Ignacio Soleto: “Non se están a cumprir os obxectivos do milenio”
Marga Tojo   
Venres, 23 de Novembro do 2007

 “Ningún outro Goberno lle puxo nunca tanta vontade política para cooperar no desenvolvemento como o de Zapatero”, sostén o sociólogo en Pobre Mundo Rico.

Francia, mércores 2 de marzo de 2005. Ministros e outras autoridades de alto nivel de aproximadamente noventa países desenvolvidos e en desenvolvemento, e xefes e funcionarios de vinte e sete organismos de asistencia, aproban a Declaración de París sobre a eficacia da axuda ao desenvolvemento. A Declaración de París constitúe agora un dos fitos dos esforzos a escala mundial para aumentar a eficiencia de emprego dos recursos para o crecemento das nacións receptoras: unha sucesión de compromisos e de iniciativas que se puxeron en marcha nos anos noventa e que comprenden o Cumio do Milenio (no 2000), a Conferencia de Monterrey (no 2002), o Foro de alto nivel de Roma sobre harmonización (en 2003), e a Mesa redonda de Marrakech sobre xestión orientada aos resultados (en 2004). Até aquí todo claro. Mais, cal é a verdadeira efectividade da nova axenda de cooperación internacional? Funciona a estratexia na loita contra a pobreza?

Para o director do Centro de Estudos para América Latina e Cooperación internacional (CEALCI) da Fundación Carolina, Ignacio Soleto, "se se cumpriran os obxectivos estipulados habería un enorme avance na loita contra a pobreza; o problema é que non se están a cumprir e por iso estamos atrasados". Soleto, que participou onte no simposio internacional Pobre Mundo Rico, non achaca, porén, esta cuestión a unha falta de interese político –polo menos por parte do estado español–, evidente para outros participantes do encontro, que esta semana iniciou a súa recta final logo de case dous meses de debate contra a desigualdade social. "Máis vontade política que a que está a poñer o actual Goberno español dificilmente a están a poñer outros gobernos, pero universalmente hai que cambiar moitas mentalidades e moitos malos hábitos adquiridos desde lonxe. Necesitamos apoio da opinión pública e da sociedade civil organizada, mais sempre tendo en conta que isto non é unha cuestión só do Norte, senón tamén do Sur".

Os obxectivos do Milenio mudaron a visión da cooperación

 

Para o sociólogo, os Obxectivos do Milenio mudaron a forma tradicional de cooperación ao desenvolvemento e evoluíron en eficacia.

Pero, non estaremos a ser demasiado permisivos cos organismos internacionais que deberían esixir o cumprimento destes obxectivos? "Depende con cales", é a resposta do experto. "España fixo unha aposta importantísima para aliarse coas Nacións Unidas para solucionar os problemas multilaterais que, porén, son extensos en demasía e un só país non pode con eles". A política española de cooperación internacional para o desenvolvemento foise consolidando desde fins da década dos setenta, principalmente no que se refire á súa estrutura institucional e ao progresivo aumento dos fondos destinados para este fin. Desde o ingreso do Estado na Unión Europea e, sobre todo, no Comité de Axuda ó Desenvolvemento (CAD) da OCDE, os aspectos vinculados á xestión e á administración cobraron tamén relevancia, o que lle esixiu á administración española un esforzo de homologación organizativa e funcional.

É neste contexto no que se enmarca a posta en marcha da presente metodoloxía acerca da avaliación de resultados e efectos (tamén denominada ex post ou a posteriori) dos proxectos, programas e instrumentos da Cooperación Española Para o director do Cealci, a clave para atopar unha solución está en axudar os países en desenvolvemento a acabar cos "vicios" dun sistema que ten xa sesenta anos. Neste sentido, o experto non é partidario de vencellar a migración coa pobreza desde os países de destino, senón que "de se solucionar" o tema, o traballo ten que partir, sobre todo, dos países de orixe . "A cooperación non é a que vai propiciar o desenvolvemento, senón que se trata só dun complemento, será o Sur, coas súas políticas internas o único capaz de arranxar a situación".


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista de Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >