Frei Betto: "Temos a oportunidade pacífica, lexítima e legal de cambiar as cousas"
Club Internacional de Prensa   
Venres, 30 de Novembro do 2007

 Frei Betto pechou na Galiza o simposio Pobre Mundo Rico. Abordou o proceso de 'primavera democrática' que atravesa América Latina e a construción dunha democracia popular que levou ao propio oprimido a ser suxeito das súas conquistas políticas. "En América Latina a porta da razón é o corazón, e a chave do corazón é a relixión». Sinalou o papel da igrexa de base no proceso.

O brasileiro Frei Betto, frade dominico e escritor, teólogo da liberación, autor de máis de 50 libros e referente internacional polo seu compromiso cos dereitos humanos e causas como a inxustiza, as desigualdades e a fame, foi o encargado de clausurar en Santiago o Simposio internacional, poñendo o broche final aos dous meses de conferencias, debates e proxeccións de Pobre Mundo Rico nas sete cidades galegas. Co seu relatorio «Pedagoxía da liberación», abordou o proceso de construción de democracias populares en América Latina, as relacións entre fe e política, e a teoloxía da liberación no proceso de construción democrática nestes países. Na clausura participou tamén o director do Centro Tricontinental François Houtart, e interviñeron María Pereira, directora de Actividades Culturais de Caixanova, e Carmen Carballo, directora do Club Internacional de Prensa.

Primavera democrática en América Latina

Frei Betto quixo resaltar na súa intervención a importancia dun momento en América Latina no que "temos unha oportunidade pacífica, lexítima e legal de facer un cambio". O frade abordou o período de 'primavera democrática' que atravesa o sur do continente, no que "os latinoamericanos teñen a oportunidade de operar un cambio de estrutura" sen violencia". Abordou así un cambio que se produce tamén no pobo "vivimos na busca dunha alternativa no inconsciente popular, porque o pobo non ten idea pero ten sensibilidade e intuición,", afirmou.

Democracia popular e teoloxía da liberación

"Estamos vivindo un proceso de construción dunha democracia popular". Con esta sentenza Frei Betto destacou no proceso a existencia dunha pedagoxía que levou ao propio oprimido a ser suxeito das súas conquistas políticas, do seu proceso, e que ten na súa orixe a 'educación popular' de Paulo Freire: "A través da pedagoxía conseguimos espertar ao pobo", afirmou.

"En América Latina a porta da razón é o corazón, e a chave do corazón é a relixión", afirmou. Apuntou así que esta democracia popular debe boa parte do seu éxito á súa actuación a través das igrexas cristiás, porque a linguaxe marxista é académica e estraña ao pobo, sinalou. "Ao entrar na relixión creouse un movemento de igrexa de base: a teoloxía da liberación, que é o resultado da vivencia dos pobres: fortalecer os teólogos como materia prima da reflexión e vida das comunidades", afirmou. Indicou tamén que en América Latina a igrexa católica non ten futuro fóra do modelo pastoral da igrexa de base.

Democracia participativa

Betto fíxose eco así dunha basta rede de movementos sociais que en América Latina están a intentar construír unha democracia a tres niveis: delegativa (a que predomina), representativa (vota e presiona) e participativa (que interactua co público). Respecto a esta última afirmou: "nós a sociedade civil cuestionamos a autoridade dos políticos e temos o dereito a esixir: somos a autoridade".

Raíces do proceso de construción de democracias

Para entender este proceso de construción democrática Betto aludiu aos anos de ditaduras militares e ao momento no que "o pobo latinoamericano acreditou que o proxecto neoliberal expresaba o sono da democracia".  Abordou así o proceso de privatización provocado polo neoliberalismo: "unha liberalización que non foi só do patrimonio público, senón dos nosos valores persoais", explicou. A lóxica de que é a mercadoría a que nos reviste valor aos seres humanos foi tamén a filososofía que empurrou aos gobernos a buscar alternativas contrarias a esta, nunha situación na que os políticos elixidos decepcionaran ao pobo, afirmou.

Fame que só mata os miserables

Frei Betto fíxose tamén eco do problema da fame, nun momento no que mata diariamente 3000 persoas (dous veces as vítimas das torres xemelgas, apuntou). Explicou tamén que este proceso de construción de democracias vivido en América Latina vén dun factor que xustifica os movementos de resistencia e que é a fame. "Sempre houbo unha mobilización importante por motivo doutros factores como as enfermidades, a violencia, o terrorismo, pero non pola fame, cando mata máis que a suma dos outros,", afirmou. Ademais, explicou, "a fame é o único factor que fai distinción de clase: mata aos miserables. Mata máis porque non ameaza aos demais sectores sociais".

Desigualdade

En canto á desigualdade Frei Betto puxo no punto de mira dúas cuestións: "¿Que debo facer para gañar a vida eterna? É a pregunta que só se fai o home rico, que ten a vida asegurada e se quere asegurar a outra tamén. A pregunta dos pobres é outra: ¿que é o que teño que facer para ter vida nesta vida?" Explicou así que foi a resposta a esta segunda cuestión a que levou a un proceso de formación de movementos en América Latina, que desembocou na creación do Foro Social Mundial e no Socialismo do Século XXI cos gobernos de Morais, Chávez e Correa, na 'primavera democrática''.

"Temos esperanza, sabemos que estamos no mellor camiño"

Neste proceso de construción de democracias, Betto apuntou: "non queremos cometer os mesmos erros que cometeron en Europa, queremos ter os nosos propios erros". E por outro lado sinalou o desexo de fortalecer a resistencia ante o temor de que o terrorismo de Estados Unidos non comprenda o proceso de Democracia popular de América Latina. "Temos medo de que os intereses norteamericanos poidan repercutir neste proceso de construción dunha democracia, pero temos esperanza, e sabemos que estamos no mellor camiño", indicou.


Club Internacional De Prensa
Sobre o autor ou autora:
Club Internacional de Prensa
Ler máis >>
 
Seg. >