| Cara a un Foro Social Galego |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Luns, 21 de Xaneiro do 2008 | |
A historia facémola nós. Nós, en tanto que somos donos da nosa acción, somos quen de poder construír outro mundo posible; non en van, se a realidade non está predeterminada, a súa transformación é posible.Neste sentido, pois, resulta evidente que un mundo no que anualmente a fame, as enfermidades evitables ou as guerras matan a millóns de persoas; a clase traballadora retrocede en todos os seus dereitos conquistados nos últimos séculos de loitas; milleiros de persoas, desposuídas dos seus dereitos e invisibles para o sistema, son excluídas e marxinadas das sociedades nas que viven; as mulleres son oprimidas en tanto que mulleres; a natureza está a ser destruída de xeito irreversible..., non pode ser o único mundo posible nin o mellor dos mundos no que vivir, como se esforzan en transmitir mundialmente os voceiros do pensamento único neoliberal. Certamente, logo do escuro desastre soviético, como cualificou Alain Badiou á derrota polo capital do socialismo do século XX, asistimos a unha renuncia precipitada da utopía necesaria e da necesidade de transformar o mundo. Porén, o levantamento zapatista de 1994 foi o primeiro sinal de recuperación do horizonte utópico necesario; anos despois, logo do éxito da mobilización anticapitalista de Seattle, aflorou a necesidade de constituír un Foro Social Mundial, o que logramos en Porto Alegre no 2001. O Foro Social Mundial xurdiu, xa que logo, como un espazo aberto para facer posible a confluencia, arredor dos obxectivos comúns que nos unen, dos distintos movementos participantes. O Foro Social, pois, debe ser ese espazo aberto no que aprendamos novas estratexias para o cambio, estratexias que afloren logo da confluencia de sensibilidades diferentes cun obxectivo común: a transformación dunha realidade que non por ser máis crúa nos países da periferia do sistema mundial deixa de azoutarnos a nós, como proba a precarización do traballo, a desigualdade da muller na sociedade –visible aínda en moitas prácticas cotiás, como a discriminación salarial, o desigual acceso á postos de responsabilidade ou a asunción da carga familiar...-, a destrución do noso litoral e dos espazos naturais máis emblemáticos do noso territorio... Ten futuro o Foro Social Mundial? Esa é unha pregunta que as galegas e os galegos deberiamos responder acudindo á Asemblea de Movementos Sociais que se celebrará na faculdade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela o vindeiro día 26 de xaneiro pola mañá (máis información en: http://altermundo.org/portal/). O Foro Social Galego é, xa que logo, necesario para que os distintos movementos sociais galegos que polo de agora loitamos dun xeito fragmentario conflúamos en dous sentidos fundamentais: na unidade de acción colectiva en situacións concretas, contribuíndo a que nos reencontremos na loita común, e na articulación das diferentes sensibilidades emerxentes ante a mesma ameaza: a barbarie capitalista. O futuro está en marcha, construámolo á medida da humanidade ecoloxicamente reconciliada. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

A historia facémola nós. Nós, en tanto que somos donos da nosa acción, somos quen de poder construír outro mundo posible; non en van, se a realidade non está predeterminada, a súa transformación é posible.