O pobo vai lexislar
Rebeca Fernández/Galicia Hoxe   
Xoves, 06 de Decembro do 2007

 Afectados polo Plan Acuícola, co apoio da Rede Galicia Non se Vende, presentarán unha Iniciativa Lexislativa Popular para protexer o noso litoral das agresións industriais e urbanísticas.

[Galicia Hoxe]

“Facer oír a nosa voz”. Este é o obxectivo dos colectivos afectados polo Plan Acuícola e as plataformas integradas na Rede Galicia Non se Vende coa posta en marcha dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa do litoral galego. Con esta iniciativa, os seus promotores pretenden corrixir as “eivas” que en materia de protección do litoral ten a nosa lexislación e garantir unha protección efectiva e permanente dos seus recursos fronte ás agresións urbanísticas e industriais.

“Se os nosos representantes políticos non son quen de garantir a protección do patrimonio e dos nosos recursos naturais, se non son quen de dar resposta ás demandas da cidadanía neste senso, teremos que ser nós mesmos os que exerzamos de xeito directo a capacidade de lexislar”, apuntou o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, encargado de presentar onte en Santiago de Compostela esta iniciativa xunto a Antonio Devesa, da Plataforma de Merexo; Xosé Manuel Casais, da Plataforma de Quilmas; Mabel Rivera, representante da Rede Galicia Non se Vende; e Manoel Santos, da Plataforma Medioambiental de Corrubedo.

Esixen unha extensión indefinida da lei dos 500 m

Deste xeito, a ILP pretende “evitar a venda da noso litoral, un patrimonio público e un dos nosos sinais de identidade”, evitando todo tipo de agresións. Por iso, ademais de esixir a retirada dun Plan acuícola “lesivo para o medio, a sociedade e os intereses económicos do país”, o texto terá  en conta o aspecto urbanístico e incluirá, entre outras cousas, unha extensión indefinida da lei de medidas urxentes dos 500 metros para evitar destrución da costa a través do furor inmobiliario.

Xunto a este obxectivo primordial, as plataformas sociais e ecoloxistas pretenden levar a súa voz ó Parlamento para que os políticos escoiten de viva voz as demandas que lle fai a cidadanía “e que non queren escoitar”. Neste senso, Mabel Rivera recordou que, logo da contundente mostra de dignidade popular amosada en Corrubedo o 4 de novembro, a consellería de Pesca “segue negándose a recibirnos”. Unha actitude coa que, segundo os afectados, “están a ningunear os dereitos dun amplo sector da cidadanía que só pretende escoitar escoitar dos nosos gobernantes en primeira persoa as razóns para seguir defendendo o Plan Acuícola”.

De aí, a necesidade de poñer en marcha esta ILP, que non só permitirá que os políticos teñan que escoitar as reivindicacións promulgadas por máis de 60 colectivos, senón que as propias formacións terán que dar a coñecer a súa posición con respecto ó proxecto acuícola e expresar os seus motivos, tal e como indicou Manoel Santos. Non obstante, os colectivos promotores esperan que a ILP sexa aceptada a trámite e sexa aprobada no Parlamento. Polo de agora, o texto atópase en fase de proceso, coa súa redacción e a constitución dunha comisión promotora formada por dez membros. Unha vez lista, será presentada na Cámara, probablemente en xaneiro, e unha vez teña o visto bo, comezarán os catro meses para a recollida de 15.000 sinaturas da cidadanía.

Posibilidade de emprender accións xudiciais

A ILP non será, non obstante, a última das súas accións reivindicativas. Ademais das protestas locais que haberá ó longo das próximas semanas, os afectados polo Plan Acuícola non descartan recorrer á vía xudicial contra a “o interese supramunicipal do proxecto”, xa que esta declaración non cumpre con algúns dos principios para a que se promove como a necesidade de que o plan en cuestión conleve efectos positivos para o medio e a sociedade na que se instaura.

PROXECTOS ALTERNATIVOS

Quilmas quere un agro ecolóxico
A parroquia carnotana de Quilmas tamén lle vai propoñer á consellería de Medio Rural o desenvolvemento dun sector alternativo á acuicultura. Segundo deu a coñecer onte o voceiro da Plataforma de Quilmas, José Manuel Casais,  os veciños están a preparar a formación dunha cooperativa de acuicultura ecolóxica na súa parroquia, unha iniciativa para a que os veciños xa recibiron cursos de formación cos que poder levala a cabo. Así, a semana próxima,  presentarán no departamento que dirixe Alfredo Suárez Canal un plano catastral do Banco de Terras nas que poder desenvolver este novo proxecto agrícola. Para tal fin, os veciños xa recibiron “É a nosa alternativa á acuicultura depredadora. Queremos apostar por unha agricultura ecolóxica para poder traballar nunhas terras que foron historicamente cultivadas”.
Cultivar cebolas en Merexo
Cultivo de cebolas e promover o agroturismo. Estes son os dous proxectos que os veciños de Merexo presentan como unha alternativa “factible” á “ocupación acuícola” desta parroquia de Muxía. O voceiro da Plataforma de Merexo, Antonio Devesa, asegurou onte que o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, lle amosou o seu apoio na reunión mantida o venres pasado. “Dende Medio Rural vese con bos ollos o proxecto e existe interese por axudarnos e sacalo adiante”, manifestou Devesa, quen adiantou que nos días próximos técnicos da Consellería acudirán a Merexo para examinar os terreos. Do mesmo xeito, o voceiro dos afectados asegurou que dita iniciativa daría un total de 50 postos directos xa que, segundo asegurou, nas terras desta zona de Muxía non é posible introducir maquinaria pesada, de aí a necesidade de man de obra.
 
< Ant.   Seg. >