Marcos Ana falará sobre a vida dos presos políticos nas cadeas franquistas
Club Internacional de Prensa   
Xoves, 06 de Decembro do 2007

 O poeta salamantino estivo preso no franquismo dende 1939 a 1961. No cárcere, escribiu á liberdade. A conferencia terá lugar o martes 11 de decembro ás 20:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago (rúa do Vilar 19).

O Club Internacional de Prensa de Galicia, retoma -tras a clausura do Simposio Internacional "Pobre Mundo Rico"- a súa programación anual cun dos seus ciclos: "Os encontros do Club", e cunha figura entrañable no humano, e excepcional na poesía: MARCOS ANA.

"A vida dos presos políticos nos cárceres franquistas, de 1939 a 1961" é o título da Conferencia que ofrecerá ás 20:00 hs do martes 11 de decembro, e que será presentado polo escritor galego Xesús Alonso Montero.
O autor, tras a conferencia, asinará libros no propio local. Un deles, que recolle a súa biografía -esa propia experiencia no cárcere-, é "Dicídeme como é unha árbore" (Memoria do cárcere e da vida).

"DECIDME CÓMO ES UN ÁRBOL". Memoria de la cárcel y de la vida

Sobre Marcos Ana (Fernando Macarro Castillo)
Naceu en Alconada, unha pequena aldea de Salamanca, en 1920, no seo dunha familia pobre de xornaleiros do campo. A súa vida estivo marcada por unha paixón constante en defensa dos oprimidos e desherdados e unha entrega absoluta ao seu ideal comunista. Dende a súa primeira xuventude, loitou do lado republicano, durante a guerra civil española. Ao rematar esta, en 1939, foi detido, xunto a millares de demócratas, e condenado a morte. Permaneceu encarcerado durante 23 anos ininterrompidos: toda a súa xuventude e a metade da súa vida. Nesa Universidade dolorosa escribiu os poemas que traspasaron os cárceres e levaron o seu nome a través do mundo, contribuíndo a desencadear unha campaña de solidariedade no seu favor. Foi un dos primeiros presos políticos españois defendidos por Amnistía Internacional.
Ao ser liberado, en 1961, Marcos Ana percorreu Europa e grande parte de América, sendo recibido en Parlamentos, Universidades e centenares de concentracións populares, promovendo e organizando a solidariedade cos presos políticos e as súas familias e denunciando as prácticas fascistas que, por entón, se realizaban en España.
Fundou e dirixiu en París, ata o final da Ditadura franquista, o Centro de Información e Solidariedade con España (CISE), que presidiu Picasso. Apoiado por personalidades da cultura e a política europeas, este Centro organizou a defensa dos dereitos humanos, a acción pola Amnistía xeral e a axuda moral e material a todas as vítimas da represión política.
Sobre o libro
O libro narra os 23 anos pasados en prisión, a súa loita dende a poesía desenvolvida entre muros. A liberdade recuperada, o desenvolvemento dunha enorme actividade solidaria dende o seu posterior exilio en Francia, onde crea o CISE, un faro da cultura española. A súa peregrinación polo planeta convertido nun símbolo da solidariedade internacional e a loita antifranquista, buscando rescatar a convivencia democrática.
Tivemos que esperar longo tempo para gozar das memorias dun grande poeta nacido da longa noite española. O mellor saído das lapas da guerra, a feroz prisión e o posterior exilio. Considerado unha testemuña de excepción por Alberti ou Neruda.
Temos a oportunidade de recuperar un anaco da historia recente de España. Traer ata os nosos días sentir daqueles que viviron a guerra civil e con poderosa voz fálannos de luz e esperanza común.

Mi casa y mi corazón

(sueño de libertad)
Si salgo un día a la vida
mi casa no tendrá llaves:
siempre abierta, como el mar,
el sol y el aire.
Que entren la noche y el día,
y la lluvia azul, la tarde,
el rojo pan de la aurora;
La luna, mi dulce amante.
Que la amistad no detenga
sus pasos en mis umbrales,
ni la golondrina el vuelo,
ni el amor sus labios. Nadie.
Mi casa y mi corazón
nunca cerrados: que pasen
los pájaros, los amigos,
el sol y el aire.

Club Internacional De Prensa
Sobre o autor ou autora:
Club Internacional de Prensa
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >