Corrubedo non se vende
Plataforma Medioambiental de Corrubedo   
Mércores, 13 de Febreiro do 2008

 Dende a Plataforma Medioambiental de Corrubedo animamos ás galegas e galegos de ben a se adherir e participar na manifestación convocada pola Rede Galiza Non Se Vende o 17 de febreiro, ás 12 da mañá, en Compostela. As adhesións pódense facer AQUÍ

Dende este cabo verde que nos queren roubar, erguemos tamén a nosa voz pola terra toda, dende Ribadeo á Guarda e dende O Courel a Corrubedo sempre, terra vizosa e fermosa que hogano é o obxectivo da irracionalidade empresarial, da obcecación economicista e da incompetencia política. Fart@s nos teñen!!

NON AO PLANO ACUÍCOLA!! TERRA VIVA E VIDA DIGNA PARA TOD@S!!

Máis información contra a destrución do territorio: http://www.salvemosmonteferro.org/gz/mani170208.html

MANIFESTO

A nosa vida non se entende sen o territorio: sobre el temos a nosa vivenda, por el nos desprazamos, del tiramos alimento e enerxía, nel deitamos os nosos residuos, traballamos, pasamos o noso tempo de lecer… e facémolo desde hai séculos, nel está a nosa historia. O territorio que habitamos conta con paisaxes fermosas ou singulares e alberga, ademais, moitas outras formas de vida, acubilla biodiversidade.

O territorio condiciona as nosas vidas, mais tamén temos unha cada vez maior capacidade de modificalo. Combinando desleixo e unha estrema ambición depredadora, levamos décadas destruíndoo e xustificámonos argumentando que é para xerar emprego, para nos desenvolver, para vivir mellor…

Este uso insustentábel do territorio está destruír a paisaxe e o noso patrimonio cultural, está a empobrecer a biodiversidade, está a empeorar a nosa calidade de vida e a hipotecar a das xeracións futuras, para, como moito, enriquecer a unha minoría. Galiza perde poboación ao tempo que estende o seu solo artificializado. Urbanismo caótico, infraestruturas de transporte irracionais, piscifactorías, campos de golf, portos deportivos, encoros, parques eólicos indiscriminados, paseos marítimos e fluviais ríxidos, recheos, monocultivos de especies exóticas e invasoras, nulo respecto polas figuras de protección ambiental e os espazos naturais protexidos… teñen unha cousa en común: a inexistencia dun ordenamento territorial ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto.

Estamos a atinxir un elevado nível de destrución do territorio, mais aínda temos capacidade para reaxir. Aínda é posíbel deseñar e desenvolver unha política de ordenamento territorial guiada pola sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social: que respeite a paisaxe e o patrimonio, que nos permita convivir cunha rica biodiversidade, que mellore a nosa cualidade de vida sen hipotecar a das xeracións futuras. Sabemos que a xeración de emprego de cualidade, o aceso a unha vivenda digna e o gozo do noso tempo de lecer non é incompatíbel coa sustentabilidade, senón todo o contrario, e por iso demandamos un inmediato cambio de rumbo.

Somos cada vez máis as organizacións e persoas que demandamos este cambio e traballamos por el desde diferentes ámbitos. Porque o mundo non está á venda e Galiza tampouco. Porque as persoas e o ambiente deben estar por riba do lucro. Porque é imprescindíbel deseñar e implementar xa un ordenamento territorial baseado na sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social. Porque para isto é necesaria unha cidadanía forte e autoorganizada que sensibilice, presione e achegue alternativas.

Terra viva e vida digna para tod@s!


Plataforma Medioambiental De Corrubedo
Sobre o autor ou autora:
 
< Ant.   Seg. >