Antiglobalización
Xabier Macías   
Martes, 15 de Xaneiro do 2008

Será o 26 de xaneiro. Por vez primeira Galiza comparte como nación unha convocatoria do Foro Social Mundial (FSM), por iniciativa das organizacións cívicas que impulsaron a presenza galega nos encontros do movemento antiglobalización desde o seu inicio en Porto Alegre (Brasil).

[A Nosa Terra]

En 2008, esta alternativa ao tradicional cumio dos poderes económicos de Davos optou por espallar a súa mobilización nun día de acción global, o que vai permitir unha ampla difusión da crítica ás posicións do capitalismo ultraliberal en todo o planeta.

Malia ser tachado de pintoresco, reformista ou violento polos seus distintos detractores, o proceso do FSM é interesante por constituir unha resposta plural e integradora á deriva antidemocrática, de recortes sociais e laborais, que introduciu a mundialización económica. Non é a panacea –non as hai- pero conseguíu desvelar e popularizar ás axendas ocultas dos organismos que dictan as políticas neoliberais de costas ao control democrático: o papel da OMC, do Banco Mundial ou do FMI; a marxinación da ONU na política internacional; os mecanismos de empobrecemento, desigualdade, uniformización cultural e destrución ecolóxica de pobos e nacións son máis visíbeis desde que se artellou o FSM.

Para o seu éxito -importante na batalla ideolóxica contra os que negan que outro mundo sexa posible- foi preciso dar protagonismo á iniciativa social organizada, evitar os riscos de manipulación desde a política institucionalizada e garantir a convivencia da diversidade ideolóxica característica da esquerda social.

Se cadra, é baixo este esquema da Carta de Principios do FSM que as organizacións promotoras da convocatoria galega poderán ter éxito no seu desexo de agrupar forzas sociais diferentes pero interesadas en cuestionar un modelo ultraliberal que, entre outras cousas, restrinxe absolutamente as posibilidades de aplicar políticas de transformación no actual marco institucional.


Xabier Macías
Sobre o autor ou autora:
Director da Fundación Galiza Sempre
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >