Socialismo do século XXI: un alto no camiño
Alfredo Iglesias Diéguez   
Mrcores, 05 de Decembro do 2007

 O pobo venezolano falou. A maioría do electorado convocado a apoiar ou rexeitar a reforma constitucional presentada polo presidente Hugo Chávez perante a Asemblea Nacional o 15 de agosto de 2007 e aprobada por esa mesma Asemblea o pasado 2 de novembro, mostrou o seu rexeitamento á reforma constitucional.

[Galicia Hoxe]

Os resultados, aínda que non eran os desexados polas autoridades bolivarianas, eran previsibles, logo da tensa campaña a prol do non protagonizado pola oligarquía venezolana e os seus aliados de clase e os medos infundidos á clase media. Neste sentido, non o podemos esquecer, a reforma constitucional era un dos "cinco motores constituíntes", entre os que tamén se atopan a lei habilitante, a promoción da educación socialista, a reordenación socialista da xeopolítica da nación e a explosión do poder popular, chamados a actuar como "locomotoras vitoriosas para transitar cara ao socialismo bolivariano", polo que se inscriben dentro do proceso de "aceleración" da revolución bolivariana ao que se referiu o Hugo Chávez no acto de investidura como presidente da República Bolivariana de Venezuela.

Daquela, a oligarquía e os seus aliados de clase, as clases dominantes venezolanas, non se manifestaron en contra da reforma porque defendan a Constitución bolivariana de 1999; nada máis falso, pois eles foron os mesmos que suspenderon a Constitución nos días que durou o golpe de 2002: a oligarquía manifestouse en contra porque sabe que a reforma constitucional modifica os artigos da Constitución bolivariana de 1999 que obstaculizan o avance cara ao socialismo e a democracia plena.

Non en van, se se aprobase a reforma constitucional, consolidaríase o poder popular, ao recoñecerlle rango constitucional e ao crear cen mil consellos comunais, transferindo o poder ao pobo para potenciar a democracia directa; ampliaríanse os dereitos sociais e económicos da clase traballadora, incorporando cinco millóns de traballadores e traballadoras ao réxime da seguridade social, o que fará posible que un amplo sector da poboación poida ter pensións, vacacións pagadas..., prohibindo a discriminación e promovendo políticas de igualdade; estableceríase a participación dos traballadores e das traballadoras na xestión empresarial; reduciríase a xornada laboral a seis horas diarias, permitindo a 200.000 traballadores informais acceder a novos empregos; declararíase inembargable o fogar residencial do núcleo familiar e democratizaríase a economía garantindo cinco formas de propiedade (pública, social, colectiva, privada e mixta), recuperando o control sobre o Banco Central e garantindo o control dos recursos naturais do país e a soberanía alimentaria... establecendo as condicións obxectivas para a construción dun novo estado, socialista e democrático, no que o poder reside realmente no pobo. Velaí as razóns polas que a oligarquía venezolana fixo todo o posible para frear o avance da democracia socialista en Venezuela: para manter os seus privilexios de clase. Non nos enganemos.

 


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >