| Activismo da terra: conflitos e alternativas |
| David Bruzos | |
| Martes, 26 de Febreiro do 2008 | |
As II xornadas de Agroecoloxía de Ourense nacen como alternativa fronte ás crises da terra contra as que se erguen movementos como Galiza Non Se Vende.
O 17 de febreiro pasado déronse cita na capital galega unha marea de colectivos sociais de todo o país para expresar o seu rexeite ao tratamento que está a vivir o noso entorno nos catro puntos cardinais da Galiza.
Galiza Non Se Vende responde á atroz lóxica do sistema capitalista que só cuantifica os custes e a rendibilidade económica, tapando os ollos á hora de contabilizar os custes sociais e ecolóxicos das súas accións e dos seus macroproxectos empresariais. A unión de colectivos en Galiza Non Se Vende pretende visivilizar que as loitas pola defensa da terra en cada localidade ou rexión respostan a unha agresión que se manifesta localmente, pero que ten alcance global: Mugardos, O Courel, Val do Dubra, Bouzas, Canón do Sil, o litoral galego ao completo, As Pontes, Corrubedo, Quilmas, Ferrol, Monteferro… Escala planetariaPoderíase facer extensible esta situación ás loitas de defensa do territorio a escala planetaria, tendo en conta tanto as problemáticas de alcance global –quentamento global, deforestación e desertizacións dos pulmóns da Terra, destrucción da capa de Ozono, etc– como as de alcance local –trasvases de auga, turistificación de zonas virxes, comercialización baixo patentes de sementes autóctonas, plantacións de transxénicos, eliminación das pequenas economías de subsistencia, etc. Este bucle de destrucción e de resposta social, que pode ser visible tanto en WallMapu como na Galiza, SouthAfrica, Brasil ou na India, está a ser abordado como prioritario tanto en mobilizacións de defensa da Terra, como nas propostas alternativas de construción doutra economía e doutra sociedade. II Xornadas de Agroecoloxía
As ditas xornadas son un altofalante da problemática galega de destrución do territorio e da vida das persoas que habitan nel, pero tamén sirven para mostrar alternativas reais de consumo e de trato á natureza. Preténdese resaltar da agroecoloxía o seu potencial transformador da sociedade na que vivimos, xa que actúa de forma activa contra os modelos de produción capitalistas, aparcando os dogmas de máximo rendemento económico e sustituíndoos por ética e sustentabilidade; xa que muda as relacións meramente comerciais entre consumidoras e produtoras e potencia a confianza entre elas, poñendo de novo en xogo as relacións afectivas que son inexistentes nos actuais círculos comerciais; xa que boicota de facto as grandes superficies comerciais e as súas dinámicas de explotación –tanto da terra como das persoas– e potencia ao pequeno comercio local reactivando á vida autoxestionada. En definitiva, xa que planta cara ao monstro do capitalismo construíndo alternativas reais nas que toda a cidadanía pode participar e facer achegas. Amarante, Amigos da Terra, A Esmorga, Semente e Verdegaia coorganizan estas II Xornadas para que, a través de diferentes actividades que inclúen palestras, mesas redondas, obradoiros, teatro e música, cada vez máis persoas ourensás coñezan os seus proxectos e se animen a formar parte deles ou a autoorganizarse con novos modelos asociativos e novos proxectos destinados a mudar a realidade socioeconómica que tanto afoga ao noso ar, a nosa terra, os nosos ríos, a nosa vida... As xornadas de agroecoloxía poden servir de xanela por onde mirar ou de porta por onde entrar a novas formas de vida, exploradas pero descoñecidas para a maioría de nós, habitantes do mal chamado primeiro mundo. Contra os simulacros de alimentos, contra o disfrace de progreso, contra as vidas engaioladas, contra a terra esterilizada e a auga seca, contra a robotización das relacións persoais, contra a saúde pastilleira e antibiótica, aínda temos resposta: pola vida, pola dignidade, pola saúde, polos afectos, pola terra a auga e o aire… Se ben a agroecoloxía non é a panacea nin a cura para todos os males da Terra, hai pouco máis que perder que hogano non estea en estado de coma e, en troques, si hai moito por recuperar. Podemos tentalo e unirnos a toda esa xente que, xa dende hai anos, decidiu achegarse máis á calor humana e ao compromiso social que á mentira capitalista de felicidade individual… Existe a felicidade individual? RESUME DO PROGRAMA DAS II XORNADAS DE AGROECOLOXÍA EN OURENSE[Versión completa en: http://agrourense.info/2008/] Día 26/02: Mesa Redonda de Consumidoras e Agricultoras en ecolóxico. Palestra: Eloi Dávila (labrego de Porqueira), David Leadbeater (labrego de Laza, membro do Grelo Verde), Laura Seco e Gloria Higuero (Semente). Lugar: Café Trampitán (Praza Maior) 20:30 h.27/02: Comercio xusto e sustentabilidade, o exemplo da Panela (elaboración do azucre puro de cana). Palestra: Felix Castro (Amarante). Lugar: Centro Social A Esmorga (Telleira, 9) 20:30 h.28/02: A ZEPA na Limia. Palestra: Fernando Jubete (Fund. Global Nature), Diego Rodríguez Vieites (Verdegaia), Manuel García (MEL, Movemento Ecolóxista da Limia) e Xosé Anxo Pérez Rúa (Sindicato Labrego Galego). Lugar: Salón de Graos do Edificio Politécnico (Campus Universitario) 20:00 h.29/02: Soberanía Alimentaria. Palestra: Xosé María García Villaverde (VSF-Galiza), Fernanda Couñago (Amarante), Tom Kucharz (Ecoloxistas en Acción). Lugar: Casa da Xuvende (Celso E. Ferreiro, 29) 20:00 h.1/03: Comedores Escolares Ecolóxicos. Palestra: Charo Sánchez e Anabel Dacosta (Grelo Verde). Lugar: Ateneo de Ourense (Curros Enríquez, 1-Torre) 20:00 h.1/03: Concerto de Coanhadeira e Quempallou no Centro Social A Esmorga (Telleira, 9) 21:30 h. Prezo: 5€4 e 5/03: Obradoiro de Ecoteatro. Xogos, risoterapia, improvisación, teatro do oprimido. Participan Daniele e voluntarias/os de Amigos da Terra. Lugar: Local Social de Amarante-Verdegaia (A Habana, 64) 20:00 h.6/03: Ecoaldeas e Permacultura. Palestra: Antonio Palma (Permacultor) e Miguel (das Chozas, proxecto de Ecoaldea). Lugar: Centro Social A Esmorga (Telleira, 9) 20:30 h.7/03: Elaborar combustible para o teu coche a partir de aceite usado de cociña. Palestra: César Lema (Permacultor). Lugar: Local Social de Amarante-Verdegaia (A Habana, 64) 20:30 h.8/03: Concerto de Ergom e O Sonoro Maxin no Café Cultural Auriense (praza do Correxidor, 11) 20:45 h. Prezo: 5€14/03: Por unha nova estética da natureza. Palestra: Teresa Moure (escritora). Lugar: Café Ollo Ledo (Praza das Mercedes, 5) 20:30 h. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

As II xornadas de Agroecoloxía de Ourense nacen como alternativa fronte ás crises da terra contra as que se erguen movementos como Galiza Non Se Vende.
Nunha convocatoria onde non só se atopa o movemento ecoloxista histórico, moi ao contrario, cada día xorden máis e máis colectivos en diferentes rexións da xeografía galega que pretenden dar resposta ás agresións concretas contra o territorio na súa zona. Así, unironse en Compostela asociacións culturais, centros sociais, agrupacións de montaña, asociacións veciñais, plataformas contra a destrución do territorio, etc., nunha manifestación que acabou sendo multitudinaria e percorreu, como anos atrás, nun ambiente reivindicativo e festivo, as rúas de Compostela. 