Malmö: Foro Social Europeo
Suplemento Altermundo, de Galicia hoxe
Vivindo cos pés na terra
Manoel Santos   
Xoves, 03 de Xaneiro do 2008

 "Educáronnos estudando as modernas técnicas e menosprezando a cultura popular. Pasamos de ser labregos a “empresarios agrícolas” e, dalgún xeito, a depender das subvencións, a renunciar á nosa autosuficiencia e xa que logo a nosa independencia. Esquecemos o aproveitamento racional da terra e dos seus recursos naturais. Fixemos desaparecer o parcelamento tradicional, a selección das sementes dun ano para outro, o esterco das cortes dos animais, a laboura tradicional. Esnaquizamos sebes, árbores, muros de pedra e regatos, contaminamos con herbicidas e pesticidas, aceptamos a incultura do monocultivo e o absoluto control dun mercado que rematou por despoboar o rural.” [Pilar e Eloi, Reboreda, Porqueira, Ourense]


A agroecoloxía ao xeito tradicional é tamén unha loita contra un sistema que esnacou a vida no rural e a “cultura da agricultura”


Biodiversidade en estado puro, en Reboreda cultivan cando menos unha trintena de variedades vexetais [Fotos: Pilar e Eloi]

A besta turra dun arado tradicional

A casa de Pilar, Eloi e mais Estrela respecta os criterios da bioconstrución
Foto: Altermundo

Eloi na recolleita da cenoira, tal e como chegan ao mercado

Pilar, durante a sementeira das cenoiras

Outra conciliación da vida laboral e familiar é posíbel

“Que segredo gardan os maiores nas súas mans que as sementes parece que xa van nacendo antes de tocar a terra?” Esta foi a pregunta que Pilar e Eloi se fixeron logo de asistir aos seus primeiros fracasos no cultivo ecolóxico hai xa oito anos. “Os veciños facían as cousas ao seu xeito, case instintivamente, e obtiñan mellores resultados. Coñecen as terras, saben cal é boa para o centeo, cal vai dar mellores patacas ou en cal engordarán antes os repolos. Esa xente medrou coa terra, arou as leiras case cos pés espidos e dalgún xeito foi coma se deles tamén abullaran raiceiras. Non ven a terra coma un mero soporte para os cultivos, senón coma un ente vivo. Así viven con ela e forman parte dela, e claro, as sementes é coma se agromaran xa nas súas mans”.

Este patrimonio inmaterial, o coñecemento, é hogano o piar central da explotación agroecolóxica que Pilar e Eloi manteñen na aldea de Reboreda, no concello ourensán de Porqueira, onde van morrendo polo sur as chairas da Limia. Chegaron alí para retornar á orixe. Comezaron cultivando caraveis como nas explotacións convencionais, facendo tratamentos con agroquímicos, con luvas e máscaras, e aceptando as leis dun mercado que non respecta ao agricultor e que socava a súa independencia. Aprenderon axiña. En tres meses concluíron que non era iso o que querían.

En realidade Pilar e Eloi, licenciada en Económicas ela e capataz forestal el, fuxiran da cidade para armar unha vida que hoxe xira ao redor do respecto ao medio ambiente, para  formar coa terra –e a súa pícara, Estrela– unha fusión exemplar, se cadra esperanzadora. Altermundismo aplicado. “Até agora son máis os aspectos positivos. As faltas que poidamos ter no eido económico vémolas compensadas coa calidade de vida que gañamos”. Mesmo levantaron a casa coas súas propias mans, con técnicas de bioconstrución. Ladrillos de termoarcilla, cortiza de illante, cal hidráulica tinguida con pigmentos naturais, vernices ecolóxicos, madeiras autóctonas, grandes xanelas e invernadoiro ao sur, miúdas lumieiras ao norte, placas solares, forno de ladrillo refractario. Seguiron a mesma técnica co alboio que acaban de erguer, malia que o sistema prostituíu un chisco a súa filosofía da autosuficiencia. “Déronnos unha axuda do 40%, pero para acceder a ela tivemos que pedir un crédito subvencionado. Era o único xeito, pois tratábase de axudas a crédito da Unión Europea. Obríganche a pasar polo control dos bancos”. Ao rego.

Existen dous tipos de agricultura ecolóxica, ou mellor, a agricultura ecolóxica e a agroecoloxía. A primeira é a industrializada. Sen produtos químicos, é certo, pero onde priman os grandes cultivos, a comercialización convencional por medio de intermediarios que quedan coa meirande parte das ganancias, as agresivas campañas publicitarias e na que non se teñen en conta, por exemplo, a materia orgánica da terra ou os labores tradicionais. Só importan as hectáreas, a cantidade de produto. Mais esta non deixa de ser unha agricultura mergullada na lóxica do sistema neoliberal, na que o agricultor depende dun mercado que domina a súa vida, na que cultiva sen miramentos especies alóctonas se estas lle dan máis cartos.

A outra sería a agroecoloxía real, e concienciada, a que practica na medida do posíbel esta parella na aldea limiá de Reboreda, unha alianza coa terra en todos os eidos. Tamén no cultural e no que procura a propia soberanía alimentaria, a autosuficiencia e a menor dependencia posíbel da administración. “Si existen axudas, pero case que sempre dende a óptica convencional. Son axudas por hectárea, á cantidade e non ao sistema de cultivo”, comenta Eloi.

Un abano de actuacións

A agroecoloxía tradicional –é tanto agricultura como ecoloxía e tradición– abrangue un conxunto de actuacións. Da suma destas depende o que sacas. “Non hai ningún milagre”, di Pilar. Hai que partir dunha terra boa, preparada con agarimo, na que os microorganismos, a vida que leva dentro, son tan importantes como a materia mineral. É por isto que Pilar e Eloi analizan as terras no Inorde, en Xinzo da Limia, para deste xeito coñecer a cantidade de materia orgánica que ten e planificar os aboados, que constitúen outro anaco do sistema de cultivo. Dependendo do que se cultive varía a cantidade e o tipo de esterco. Unha planta consumidora como o tomate precisará máis que outra pouco esixente como a cenoria. Se aboamos de máis xorden as pragas con facilidade.

Despois hai que coñecer ben as variedades e ir aprendendo. “Ese, indica Eloi, é o 80 por cento do éxito”. Na agricultura convencional só se escolle a variedade polo seu aspecto e produción, pero non pola súa resistencia ás enfermidades ou aos insectos, ou pola súa adaptabilidade ás condicións climáticas. Seleccionar sementes dun ano para outro é fundamental. Así as variedades vanse convertendo en rústicas, duras e resistentes que non presentan case problemas de cultivo, evitando así a dependencia dos agroquímicos e o neofeudalismo das empresas que os comercializan.

E logo están as asociacións, que vexetais poden medrar ao lado doutros, cales se prexudican e cales se benefician, tamén as rotacións dos cultivos e por suposto a diversidade. Pilar e Eloi cultivan case trinta tipos de vexetais en dúas hectáreas de horta e 1.500 metros de invernadoiro, nos que tamén desenvolven os sementeiros. Amais traballan outras tres hectáreas de cereal, sobre todo trigo e centeo, cos que fan o pan e cos que pensan alimentar gando, o seu vindeiro proxecto.

En resume, a planificación é algo no que hai que empregar moito tempo, sendo cada vez máis estritos para ter mellores cultivos e tamén controlar o que e canto se precisa producir.

Universidade Rural

Tan importante como esas actuacións é a información, saber das experiencias doutros, aprender dos sabedores que sempre cultivaron a terra e tamén dos experimentos propios. “Se cultivas vinte variedades e fracasas nunha non pasa nada”. Neste eido consideran que falta moita investigación en agroecoloxía. O Sindicato Labrego Galego ten un proxecto para crear unha Rede de Sementes, para facer localizadores, xente que garda as sementes e así compartir coñecementos e variedades, pero parece que esta experiencia, coma outras, avanza a modiño. Outro proxecto é o da Universidade Rural Galega, unha asociación que busca darlle un valor a toda esa cultura popular que sempre se desprezou. E non só á da agricultura, tamén aos oficios, aos mariñeiros, aos cesteiros, aos músicos… a todos eses sabedores que murchan coa “modernidade”, os que crearon a nosa cultura popular. A Universidade Rural Galega, tras uns anos atrancada, parece agromar de novo cunha subvención de Medio Rural destinada a levar á práctica unha idea até agora teórica.

DA TERRA Á CASA DA XENTE

“Producir non é complicado. O complicado é a venda”. Pilar e Eloi venden o que producen o máis directamente posíbel, tratando de evitar esa lóxica ilóxica de quen merca vexetais tan só pola súa calidade visual e o seu baixo prezo. A meirande parte do que cultivan vai a asociacións de consumidores que buscan un produto de elevada calidade non só no eido organoléptico, tamén no cultural e que sexa respectuoso co ambiente. Pertencen a Labregos Daiquí, asociación da Carballal –Rairiz da Veiga– na que María e Manuel encárganse de centralizar a produción de varios labregos e de servir os produtos –tamén de Comercio Xusto– directamente á casa de consumidores responsábeis. Hai máis asociacións, como A Xoaniña, de Ferrol; A Cova da Terra, de Lugo; Semente, de Ourense, ou Árbore, de Vigo. Son algo máis que asociacións ou cooperativas de consumidores, tamén fan campañas de concienciación, fomentan o voluntariado ou organizan actividades de defensa do ambiente. En Semente hai máis dun cento de socios. Cada semana piden a Pilar e Eloi, e tamén outros labregos, cestas con produtos de tempada por valor de 10 euros cada unha.

Ao cabo, Pilar, Eloi e a pequena Estrela, levan á práctica un soño, ese que fala de que un outro mundo é posíbel. Son conservadores de cultura, pero, como ben afirman Xavier Simón e Xabier Prado no libro Cultura tradicional e desenvolvemento rural –unha recompilación de experiencias guiadas polo agarimo á terra nosa– non da “cultura con maiúsculas”, a cultura dominante, senón dunha cultura milenaria que se forxa na experiencia da vida.

+ INFO:
www.daiqui.com | www.arbore.org | semente.info | www.covadaterra.org | www.cooperativaxoaninha.org

Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.