 Sete activistas foron detidos na India polos seus esforzos na difusión das violacións dos dereitos laborais das traballadoras do fabricante de vaqueiros Fibres and Fabrics International PVT. LTD. e a súa subsidiaria Jeans Knit PVT. LTD.
U-la responsabilidade corporativa?
O pasado 1 de decembro un tribunal de Bangalore –India– ordenou a detención de sete activistas da Campaña Roupa Limpa –CRL– e do Indian Commitee of the Netherlands –ICN– así como do director de Antena, o seu provedor de servizos de Internet. Estas persoas están inculpadas por difundir información sobre violacións de dereitos laborais das persoas traballadoras do fabricante de vaqueiros Fibres and Fabrics International –FFI. Enfróntanse a dous anos de cadea por crime cibernético, actos de natureza xenófoba e racista e difamación criminal.
No entanto, varias entrevistas a traballadores e traballadoras das fábricas revelaron graves violacións dos dereitos laborais, incluíndo excesiva sobrecarga de traballo, horas extras forzosas e impagadas, abusos físicos e psíquicos e non formalización de contratos de traballo nin de cartóns de identidade. Estas denuncias foron corroboradas no informe realizado por unha misión de sete organizacións de dereitos humanos e dereitos das mulleres en agosto de 2006. Desde 2005, o provedor de G-Star –firma de roupa vaqueira que se gaba da súa responsabilidade social, www.g-star.com–, a empresa FFI e a súa subsidiaria Jeans Knit Pvt. Ltd. –JKPL–, utilizaron os tribunais para silenciar aos grupos que estaban a facer públicas violacións dos dereitos laborais nas súas fábricas. Cando a CRL amosou o seu apoio a estes grupos, FFI denunciou á Campaña e aos seus provedores de servizos de Internet. G-Star, o principal comprador de FFI/JKPL, aceptou ao final rachar a súa relación comercial coa empresa india o 6 de decembro, mais a CRL considera que G-Star esqueceu manifestar publicamente as razóns desta ruptura e elaborar un plan de retirada que priorizase o traballo con outras fábricas da zona, coa finalidade de ofertar oportunidades de emprego aos traballadores e ás traballadoras de FFI/JKPL noutras empresas. Ante a gravidade dos feitos, a CRL e outras organizacións de defensa de dereitos humanos protagonizaron o 17 e 18 de decembro accións de protesta ante as tendas de G-Star de 11 países e 3 continentes. Instaban así a G-Star a empregar a súa influencia para presionar á fábrica india a iniciar un diálogo co sindicato local e as organizacións de dereitos humanos, para garantir a liberdade de sindicación dos traballadores e das traballadoras e a liberdade de expresión.
Estas accións legais emprendidas contra organizacións de dereitos humanos poden sentar un perverso precedente, xaora que outras empresas provedoras poden tratar de utilizar medios legais para evitar que se informe dos abusos cometidos na industria da confección mundial. A CRL é unha campaña internacional para mellorar as condicións laborais no sector téxtil, especialmente nas empresas deslocalizadas en países en desenvolvemento e as súas provedoras. Traballa en 12 países europeos, estando formada por coalicións de sindicatos e ONG –de consumidores, investigación, comercio xusto, xuvenís, mulleres, grupos solidarios, etc. No Estado Español está coordinada por Setem desde 1997 e en Galiza por Amarante, que ten participado nas xuntas de accionistas de Indetex e Adolfo Domínguez, empresas das que a CRL mercou accións. |