O SLG reclama de Agricultura un cambio de rumbo na PAC
SLG   
Xoves, 29 de Novembro do 2007

 O Consello de Ministros da UE quere liberalizar os sectores leiteiro e vitivinícola, vitais para manter un medio rural vivo no noso país. O SLG reclama de Agricultura un cambio de rumbo na posición española nas negociacións para una nova PAC.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Carme Freire, e o responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Ramón Cendán, ofreceron unha rolda de prensa para dar conta da manifestación celebrada en Bruxelas contra a reforma da Política Agraria Común (PAC) que está a argallar o Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea (que se reuniu o 26 de novembro na capital belga) e que está baseada na liberalización de sectores vitais para manter un medio rural vivo no noso país, coma son o leiteiro ou o vitivinícola.

Na rolda de prensa, o Sindicato Labrego fixo un chamamento á ministra de Agricultura, Elena Espinosa, para que dea un cambio de rumbo á posición española nestas negociacións, pois atenta directamente contra o futuro do medio rural galego. En palabras de Cendán, que participou nas mobilizacións de Bruxelas, “a ministra de Agricultura está a ter un comportamento nestas negociacións que, para ser galega, non demostra que coñeza demasiado ben a realidade das nosas explotacións agrarias, xa que aposta por manter os privilexios dos grandes cerealistas, olivareiros e demais terratenentes do Estado, e por apoiar políticas contrarias aos intereses das pequenas e medianas explotacións, que son a maioría das que hai en Europa e no Estado español, e case a práctica totalidade das que temos en Galiza”.

Diante disto, Freire e Cendán demandaron “un cambio de rumbo nas políticas defendidas polo Ministerio de Agricultura por estar en contra do mundo rural vivo que defendemos dende o Sindicato Labrego, e en contra da maioría dos produtores e produtoras do agro europeo e galego”.

Dende un punto de vista concreto, o Sindicato Labrego defenderá, xunto a todas as organizacións da Coordinadora Labrega Europea (CPE) e da Vía Campesina, e xunto á Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) do Estado español, unha posición contraria á liberalización dos sectores leiteiro (no que se pretende eliminar o sistema de cotas) e vitivinícola (onde queren impoñer medidas que atentan contra as nosas denominacións de orixe e que apostan pola uniformización e deslocalización da produción de viño).

Fronte a estas pretensións da Comisión Europea, o SLG reclama a Espinosa que defenda a continuidade dos controis sobre a produción leiteira e unha reforma do viño que salvagarde os intereses das nosas denominacións de orixe e aposte decididamente pola calidade e a diversidade.

Ver tamén: O SLG manifestouse en Bruxelas para demandar un mundo rural vivo
Ver tamén: Sindicalistas galegos na marcha europea en contra da reforma agraria da UE
 
< Ant.   Seg. >