| O soño dun Foro Social Galego |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 23 de Decembro do 2007 | |
Convocada por organizacións que xa participaron noutros FSM -alguén ten que acender a mecha-, o 26 de xaneiro hai unha cita ineludíbel na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela. O formato: unha asemblea de movementos sociais galegos. O soño: un foro social galego.Todo comezou en 2001, cando milleiros de mulleres e homes, organizacións, redes e movementos sociais de todas as partes do planeta, de aldeas e rexións, de zonas rurais e centros urbanos, de todas as idades, pobos, culturas e crenzas, foron quen de converxer no primeiro Foro Social Mundial -FSM- en Porto Alegre. A organización esperaba xuntar 4.000 persoas para se enfrontaren simbolicamente ao Foro Económico de Davos, onde cada xaneiro os poderosos xogan co planeta no marco dun acto de prepotencia e exhibición de poder que ofende a meirande parte dos seus habitantes, que non somos os de aquí enriba, senón os de aló embaixo. Baixo o lema de "Un outro mundo é posíbel", a participación superou todas as previsións coa presenza de 20.000 persoas de 117 países. Dende aquela, o FSM constitúe case que un termómetro da situación dos movementos sociais que se opoñen ao neoliberalismo, a versión máis desapiadada do capitalismo. Descríbeo François Houtart: "a primeira vez acudiron 20.000 persoas, a seguinte 60.000, 100.000, 155.000... dando lugar ademais ao agromar doutros foros nacionais, continentais, temáticos e centos de manifestacións que son punto de encontro de movementos, intelectuais, ONG. Accións todas elas que poñen de manifesto o xurdir dun feito social novo: a converxencia das resistencias". Esta converxencia ten unha nova cita nun mes, mais desta vez non en forma de foro centralizado. Iso queda para 2009, cando o FSM recupere o seu formato primixenio en Belem do Pará, porta da Amazonía. Nada máis simbólico. En 2008, o FSM estará composto por unha semana de milleiros de actividades organizadas por movementos, redes e entidades a nivel local relacionadas coa construción dun outro mundo posíbel, que rematará cun Día de Acción Global o 26 de xaneiro. E Galiza tamén debe apuntarse a ese FSM, que non é unha entidade nin unha organización, senón un espazo horizontal de debate democrático de ideas, de formulación de propostas, de intercambio de experiencias que se opoñen á dominación do mundo polo capital. Convocada por organizacións que xa participaron noutros FSM -alguén ten que acender a mecha-, o 26 de xaneiro hai unha cita ineludíbel na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela. O formato: unha asemblea de movementos sociais galegos. O soño: un foro social galego. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Convocada por organizacións que xa participaron noutros FSM -alguén ten que acender a mecha-, o 26 de xaneiro hai unha cita ineludíbel na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela. O formato: unha asemblea de movementos sociais galegos. O soño: un foro social galego.