Posíbel". Dado o valor sintomático dese documento, que marca un ponto de encrucillada no proceso do FSM, opto por traducilo e transcribirvolo na sua literalidade.

Dicíavos o día pasado que a esperiencia de desprazar a cimeira do FSM, no 2004, de Latinoamérica ao continente asiático, en Mumbai, sáldase cun éxito rotundo: o Foro sai dela redimensionado e hiperactivo, a ferver a cachón. De xeito que cando, no 2005, retorna a Porto Alegre, alén de abordarse o labor de repensalo nos planos orgaizativo e metodolóxico –para afortalar a eficiencia e a democracia interna dun movemento que ven de medrar a grandes saltos en dimensión e complexidade– pasan a un primeiro plano dos debates tanto a faciana altermundialista, construtora de alternativas ao sistema globalizado, canto a sua traslación á instancia política.

É nese contexto no que se elabora o "Manifesto de Porto Alegre", que formula "Doce propostas para Outro Mundo Posíbel". Dado o valor sintomático dese documento, que marca un ponto de encrucillada no proceso do FSM, opto por traducilo e transcribirvolo na sua literalidade.

 

* * * * *

 

"Dende o primeiro Foro Social Mundial celebrado en Porto Alegre en xaneiro do 2001, o fenómeno dos foros sociais esparexeuse por tódolos continentes, mesmo a niveis nacionais e locais. O Foro favoreceu a emerxencia dun espazo público planetario da cidadanía e das suas loitas, e máis a elaboración de propostas de políticas alternativas á tiranía da globalización neoliberal propulsada polos mercados financeiros e as transnacionais, cuxo brazo armado é o poder imperial dos EEUU.

"Por mor da sua diversidade, e máis pola solidariedade entre os actores e os movementos sociais que o integran, o movemento altermundialista convirtíuse nunha forza que xa se ten moi en conta en todo o planeta. Unha grande parte das innumerábeis propostas que saíron dos foros conta sen dúbida cun amplo apoio no seo dos movementos sociais. Os asinantes deste Manifesto de Porto Alegre -que nos pronunciamos a tíduo estritamente persoal e en ningún caso tencionamos falar en nome do Foro- escolmamos doce desas propostas, que no seu conxunto confiren sentido á construción dun outro mundo posíbel: de seren aplicadas, permitirían que a cidadanía comezase por fin a volver facerse dona do seu proprio futuro.

"Sometemos estes pontos fundamentais á sua avaliación polos actores e movementos sociais de tódolos países. Son iles os que, a tódolos níveis -mundial, continental, nacional e local- poderán levar adiante os combates necesarios para transformárenos en realidade. Non nos facemos ningunha ilusión verbo da real vontade dos gobernos e das institucións internacionais de aplicaren espontáneamente estas propostas.

"A. Un Outro Mundo Posíbel debe respeitar o dereito á vida de tódolos seres humáns meiante novas regras económicas. Xa que logo, cómpre:

"1) Anular a débeda pública dos países do Sul, que xa foi pagada varias veces e que, para os Estados acreedores, os establecementos financeiros e as institucións financeiras internacionais, constitue a millor maneira de someteren á maior parte da humanidade á sua tutela e de mantérena na miseria.

"2) Aplicar taxas internacionais ás transacións financeiras -nomeadamente a Taxa Tobin ás transacións especulativas de divisas- e máis aos investimentos directos no estranxeiro, aos beneficios consolidados das transnacionais, á venda de armas e ás actividades que emiten de xeito sustantivo gases que producen o efecto invernadoiro.

"3) Desmantelar progresivamente tódalas formas de paraísos fiscais, xurídicos e bancarios que non son outra cousa ca refuxios da criminalidade orgaizada, da corrupción e de toda caste de tráficos, fraudes e evasións fiscais, operacións delictivas de grandes empresas, e mesmo de governos.

"4) Cada habitante do planeta debe ter dereito a un emprego, á protección social e á xubilación, respeitando a igualdade entre homes e mulleres: é iste un imperativo para as políticas públicas tanto estatais coma internacionais.

"5) Promover tódalas formas de comercio xusto, rexeitando as regras librecambistas da Orgaización Mundial do Comercio (OMC) e poñendo en execución mecanismos que, nos procesos de produción de bens e servizos, permitan camiñar progresivamente cara unha nivelación polo alto das normas sociais -nos termos consignados nas convencións da OIT- e máis das ambientais. Excluir totalmente a educación, a saúde, os servizos sociais e a cultura do ámbito de aplicación do Acordo Xeral sobre o Comercio e os Servizos (AXCS) da OMC. A convención sobre a diversidade cultural, que está a negociarse na Unesco, debe facer prevalecer esplícitamente o dereito á cultura sobor do dereito ao comercio.

"6) Garantir o dereito á soberanía alimentar e a seguridade de cada país meiante a promoción da agricultura labrega. Isto implica a supresión total das subvencións á exportación dos produtos agrícolas, nomeadamente polos Estados Unidos e a Unión Europea, e máis a posibilidade de aplicar impostos ás importacións para impedir as práticas de dumping. Do mesmo xeito, cada país ou conxunto de países debe poder decidir soberanamente proibir a produción e a importación de orgaismos xenéticamente modificados (OXM) destinados á alimentación.

"7) Proibir toda caste de patentes sobre o coñecemento e os seres vivos -tanto humanos coma animais e vexetais- do mesmo xeito que toda privatización dos bens comúns da humanidade, particularmente a auga.

"B. Un Outro Mundo Posíbel debe alentar a vida en común, en paz e con xustiza, a escada de toda a humanidade. Xa que logo, cómpre:

"8) En primeiro lugar, e meiante as diferentes políticas, loitar contra toda discriminación, racismo, xenofobia, sexismo e antisemitismo. Recoñecer plenamente os dereitos políticos, culturais e económicos -incluído o dominio dos recursos naturais- dos povos indíxenas.

"9) Tomar medidas urxentes para poñer fin á destrución dos ecosistemas, o meio ambiente e a ameaza de cambios climáticos graves debidos ao efecto invernadoiro, resultado primordialmente da proliferación do transporte individual e do uso excesivo de enerxías non renovabeis. Compre encetar a posta en execución doutro modelo de desenvolvemento, baseado na sobriedade enerxética e no control democrático dos recursos naturais, particularmente da auga potábel, a escada de todo o planeta.

"10) Esixir o desmantelamento das bases militares estranxeiras e das suas tropas en tódolos países, agás que esteñan baixo mandato expreso da ONU.

"C) Un Outro Mundo Posíbel debe promover a democracia dende o nivel viciñal até o planetario. Xa que logo, cómpre:

"11) Garantir o dereito á información e máis o dereito a informar dos cidadáns, meiante lexislacións que: a) poñan cabo á concentración de meios en mans de grupos de comunicación xigantes; b) garantan a autonomía dos xornalistas fronte aos accionistas; c) favorezan á imprensa sen fins de lucro, particularmente aos meios alternativos e comunitarios. O respeito destes dereitos implica contrapoderes cidadáns, nomeadamente en forma de Observatorios nacionais e internacionais de meios de comunicación.

"12) Reformar e democratizar en profundidade as orgaizacións internacionais, entre elas a ONU, facendo prevalecer nelas os dereitos humanos, económicos, sociais e culturais, en concordáncia coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Isto implica a integración do Banco Mundial, do Fondo Monetario Internacional (FMI) e da Orgaización Mundial do Comercio (OMC), no sistema e nos mecanismos de decisión de Nacións Unidas. No caso de persistiren as violacións da legalidade internacional por parte dos Estados Unidos, comprirá desprazar a sede da ONU dende Nova York a outro país, preferentemente do Sul".

 

 

* * * * *

Veleiquí, sen comentarios, a elocuente relación de asinantes que suscreben este Manifesto de Porto Alegre: Tariq Ali (Pakistan), Samir Amin (Exipto), Walden Bello (Filipinas), Frei Betto (Brasil), Atilio Boron (Arxentina), Bernard Cassen (Francia), Eduardo Galeano (Uruguay), François Houtart (Bélxica), Armand Mattelart (Bélxica), Adolfo Pérez Esquivel (Arxentina), Riccardo Petrella (Italia), Ignacio Ramonet (España), Samuel Ruiz Garcia (Mexico), Emir Sader (Brasil), José Saramago (Portugal), Roberto Savio (Italia), Boaventura de Sousa Santos (Portugal), Aminata Traoré (Mali), Immanuel Wallerstein (Estados-Unidos).


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
Seg. >