Pesca desoe as 1.001 alegacións e dálle luz verde ó plan acuícola
Galicia Hoxe   
Martes, 11 de Decembro do 2007

Pesca insiste en comezar o ano dándolles luz verde ás piscifactorías a pesar das 1.001 alegacións, 714 por Laxe Brava. Os afectados aínda esperan resposta.

O polémico Plan galego de acuicultura podería estar aprobado en xaneiro, a pesar da data inicial fixada, antes de que rematase este ano, e das alegacións presentadas, 1.001 en total, 714 por Laxe Brava, en Corrubedo, e 115 por Quilmas. Na Comisión de Pesca, o director xeral de Recursos Pesqueiros, Antonio García Elorriaga, insistiu en cumprir os prazos e quitoulles ferro a estas cifras, porque “non significa que se estea en contra, porque tamén hai alegacións a favor”, e achacou o millar “á gran difusión”, porque co PP estivo a metade de tempo en exposición pública e non se colgou de internet.

 

Para Manoel Santos, da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, a lectura é clara: “Se hai tantas alegacións será porque a xente está en contra”. Ademais, acusou a Consellería de Carmen Gallego de “indecencia absoluta” por non responder a ningunha das alegacións cando prometera facelo “unha por unha” e de seguir co seu carácter “déspota” por non querer falar do Plan acuícola nin levalo ó Parlamento. “Poden aprobar o que queiran, pero unha escavadora non pode entrar así como así”, sentencia Santos.

Respecto disto, anunciou a loita como ata agora co impulso á Iniciativa Lexislativa Popular en defensa do litoral e contra a especulación e, non descarta ir pola vía xudicial para botar abaixo o decreto de supramunicipalidade porque “unha piscifactoría non é de interese público, senón que responde ós dunhas empresas privadas”.

Críticas á marxe, Pesca non quere baixar da burra e o director xeral de Recursos Pesqueiros anunciaba que o plan “podería estar para o próximo mes”, respondéndolle así a unha pregunta do deputado do PPdeG Xosé Manuel Balseiro, que tamén dubida da nova data. “Xa lle adianto que non estará aprobado en xaneiro do 2008”, espetoulle, “nin antes das eleccións de marzo nin despois, porque calquera goberno que pense coa cabeza é imposible que o aprobe”.

O portavoz de asuntos pesqueiros da oposición insistiu na “inviabilidade” polas 1.001 alegacións presentadas e lembrou que o novo proxecto recolle 18 granxas que xa establecía o anterior, polo que as alegacións van contra as propostas do departamento de Carmen Gallego. Balseiro afirmou que o rexeitan tanto empresarios como veciños e ecoloxistas, porque os proxectos son tecnica e economicamente “inviables”.

O 30% do plan do PP estaba en Rede Natura

Pola súa parte, desde a Xunta, García Elorriaga asegurou que o bipartito rexeitou o plan anterior do Goberno Fraga “por obsoleto, desfasado no tempo e por non ter en conta o medio”, lembrando que o 30% das instalacións para as piscifactorías estaban na Rede Natura.

O popular quixo defenderse afirmando que “este é un plan que non vai ser aprobado nunca”, apuntando que nos últimos anos paralizou grandes investimentos, en relación coa polémica con Pescanova en Cabo Touriñán, e aventurou que se vai producir a perda de 30 millóns de euros en axudas da Unión Europea.

“Vai pasar á historia un Goberno que en catro anos se distingue por expulsar de Galicia as empresas”, sentenciou o deputado José Manuel Balseiro na súa intervención na Comisión de Pesca do Parlamento.

 
< Ant.   Seg. >