| Galicia co Foro Social Mundial |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Martes, 29 de Xaneiro do 2008 | |
|
Alfredo I. Diéguez-. Conseguímolo: as galegas e os galegos xa temos un Foro Social Galego. Foi na mañá do sábado 26 de xaneiro do 2008, coincidindo co Día de Mobilización e Acción Global que o Consello Internacional do Foro Social Mundial acordou realizar este ano: un día de mobilización e acción mundial desagregada, en oposición ás tradicionais congregacións que polo de agora se viñeran facendo nun lugar concreto do planeta: Porto Alegre, Mumbai, Nairobi... O escenario: a aula magna da facultade de Xeografía e Historia; paradoxalmente, foi nun espazo no que se adoita reproducir o discurso do poder sobre o espazo (xeografía) e o tempo (historia), onde as galegas e os galegos que participamos na Asemblea de Movementos Sociais Galegos decidimos constituír o Foro Social Galego: un espazo aberto para a reflexión e a acción altermundista. O acto, por veces emotivo, foi asembleario e horizontal: unicamente o acto inaugural estivo presidido polas persoas que representaban as organizacións que, en tanto que participantes dende o ano 2001 nos diferentes foros que se veñen celebrando no marco do proceso do foro Social Mundial, convocaron a sociedade galega á Asemblea de Movementos Sociais Galegos. Esas organizacións orixinarias foron: Seminario Galego de Educación para a Paz, Fundación Galiza Sempre, Marcha Mundial das Mulleres, Sindicato Labrego Galego, CIG, CCOO, UXT, Sindicato de Traballadoras e Traballadores de Galiza -STEG-, Coordinadora Galega de ONGD, Adega, Verdegaia, Amarante, Foro Galego da Inmigración e Altermundo. Na Asemblea, á que acudiron máis de 180 persoas, tanto a título individual como en representación de máis de 70 organizacións sociais galegas, participaron arredor de 40 persoas -entre as que estaban coñecidos altermundistas galegos, como Xosé Manuel Beiras, Xabier Ron, Camilo Nogueira, Xavier Vence, Roberto Laxe, Manoel Santos...-, que expresaron a necesidade de crear un Foro Social Galego. Os xermolos, daquela, xa están postos; agora, porén, fica o máis importante: organizar o traballo, artellar o Foro, quizais arredor dunha asemblea que se reúna periodicamente e un comité executivo que traballe para que dentro dun ano o Foro Social Galego sexa unha realidade consolidada. Así mesmo, xa se formularon as primeiras accións: unha iniciativa lexislativa popular contra os alimentos transxénicos, a condena do xenocidio a que está a ser sometido o pobo palestino en Gaza, o apoio ao Día de Acción Global polo Traballo Decente (7-O)...; igual que as primeiras denuncias: a destrución do Courel, da ría de Ferrol, de Corrubedo..., a precarización do traballo, a discriminación da muller, a privatización dos servizos sociais e públicos..., a destrución e morte que está a xerar o noso estilo de vida... Agora ben, debaixo dos feitos denunciados polas persoas que participaron na Asemblea sempre atopamos un mesmo denominador común: o capitalismo, polo que non pode haber solución dentro deste sistema, polo que cómpre traballar para construír unha alternativa fóra do capitalismo. Ver tamén: artigo de Alfredo Iglesias Diéguez en Rebelión | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

