Iniciativa pola Soberania Alimentar dos Pobos
Foro Social Galego
Evolución Global e Altermundismo
Gustave Massiah   
Venres, 04 de Xaneiro do 2008


A evolución global

Tres grandes temas caracterizan a evolución da situación a escala mundial e mostran diferentes niveis de transformación social –mundial, por grandes rexións, nacións e áreas locais. Partirei da hipótese de que enfrontamos unha tripla crise, a crise da hexemonía dos EEUU e a crise do neoliberalismo ás que se debe agregar a evidente crise ecolóxica mundial.

A crise ecolóxica áchase exposta. A toma de conciencia dos límites do ecosistema planetario e a negación dos dereitos das xeracións futuras parece progresar bastante e acompaña, a partir da Conferencia de Río de 1992, a urxencia do movemento altermundista. A pesar das declaracións altisoantes e un importante activismo internacional non está pondo aínda en perigo o modelo de produción capitalista na súa forma produtivista. As consecuencias do produtivismo, ligado á dimensión ecolóxica, as dimensións sociais, democráticas e as desigualdades entre países comparten as correntes ecoloxistas e repercuten en alianzas entre os movementos sociais e os cidadáns. Trátase dun dos principais problemas do porvir do movemento altermundista.

A hipótese da crise do neoliberalismo merece ser discutida. A fase neoliberal da globalización está en crise e existen posibilidades de que poida emerxer unha nova fase; esta nova fase non está predeterminada. O neoliberalismo é unha fase da globalización capitalista, non é o seu final e non existe un escenario neoliberal estábel de longo prazo. A fase neoliberal sería polo tanto unha transición que comezou a fins dos 70. Correspóndese cunha íntima vinculación entre unha opción económica e social, a regulación por medio do mercado mundial de capitais e unha opción política conservadora. A señora Thatcher propugnou tanto as políticas neoliberais para crebar os sindicatos británicos como tratou de crebar aos sindicatos para impor o modelo neoliberal. Desde 1980 ata os nosos días, asistimos ao fortalecemento do modelo neoconservador. Entre 1980 e 1989, desenvolveuse un período de experimentación e de potenciación e a partir de 1989 atopámonos ante unha reacción das clases dirixentes que deben aceptar os compromisos keynesianos e que levantan cabeza. En 1995 comeza a consolidarse e a organizarse un movemento antisistémico, o movemento altermundista. En 2001, os atentados de Nova York aceleran o xiro conservador.

A crise do neoliberalismo, desde o punto de vista ideolóxico, está fortemente vencellada ao crecemento do altermundismo que agudizou as contradicións internas do sistema. O rexeitamento ao fatalismo expresado en "un outro mundo é posíbel" pon en cuestión as ofensivas ideolóxicas que seguiron á caída do muro de Berlin en 1989, as de "o fin da historia" e de "a guerra das civilizacións". A crise do neoliberalismo de ningún xeito significa a súa ineluctábel desaparición. Existen varios escenarios posíbeis no mediano prazo: un neoliberalismo fortalecido, un acento neoconservador, unha variante neokeynesiana. Unha saída altermundista é moi pouco probábel no medio prazo, dado que as condicións políticas están lonxe de ser as adecuadas, pero o fortalecemento do movemento altermundista influirá nas posíbeis saídas.

A situación económica dos vindeiros tres anos introduce algunhas incertezas. A economía mundial áchase traccionada polas economías asiáticas, especialmente a chinesa, pero se mantén dependente da fraxilidade da economía chinesa e dos desequilibrios desta fronte á economía dos EEUU. A economía dos EEUU enfronta unha probable recesión. O déficit dos EEUU áchase financiado polos países do Sur, os bancos asiáticos e os provedores de petróleo. A crise crediticia que afecta aos estratos máis pobres comeza a estenderse ás clases medias; o crédito inmobiliario explota. As autoridades monetarias xeraron unha burbulla monetaria que será moito máis difícil de reducir a través dunha recesión moderada como a de 2002/03. Pódese prever o estalido desta burbulla?. O presidente Bush vai intentar deixala como herdanza aos seus sucesores. Os demócratas se a reciben tenderán a soportar unha crise a comezos do seu mandato co obxecto de beneficiarse cunha recuperación en vésperas das eleccións seguintes. Os EEUU e Europa sufrirán a crise. Os países emerxentes poderán acharse tentados de non apostar todo ás exportacións e de reducir os excedentes que financian o déficit orzamentario do Norte. Poden escoller un desenvolvemento dirixido máis cara aos seus mercados internos, tratando de establecer unha alianza coas clases medias e a estabilización das súas clases obreiras. A partir de 2008, producirase na economía mundial unha elección aberta entre unha hipótese inflacionaria ou a recesión.

A crise da hexemonía estadounidense profúndase rapidamente. Hai tres anos Immanuel Wallerstein nun destacado artigo adiantaba que aínda que os EEUU fosen aínda dominantes, perderan a hexemonía ideolóxica, a económica e a política.Quedáballes a hexemonía militar que desde logo pensaban utilizar moi ben. A evolución da guerra de Iraq ao fraxilizar a hexemonía militar reforza a tendencia. Canto máis se afunden os EEUU máis senten tentados a recorrer á escalada e a fuxir cara adiante no medio dunha desestabilización xeral nunha loita sen fin. Wallerstein sinalaba tamén que a forza dos EEUU resulta de capitalizar a súa debilidade; constitúe aínda a única superpotencia funcional ás demais, UE, Rusia, China etc. Non poden desinteresarse porque para elas as consecuencias serían moito máis graves. É necesario insistir sobre a diferenza entre hexemonía e dominación e sobre o éxito dalgunhas ofensivas; por exemplo a capacidade de imporse, no debate mundial a pretendida guerra das civilizacións que serve de fundamentación ideolóxica á dominación militar e ás políticas de seguridade que alimentan o racismo de todo tipo. A loita contra a pretendida guerra das civilizacións e a moi verdadeira guerra sen fin constitúen as prioridades do movemento altermundista.

Os EEUU mantéñense como a superpotencia dominante pero deben enfrontar un crecente cuestionamiento. Esta situación produce importantes consecuencias no sistema internacional. A crise da hexemonía impide a consolidación do marco institucional do neoliberalismo, pon en cuestión o multilateralismo e debilita as institucións internacionais. O Banco Mundial enfronta unha perda de credibilidade que acentuou o nomeamento de Wolfowicz como presidente. O FMI debilitado polos reembolsos anticipados atópase ao bordo da quebra e perde celeridade. A OMC aínda que continúa sendo un referente e mantén certa coherencia, viuse debilitada polos acordos bilaterais. Trátase de fortalecer a oposición ás institucións financeiras e comerciais que constitúen os elos máis febles do sistema internacional. A oposición a estas institucións debe por o acento sobre a nosa concepción do multilateralismo, a regulación pública do sistema internacional, as institucións financeiras internacionais que nós recomendamos.

As grandes empresas multinacionais constitúen os actores máis importantes da economía mundial. Non sempre teñen capacidade para dirixir directamente o mundo e deben facelo a través dos gobernos e das institucións internacionais. A crise do neoliberalismo tradúcese en dúbidas e en certa confusión fronte aos actores económicos. Insístese sempre na reafirmación do Consenso de Wáshington e no axustamento estrutural, pero a confianza debilítase. Davos comeza a xuntarse coa Trilateral nun pasado brumoso: O G8 constitúese nun espazo de regulación das contradicións entre potencias dominantes sempre medorentas, que suscita máis desconfianza que adhesións. Mentres que o recurso militar afúndese e desacredítase a OTAN. As Nacións Unidas son sempre combatidas pero non liquidadas. O dereito internacional é a sede dun enfrontamento esencial entre os dereitos dos negocios e a Declaración Universal dos Dereitos do Home.

A evolución das grandes rexións comeza a diferenciarse, en tanto as respostas de cada unha perante a crise da hexemonía estadounidense é diferente. Esta configuración define as liñas de forza dunha carta xeopolítica multipolar. Xa non estamos na época da descolonización e da converxencia anti-imperialista. En Asia do Sur, especialmente en China e India, enfróntase a crise da hexemonía estadounidense a través da competencia económica. Non se trata dunha resposta anticapitalista nin tampouco anti-liberal pero si anti-hexemónica. A situación é complexa, China compite evidentemente cos EEUU, pero os necesita. No medio Oriente a resposta pasa pola posta en cuestión das opcións militares para a obtención dos recursos enerxéticos e das guerras en todas as súas variantes. Os EEUU poden aínda calibrar, modificar a súa intervención militar, como o suxire o chamado plan Baker-Hamilton. Poden manterse hexemónicos cambiando a táctica da súa intervención. A terceira resposta é a de América Latina: correspóndese coa urxencia dun movemento "cívico" continental que está en fase de democratización e de construción de réximes que rexeitan a hexemonía usamericana. Africa áchase aínda paralizada polas guerras, os conflitos, os réximes impostos e as influencias concorrentes; o movemento social africano comeza a transcender e a afirmarse. Europa e Xapón están pegados á súa alianza estratéxica cos EEUU, situación que repercute nas súas propias contradicións internas. A rede Alter-Inter foi construída co obxecto de reagrupar aos actores non gobernamentais ancorados en rexións estratéxicas.

A crise da hexemonía estadounidense libera, en cada gran rexión, a competencia entre as potencias rexionais que pretenden construír a súa propia zona de influencia. E así xorde o conflito entre India e Paquistán en Asia, os enfrontamentos entre Israel, Irán, Turquía e Arabia Saudita no medio Oriente, dos que deriva a nova carreira pola militarización nuclear; como antes na posguerra xerouse certo equilibrio e logrado o acceso ás representacións permanentes no Consello de Seguridade das Nacións Unidas. O rexeitamento a encarar un desarmamento nuclear xeneralizado xa que resulta pouco críbel que as potencias nucleares poidan impedirlles o acceso a través do dereito internacional. Esta competencia polo status de potencia rexional exacerba os conflitos internos e a manipulación por parte das clases dirixentes, en cada país e en cada rexión, do etnicismo, do tribalismo como instrumentos de xestión política. E expón en función das diferentes situacións, a moi difícil cuestión das relacións entre os movementos sociais e cidadáns e os movementos "islámicos". A loita contra a guerra é tamén unha loita pola paz e contra as discriminacións, pola prevención e a regulación dos conflitos. Do mesmo xeito que a transformación social é inseparábel da reconstrución nos períodos postbélicos.

A evolución política vencellada ao neoliberalismo diferénciase segundo o país. En moitas rexións do Sur, en América Latina e en Asia, especialmente na India, a deterioración causada pola mundialización neoliberal conduce a aperturas cara a alianzas que combinan políticas que se inscriben nas correntes capitalistas pero con visións antihexemónicas.

Nos países do Norte, a converxencia da extrema dereita con amplas correntes da dereita conduce a pór en marcha unha extrema dereita. Esta alianza é unha resposta aos movementos dos anos 90 –94 en Italia, 95 en Francia, 96 en Alemaña e nos EEUU. Os dominadores, os propietarios e os privilexiados escolleron unha actitude forte para enfrontar as resistencias sociais, cidadás e dos pobos dominados. A Italia de Berlusconi é un exemplo premonitorio desa modalidade. O derrube dunha gran parte de Europa –Austria, Holanda, Dinamarca, etc– mostra o éxito desta extrema dereita inscrita na evolución dos EEUU de Bush. Francia experimenta un réxime bonapartista, versión francesa do populismo. Poden mencionarse así mesmo os camiños populistas de dereita de Canadá, México, Indonesia e moitos outros países.

O éxito da extrema dereita prodúcese en dous tempos: constrúese unha extrema dereita e se coacciona á dereita a aliarse a ela. A extrema dereita conseguiu desprazar o taboleiro político cara á extrema dereita instalando o debate sobre a inseguridade, a inmigración e a xenofobia. Son os espazos en que traballa desde hai vinte anos. É na batalla das ideas onde durante 25 anos construíu esta alternativa fascistizante, sobre a base dun partido da orde. Os clubs que prepararon o advenimento de Thatcher, como o Club do Reloxo de Francia, as correntes evanxelistas de dereita e os grupos fundamentalistas de diferentes relixións lanzaron unha primeira ofensiva contra a igualdade partindo da xustificación xenética das diferenzas, das razas e das desigualdades. A segunda ofensiva ideolóxica lanzou sobre os pobres e os excluídos a responsabilidade da súa propia situación propondo combater a inseguridade e a incivilidade mediante a represión e a fichaxe xenética xeneralizado a maior batalla ideolóxica é a que se debe emprender nos planos filosóficos, científicos, políticos e culturais en contra desta ideoloxía neoconservadora: é unha das maiores tarefas do movemento altermundista.

A esquerda tradicional acentuou a súa posición de partido de goberno e non logrou impor o seu enfoque. Preferiu sempre a alternancia á alternativa. A social democracia perdeu a súa capacidade de constituír un verdadeiro proxecto de transformación social. Permanece nunha posición estábel, unha posición "blairista", non nun sentido caricaturesco na que admite que pode existir unha posición menos atlántista ou menos "bushista" e que se pode combinar a aceptación neoliberal cunha recuperación dos servizos públicos. Áchase enfrontada a unha recomposición interna que combina tres correntes que cohabitan, mediante diferentes articulacións, con todos os partidos e movementos de esquerda. Tratemos de distinguilas: unha corrente "blarista", tentada por un liberalismo mundial, unha corrente regulacionista e keynesiana máis cerca do estado social e unha corrente altermundista en procura dunha nova alternativa.

O movemento altermundista

O movemento altermundista non está en "panne". Parece elegante anunciar que está desinflándose e con todo non cesa de ampliarse e de aprofundarse. Ampliación xeográfica como o testemuñan os Foros sociais mundiais de Porto Alegre, Mumbai e Nairobi; o Foro Policéntrico de Bamako, Caracas e Karachi; os foros continentais e os foros nacionais, entre os que está o realizado en xuño de 2006 en Atlanta, EEUU. A ininterrompida fervenza de foros locais. Ampliación social coa incorporación dos movementos campesiños, os Sen Terra, os sindicatos obreiros, os Sen Voz como os Dalits, os comités dos barrios degradados e as vilas miseria ou chabolas, os foros dos migrantes, a marcha mundial das mulleres, os campus de mozos. Ampliación temática cos foros temáticos, como os de educación, da auga e os foros asociados das autoridades locais, dos parlamentarios, dos xuíces, etc.

O movemento altermundista coñeceu un crecemento de considerábel potencia en moi pouco tempo, en menos de dez anos. Con todo aínda non gañou. Sería asombroso que gañase en tan pouco tempo: con todo tampouco é moi simple definir que significa gañar. O movemento altermundista é un movemento de longo prazo que se asenta na permanencia. Ademais hai expresións políticas moi diferentes no seo do movemento altermundista que é en realidade un movemento de movementos. Esa diversidade, algúns din esta cacofonía, ten as súas vantaxes pero tamén os seus límites. Existen moitos países onde os foros non axudaron a mellorar a situación, tendo en conta da debilidade dos movementos. O movemento evoluciona segundo as situacións: propoñamos algunhas hipóteses que alumen o debate estratéxico.

Primeira hipótese: o movemento altermundista é un movemento histórico que se asenta na permanencia. Prolonga e renova tres movementos históricos precedentes. O movemento histórico da descolonialización; e dende ese punto de vista o altermundismo modificou en profundidade as representacións Norte-Sur con vistas a un proxecto común. O movemento histórico das loitas obreiras: e dende alí a mutación cara a un movemento social e cidadán mundial. O movemento das loitas democráticas a partir dos anos 1960/70; e dende alí a renovación do imperativo democrático logo da implosión soviética en 1989 e as regresións producidas polas ideoloxías da seguridade. A descolonización, as loitas sociais, o imperativo democrático e as liberdades constitúen a cultura histórica de referencia do movemento altermundista.

Segunda hipótese: o movemento altermundista debe oporse ao neoliberalismo, ao neoconservadurismo e ás súas consecuencias. O dominante concepto do crecemento baseado no sometemento ao mercado mundial e a regulación dos capitais polo mesmo mercado tradúcese na profundización das desigualdades e da pobreza. Desigualdades en cada país e entre países. A estruturación social que se produce é indisociábel da discriminación e do racismo; e a definición dun nova xeito de desenvolvemento comeza pola loita contra as discriminacións: os límites do sistema planetario e o respecto polos dereitos das xeracións futuras pon en cuestión o produtivismo. O rexeitamento do neoconservadurismo implica o da supremacía militar e o da guerra perpetua e preventiva. A dimensión democrática e a defensa das liberdades implica o rexeitamento á ideoloxía da seguridade, dos controis identitarios, dos fundamentalismos, da tolerancia cero, da criminalización dos movementos. A nosa concepción da transformación social inclúe cinco dimensións que se trata de articular: dimensións económicas, sociais, ecolóxicas, democráticas, contra a guerra.

Terceira hipótese: o movemento altermundista concretou unha alternativa. Partindo da oposición ao neoliberalismo o movemento afirmou o rexeitamento á fatalidade e pasou da resistencia á contraofensiva e á proposta de alternativas. A orientación estratéxica xurdida dos Foros é a seguinte: á organización das sociedades e do mundo mediante a subordinación ao mercado mundial e ao mercado de capitais propomos a organización das sociedades e do mundo ao redor do principio do acceso de todos a todos os dereitos. Este principio cambiou xa a natureza dos movementos nos que a converxencia constitúe a principal característica do altermundismo; cada un dos movementos evolucionou incorporando aos seus principios o acceso de todos a todos os dereitos. É preciso insistir no feito de que o movemento altermundista non se repuxo aínda do fracaso histórico do socialismo e non propuxo aínda unha idea de construción alternativa global no sentido en que o socialismo histórico si a tivo.

Cuarta hipótese: as diferentes formas do movemento altermundista enriquecéronse. Baséanse sempre na converxencia dos movementos sociais e cidadáns. Combinan as loitas e as resistencias, as campañas e as mobilizacións, as prácticas sociais innovadoras, a elaboración, as alternativas, as propostas de negociación. Avanzan sobre a construción dunha nova cultura política que comeza a marchar no funcionamento dos Foros. A experiencia cidadá oponse ao monopolio da experiencia dominante e do pensamento único; concreta o paso desde o "TINA" (There Is Non Alternative) da señora Thatcher á capacidade de pensar noutro mundo posible.

Quinta hipótese : o movemento altermundista entra nun novo período. Concluímos un ciclo de Foros sociais mundiais, que se iniciara en Seattle. Débense definir os elementos do proxecto correspondente a este novo período. Importantes cambios políticos áchanse en xestación. Dado que o neoliberalismo está en crise e a fase neoliberal da mundialización está se cadra rematando. Chegamos ao límite da hexemonía do capital financeiro e da súa lóxica "cortopracista". A hexemonía económica dos EEUU áchase en cuestión. O ascenso da potencialidade económica de China, India e tamén de Brasil cambia os datos. A guerra perpetua xera novas contradicións e as eleccións nos EEUU introducen incertezas sobre a condución bélica. A situación nos diferentes países vai evolucionar nos períodos electorais e de recomposición política. O movemento político en América Latina redefine, en diversas situacións, novas relacións entre os movementos e os gobernos.

Un novo ciclo de Foros Sociais Mundiais

O movemento altermundista non se limita aos Foros sociais pero os Foros ocupan un lugar particular. Especialmente para Alter-Inter que naceu neste proceso. Temos responsabilidades especiais, polo que debemos prestar particular atención ás contradicións que se producen nos Foros.
O Foro de Nairobi foi un dos máis interesantes por ser precisamente un dos máis contraditorios. A dimensión mundial do Foro foi boa. Houbo importantes delegacións de varios continentes –indios, paquistanís, brasileiros, italianos, franceses, etc. Percibíanse sensíbeis progresos no nivel dos debates e da elaboración así como na construción de redes mundiais. Este progreso foi visíbel nalgúns temas como a auga, a débeda, a soberanía alimentaria, as migracións, etc. Houbo ampliación das redes concorrentes e realmente comprometidas.

A dimensión africana do Foro Social Mundial foi excelente. Primeiro pola participación e polo feito de que as grandes delegacións africanas eran basicamente populares; mobilizaron movementos populares e preparáronse por medio de Foros sociais nacionais. Africa é o continente en que se desenvolveron máis Foros sociais nacionais –máis dunha decena en 2006.Un dos éxitos do foro foi a importante presenza sindical. Logo de Bamako e de Nairobi, á marxe das insuficiencias e dos límites, da súa diversidade e das súas contradicións pódese falar, hoxe en día, da urxencia dun movemento africano social e cidadán de escala continental.

A dimensión kenyana do Foro Social Mundial foi moito menos convincente. Máis aló dos problemas organizativos os enfrontamentos no seo do movemento social kenyano foron moi serios. Dende o punto de vista da concorrencia, estimouse unha base de entre 30 mil e 60 mil persoas. Para un país como Kenia foi realmente impresionante. É aínda demasiado cedo para poder apreciar o impacto local, o Foro podería desempeñar un papel detonante e formador que podería desembocar en reais avances.
Os problemas expostos polo desenvolvemento dos Foros sociais son numerosos. As críticas realizadas á organización dos FSM pola elección e os procedementos de posta en marcha son lexítimas. Habería que evitar que estas enmascaren os problemas postos de relevo en devanditos procesos, dun ou doutro xeito presentes nos foros anteriores.

A ampliación xeográfica progresou. Sabiamos que realizar un Foro en África non sería doado, dende o momento que Suráfrica rexeitara ser a súa sede. Non son demasiados os países africanos que poderían acoller un FSM, desde o punto de vista dos seus tamaños e da fortaleza dos seus movementos sociais. O tema da cantidade de participantes é relativa, pero a mediatización vólveo pesado e impulsa ao gigantismo.

A mediatización tamén é en si mesma relativa. Que esperamos unha notábel visibilidade ou a "simpatía" dos medios? O impacto que buscamos é en primeiro termo cualitativo, é máis importante a diversidade e a converxencia que a estandardización. Existe unha evidente evolución desde este punto de vista: por exemplo os temas trátanse moito máis profundamente que a comezos do FSM.

A ampliación das bases sociais, aínda que real, non é con todo suficiente. Os sindicatos de traballadores, as organizacións campesiñas e as organizacións de cidadáns estiveron presentes desde o principio, tanto a CUT, o MST ou o MNLN en Brasil como os sindicatos africanos en Nairobi. A presenza dos máis pobres e dos excluídos resulta máis difícil. A participación dos Sen Voz marcou unha etapa que se consolidou, especialmente entre os migrantes en Bamako; foron os Dalits os que en Mumbai aseguraron un xiro cualitativo.

A participación dos pobres e dos excluídos esixe un esforzo voluntarista continuo e difícil especialmente se se quere asegurar a participación de asociacións representativas dos estratos populares do Foro. O acceso ao Foro dos Sen Voz, os Dalits, os pescadores de Karachi, fíxose a través das súas asociacións, xa que estaban ou se organizaron. É moito máis difícil participar no Foro de xeito absolutamente individual. En Nairobi houbo decisións realmente desafortunadas, percorridos sen transportes de balde, prezos de inscrición demasiado elevados para os pobres, distribución insuficiente, apertura insuficiente para unha parte das asociacións das vilas miseria.

O tema da participación dos pobres vai acompañado de maiores esixencias éticas do movemento altermundista. A reivindicación doutro mundo posíbel pode lograrse con métodos dominantes que rexeitamos? Os Foros deben ser tamén vitrinas doutro mundo posíbel. Expuxéronse tres cuestións en relación cos compromisos que deben asumirse: Como asegurar a organización e a seguridade dun acontecemento como o Foro? Que formas de consumo deben aceptarse nos Foros? e Como financiar os Foros?

É tamén interesante preguntarse sobre a ampliación política do proceso dos Foros. Non é anormal que se expoñan contradicións e até enfrontamentos, entre os diferentes movementos sociais e cidadáns dun país ou dunha rexión. existiron contra-Foros en Londres, en Mumbai, en Nairobi.

O tema da ampliación política conduce tamén a considerar a presenza cada vez máis importante de certos movementos, como as grandes ONGs, que defenden posicións máis moderadas e até, ás veces, retrógradas –(sobre o aborto, por exemplo, en Nairobi. Non basta con propor establecer o equilibrio invitando a estar presentes a outras correntes: é preciso velar porque a maior capacidade das grandes asociacións non inflúa ou tenda a controlar a evolución dos Foros.

O problema máis importante hogano é o da articulación entre crecemento e radicalidade. O movemento altermundista parte do rexeitamento á mundialización neoliberal e da convicción de que outro mundo é posíbel e que isto implica unha ruptura co pensamento dominante e as políticas neoliberais. A ampliación é unha peza de éxito para o proceso, a condición de evitar a perda de sabor do movemento. A profundización dos compromisos é unha necesidade sempre que se eviten as exclusións e o sectarismo. Na linguaxe do Foro pártese do vencellamento entre a converxencia e a xuxtaposición, a horizontalidade e a definición de prioridades e os eixos de mobilización, o ordenamento e a aglutinación ("brasileirismo" que se refire ao chamado ao reagrupamento sobre unha base autoxestionada).

O cuarto día do Foro intentouse unha experiencia de converxencia: a proposta de reagruparse sen renunciar ás actividades autoxestionadas, pola mañá a partir de redes ou de campañas e pola tarde a partir de temáticas identificadas –21 temas a partir de 1100 actividades inscriptas– co obxecto de definir propostas e mobilizacións. A decisión foi xulgada interesante, os resultados non foron concluíntes debido á falta de preparación suficiente antes do Foro e as dificultades organizativas entre o cambio de ritmo.

O debate sobre a ampliación e a radicalización e sobre a forma do Foro e a evolución do proceso reenvía a un debate máis fundamental, o do horizonte da transformación social. Partindo de que se sexa máis sensíbel á urxencia da situación e á necesidade de definir obxectivos a mediano prazo ou que se poña o acento sobre o carácter histórico do movemento altermundista e que se pense no longo prazo. É a partir de alí que se deben expor as discusións sobre a desintegración do movemento ou a súa permanencia. Polo tanto o debate fundamental do movemento é o debate estratéxico, o pensamento estratéxico permite vencellar as accións de curto prazo e os obxectivos de longo prazo, a urxencia de respostas a situacións inaceptábeis e a transformación en profundidade das sociedades e do mundo.

*Gustave Massiah é Présidente del CRID (Centre de recherche et d’informations pour le développement).
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
Ciberirmandade da Fala