Fallo dos Premios OSÍXENO e DIOXINA 2007 Dende o 2000, ADEGA entrega os premios OSÍXENO e DIOXINA para premiar á millor e pior actuación ambiental do ano. Premio OSÍXENO á millor actuación/actitude ambiental do 2007: -Categoría colectivo: Plataformas contra o Plano Acuícola. -Categoría individual: ao profesor, Xoán Ramón Vidal Romaní. Premio DIOXINA á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel: -Categoría colectivo: ao grupo de empresas Villar Mir. -Categoría individual: ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez.
Un ano máis, e van xa 7 edicións, a Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) falla os premios OSÍXENO e DIOXINA. Estes recoñecementos pretenden recoñecer a millor e pior actuación de persoas ou colectivos a prol (premio osíxeno) ou en contra (premio dioxina) do medio natural.
Dende que no ano 2000 a delegación de de ADEGA en Compostela instituira estes premios inicialmente cun carácter local, a repercusión de determinados comportamentos teñen sobre o medio ambiente fixo que pronto acadaran un carácter nacional. Deste xeito, en anteriores convocatorias foron premiadas diversas institucións, colectivos e persoas que como o Voluntariado Ambiental en Defensa do Monte (2006) mereceron o premio osíxeno polo seu labor en defensa do medio ambiente de Galiza. Na banda contraria, empresas como Fenosa (2001), e colectivos coma os incendiarios responsábeis dos lumes de 2006, foron tamén “recoñecidos” co premio dioxina polas consecuencias negativas da súa política insustentábel. O pasado ano, ADEGA ampliou o carácter destes premios establecendo dúas modalidades: recoñecerase o labor tanto de colectivos como de persoas en cada unha das categorías. Deste xeito, os/as premiados/as nesta edición de 2007 son: Premio OSÍXENO á millor actuación/actitude ambiental do ano: -Categoría colectivo: Ás plataformas cidadás en defensa do litoral (Corrubedo, Seráns, Quilmas, Arou, Camelle, Merexo, Xove, Foz...) e contra o Plano Acuícola da Xunta. O seu compromiso en defensa do noso patrimonio natural e contra o insustentábel Plano Acuícola da Xunta é un exemplo para toda a cidadanía galega. -Categoría individual: Ao Prof. Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía, pola súa irrenunciábel defensa do Patrimonio Xeolóxico galego, a súa valente denuncia dos impactos das canteiras e a súa honradez e coerencia á hora rexeitar, no nome da institución que preside, o recoñecemento que a patronal da minería e canteiras (Cámara Mineira) quixo facerlle. Premio DIOXINA á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel:-Categoría colectivo: Ás empresas do grupo Villar Mir, pola súa falta de sensibilidade ambiental, total desprezo polo patrimonio natural de Galiza e por seren responsábeis de graves agresións aos ríos (Xallas), rías (Corcubión), paisaxe (minas e canteiras), atmosfera... -Categoría individual: Ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez, por ser cómplice do estragamento dun castro (o da Atalaia en San Cibrao) malia a estar advertido pola D. X. de Patrimonio, e permitir coa súa actitude recalcitrante a urbanización da zona, un espazo litoral de alto valor natural e patrimonial. Os premios entregaranse no decurso da cea de Nadal que terá lugar este sábado 22 de decembro en Compostela ás 22 horas, no mesón-restaurante “A Caldeira de Pedro Boteiro”, rúa de San Pedro 32, Compostela. |