Galiza Non Se Vende promoverá unha inciativa lexislativa popular no parlamento galego
Galiza Non Se Vende   
Xoves, 06 de Decembro do 2007

Se os nosos representantes políticos non son quen de garantir a protección do patrimonio e dos nosos recursos naturais, se non son quen dar resposta ás demandas da cidadanía neste senso, teremos que ser nós mesmos/as quenes exerzamos de xeito directo a capacidade de lexislar.

Os movementos sociais galegos que nos opoñemos ao Plano Acuícola, queremos manifestar a nosa indignación polo desprezo amosado pola administración, xa que até o de agora a Consellería de Pesca nen sequera se dignou a recibir aos representantes dos máis de 60 colectivos e plataformas que denunciamos a insustentabilidade deste plano. No entanto, dende a Consellería de Pesca non se tivo reparo en manter varias xuntanzas coa patronal do peixe plano, incluindo xiras de “propaganda e formación” polas casas matrices dalgunha destas empresas transnacionais.

Logo da contundente mostra de dignidade popular acontecida en Corrubedo o pasado 4 de novembro, coa Marcha Nacional pola Defensa do Litoral, a Consellería de Pesca e nomeadamente a súa titular Carmen Gallego, segue negándose a recibirnos. Coa súa actitude, a conselleira está a ningunear os dereitos dun amplo sector da cidadanía que só pretendemos escoitar dos nosos governantes en primeira persoa as razóns para seguir defendendo o indefendíbel: un Plano Acuícola lesivo para o ambiente, a sociedade e os intereses económicos do país.

As nosas reivindicacións non son políticas: teñen que ver coa protección efectiva do patrimonio natural do litoral, das súas augas e costas virxes e do dereito a producir e aproveitar sustentábelmente os seus recursos. Fronte á cobiza dun modelo económico agresivo e insolidario como o que representa a piscicultura industrial intensiva que se nos quere impor, totalmente afastado da cidadanía e do noso desexo de camiñar cara a sustentabilidade, vémonos na obriga de reaxir contra o desleixo da administración.

Nese senso, manifestamos a nosa firme vontade de avanzar nas nosas reivindicacións para seguir defendendo os dereitos que nos asisten como pobo e a dignidade da nosa terra. Por iso, queremos anunciar públicamente que as nosas actuacións a partir de agora estarán orientadas a:

  1. Facer ouvir a voz da cidadanía comprometida coa defensa do noso litoral para que sexa escoitada por un governo que, afectado de xordeira selectiva, pretende consumar mediante o Plano Acuícola a meirande destrucción do litoral da historia de Galiza. Diante desta xordeira, non temos outra saída que elevar a nosa voz para que sexa escoitada nos ámetos con capacidade para decidir.
  2. Garantir a protección efectiva do litoral galego ameazado, das súas paisaxes, do seu patrimonio natural e cultural e do noso dereito aproveitar sustentábelmente uns recursos que o Plano Acuícola compromete de por vida, mediante todos os instrumentos legais ao noso alcanzo.
  3. Esixir que a administración galega actúe efectivamente en defensa do interese público através dunha planificación económica e territorial sustentábel, na que prime a conservación dos recursos naturais propios e fomento dun tecido produtivo autóctono socialmente xusto e respectuoso co medio. Diante da deixación de funcións da administración e a apropiación indebida do noso litoral que representa o Plano Acuícola, vémonos na obriga de facer valer directamente os nosos dereitos.

Para conquerir estes obxectivos, alén de seguir exercendo novas accións lexítimas e non violentas de presión, das que daremos conta nas vindeiras semanas, os movementos sociais e ambientais anunciamos que estamos dispostos a presentar dunha Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa do Litoral -ILP- no Parlamento de Galiza.

Con esta ILP do litoral, que coidamos vai acadar un amplo apoio social, pretendemos correxir as manifestas eivas que en materia de protección do litoral ten a nosa lexislación, e garantir unha protección efectiva e permanente dos seus recursos. Neste senso, a Lei 6/2007, do 11 de maio, de “medidas urxentes” en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galiza, constitúe tan só unha feble declaración de intencións que non garante a protección efectiva e permanente dun medio sobre o que penduran aínda ameazas tan graves como Plano Acuícola. Se os nosos representantes políticos non son quen de garantir a protección do patrimonio e dos nosos recursos naturais, se non son quen dar resposta ás demandas da cidadanía neste senso, teremos que ser nós mesmos/as quenes exerzamos de xeito directo a capacidade de lexislar.

Información sobre a rolda de prensa en GZnación

Información en Galicia Hoxe 

 
< Ant.   Seg. >