Belem: Foro Social Mundial
Foro Social Galego
"Non se trata só de consumir máis comercio xusto"
Esther Vivas y Xavier Montagut   
Sbado, 22 de Decembro do 2007

 "Non se trata de consumir máis comercio xusto senón de preguntarse se necesitamos o que imos consumir". Esther Vivas e Xavier Montagut, da Rede de Consumo Solidario, mantiveron unha entrevista en liña cos usuarios de Canle Solidaria sobre consumo responsábel e do que pasa con calquera produto desde que se fabrica até que chega ás nosas mans. A continuación, reproducimos algunhas das preguntas xurdidas durante a entrevista na que explican o seu punto de vista sobre o consumo responsábel.

Esther Vivas é licenciada en xornalismo e diplomada en estudos superiores de sociología e Xavier Monatgut é licenciado en economía e especialista en comercio internacional, consumo responsábel e comercio xusto. Xuntos participaron en encontros como o Foro pola Soberanía Alimentaria celebrado en Malí este ano, e coordinaron libros como Cara onde vai o comercio xusto? e Supermercados, non grazas, cuxa segunda edición acábase de publicar.

Poderiades dar un exemplo gráfico de comercio 'inxusto'?

Esther Vivas: Na miña opinión, o café é un dos produtos paradigmáticos do comercio inxusto no eido internacional. Cinco empresas transnacionais compran case a metade dos grans de café que son consumidos en todo o mundo e son quen se benefician deste lucrativo negocio, mentres que os pequenos produtores no Sur, uns 25 millóns de familias, padecen as consecuencias destas inxustas relacións comerciais. As multinacionais e os intermediarios pagan aos pequenos produtores uns prezos moi por baixo do custo de produción. Ademais, o prezo do café é fixado nas bolsas internacionais e nos últimos anos, desde 1997, este prezo caeu nun 70%.

É importante lembrar que durante moitos anos as empresas transnacionais, o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional... presionaron a estes países para que se dedicasen exclusivamente ao cultivo destes produtos de exportación como o café –ou noutros casos o cacao, o algodón, o banano...– e deixasen de lado outros cultivos tradicionais básicos para a alimentación das familias, contribuíndo ao empobrecemento destes pobos e das súas comunidades.

Que medidas ou mecanismos de control se toman para asegurarse que os traballadores e traballadoras da produción de comercio xusto cobren un salario xusto?

Xavier Montagut: Unha cadea comercial transparente onde todos os actores sexan coñecidos e controlados. Unha cooperación trasparente entre todos os que interveñen ten de permitir un control polas instancias unitarias do propio movemento e por todos aqueles que o desexen, especialmente as organizacións de produtores e de consumidores.

Agora que chega o Nadal parece que aumenta este consumismo noso e vexo que moitas ONG teñen propostas alternativas de comercio xusto e responsábel. Aínda así pregúntome se, malia que sexan propostas alternativas, non estamos fomentando igualmente o consumismo e xogando a este mesmo xogo, aínda que só queréndonos diferenciar para que nos merquen a nós. Como o vedes?

Esther Vivas: Creo que é fundamental fomentar un consumo crítico e responsábel en xeral. Non se trata de consumir máis produtos de comercio xusto, máis produtos ecolóxicos, máis produtos solidarios... Non se trata de comprar canto máis mellor. O primordial é ser responsábeis co consumo que levamos a cabo e preguntarnos se aquilo que imos consumir realmente necesitámolo e a partir de aquí, se é así, se imos mercar algo que nos sexa útil compralo a través das vías do comercio xusto, a través dos circuítos curtos de comercialización –mercados, tendas de barrio...–, produtos que sexan elaborados respectando o medio ambiente, os dereitos dos traballadores, etc.

Existen estatísticas sobre as cifras de vendas no Estado español?

Esther Vivas: Si. Existen os informes que realiza Setem onde se poden atopar datos en profundidade acerca das vendas dos produtos de comercio xusto a nivel do Estado español. A parte tamén esta o libro publicado por Sodepaz, o ano 2006, co título O crebacabezas da equidade e onde se vai máis aló realizando un estudo cualitativo das vendas dos produtos de comercio xusto, sobre as organizacións que participan no sector e sobre o perfil dos e as consumidores. Neste senso, é importante sinalar que a pesar do crecente número de vendas dos produtos de comercio xusto, o aumento do coñecemento por parte da poboación… este sector enfronta unha serie de ameazas como a cooptación do discurso por parte de grandes multinacionais e a consecuente simplificación do seu discurso.

Que opinades de que multinacionais como Nestle ou Starbucks vendan produtos de comercio xusto? Están a comernos a boroa?

Esther Vivas: Trátase dunha estratexia que empregan as grandes multinacionais para lavar a cara a través da comercialización de produtos de comercio xusto. Agora Nestlé, a través da certificación FLO, ten un café certificado como de 'comercio xusto'... pero, de que xustiza comercial pode dar conta unha multinacional como Nestlé, a empresa máis boicoteada do mundo? Tamén Mc Donald's en Suíza e en Estados Unidos distribúe cos seus Mc'Menús café de comercio xusto e Starbucks, unha das principais multinacionais do café, dáse unha "tinguidura solidaria" dicindo que vende café de comercio xusto.

Hai que ter claro que as multinacionais, as principais promotoras dun sistema social, económico e ecoloxicamente inxusto, nunca poderán ser actores de transformación social. Trátase de pura mercadotecnia empresarial! Vendendo unha ínfima parte dos seus produtos de comercio xusto pretenden xustificar unha práctica totalmente inxusta.

Que produtos poden levar o Selo de Comercio Xusto no Estado español?

Xavier Montagut e Esther Vivas: Quen debe garantir que un produto sed basea nunha relación de comercio xusto son os diferentes elos da cadea comercial. As importadoras de Comercio xusto no Estado español estamos na coordinadora que garante que temos, como organizacións, unha práctica acorde cos principios do comercio xusto . Para nós a organización importadora de comercio xusto garante os seus produtos. Se ademais vas a unha tenda de confianza e de comercio xusto fundamentarán cunha información completa a devandita garantía e achegaranche a que coñezas a todos os que interviñeron no proceso.

Esta transparencia é o que, ao noso entender, debe buscar un consumidor consciente. Hoxe as grandes multinacionais e cadeas de supermercados viron que o comercio xusto vende e que ademais dá limpeza de imaxe. Por iso buscaron que algúns dos seus produtos teñan selos de garantía. O selo Flo, bioequitábel e outros selos que están a agromar, ao falar só do que pagas ao produtor, permiten que sexan utilizados por estas empresas, verdadeiras causantes do comercio inxusto. Ao noso entender empresas como a Nestlé, aínda que nalgún café pagase un prezo digno ao produtor, no conxunto do seu practica esta esnaquizando aos produtores e é unha das causante da inxusta situación do mercado do café. Un selo xusto nun produto de Nestlé só é un engano.

Cren que o movemento de comercio xusto vai transcender se non sae das tendas especializadas no tema? Os consumidores desas tendas xa saben o que buscan e onde atopalo, pero como facer para que os produtos de comercio xusto cheguen a un numero significativo de potenciais clientes sen utilizar as canles de distribución de supermercados?

Xavier Montagut: O comercio xusto quere ser un movemento transformador que cambie as inxustas relacións comeciais. Para iso busca crear canles alternativas pero sobre todo busca incidir en cambios politicos e estruturais. Pensa que a súa batalla non a vai facer só vendendo máis. Por iso para nós ademais de vender produtos é, sobre todo, importante crear conciencia e provocar cambios na lexislación que en lugar de favorecer como agora ás grandes cadeas de distribución e multinacionais favoreza aos pequenos produtores, ás pequenas tendas de barrio, ás cooperativas de consumidores, etc.

Para crear unha conciencia do nefasto papel das grandes superficies e que estas deben ser controladas pola lexislación non nos axuda tratalas como unha canle de distribución neutral que pode facer cousas xustas i inxustas. Hoxe son moito máis que iso, son as que impoñen o actual modelo inxusto e insustentábel. Se por vender máis escurecemos iso estamos a debilitar o máis importante do consumo consciente que ten que ser iso: a conciencia dos consumidores sobre quen é quen no actual mercado.

>> Clica aquí e le a entrevista completa publicada en Canle Solidaria-OneWorld 2007.

 
< Ant.   Seg. >