"Os sen terra xa non contan con Lula"
Marga Tojo   
Xoves, 22 de Novembro do 2007

 "Lula defraudou a todos os movementos sociais e a todos os traballadores do Brasil". É a visión da presidenta da Cooperativa de Mato Grosso do Movemento dos Sem Terra do Brasil (MST), Idalice Nunes, dunha realidade que moito repetiron ao longo dos case dous meses de simposio internacional ‘Pobre Mundo Rico’ que estes días achégase ao seu final.

"A reforma agraria para a consecución dos dereitos que nos foron negados a moitos seres humanos do Brasil é o motor do movemento que xa hai vinte e cinco anos que está en pé" –expón– "Sen dúbida o Lula podería facer moito pola reforma agraria, pero deixou de lado a loita que proclamaba antes das eleccións".

A carencia de terras para cultivar e vivir da poboación máis empobrecida do estado latinoamericano, que viven a miúdo nos suburvios das cidades, é o que impulsa o MST. O MST, xa que logo, non se conforma ao redor dunha identidade étnica ou nacional senón de clase.Neste sentido, tanto activistas como teóricos acuñaron unha condición política e unha definición das apropiacións territoriais do Movimento dos Sem Terra ben diferente da invasión e máis próxima á desobediencia civil e a ocupación cívico-social ao modo occidental –que aquí denominamos movemento okupa e desenvolvemos xeneralmente en ámbitos urbanos– . A ocupación territorial do MST, que non busca a propiedade exclusiva senón máis ben o usufructo que permita a vida e a dignidade, que non emprega a violencia directa nin ofensiva, que non viola ningún dereito humano básico, está cimentada en certos alicerces reinventados de socialismo e comunismo cristián herdeiro da teoloxía da liberación, e representa hoxe unha das máis vivas alternativas de convivencia sostíbel social e economicamente na globalización neoliberal.

 As terras do MST non se compran nin se venden; só se cultivan. Polo tanto, dentro das comunidades non se manexa diñeiro para o intercambio, senón que este realízase directamente entre produtos nunha recuperación do valor de uso fronte ó valor de cambio. "O problema é que moitas das terras están ocupadas por terratenentes sen seren explotadas –explica Nunes– e hai moitas dificultades para liberalas".

A presidenta da cooperativa de Mato Grosso tamén sinala a corrupción de moitas multinacionais estranxeiras que son propietarias de grandes áreas de terra, "moitas veces atacando á biodiversidade, como no caso de explanadas no Amazonas".

Tamén a representante da Fundación Maquita de Ecuador, Mercedes Santana, alude ao tema da terra e á necesidade de potenciar a sostenibilidade. O tema é especialmetne preocupante en Latinoamérica, e non polos seus habitantes, senón pola presenza de transnacionais, como ben apuntaba Nunes. "Os nosos campesiños non utilizan agrotóxicos. Gardan unha relación de amizade coa terra, cos bosques, usan agricultura orgánica. Eu traballo cunha comunidade que coida a terra de xeito extraordinario, onde teñen un respeito absoluto polo ambiente e, aínda que viven dela, non pensan en enriquecerse a toda costa. Non buscan gañar cartos a toda costa, enriquecerse, que poderían chegar a facelo, senón facelo sustentábel".

"Cidadáns coas conciencias silenciadas"

Ecuador ten trece millóns de habitantes e deles tres millóns están fóra do país debido á crise económica que atravesou nos anos 90. As remesas de líquido que mandan de España, de Italia e de Estados Unidos axudan á macro e microeconomía pero desdeo punto de vista humano, a familia está moi afectada. "Os nenos son como sapoconchos que levan a costa a angustia pola ausencia do seu pai e da súa nai. Eu traballo cada día con estes cativos, que padecen depresións, que teñen o desamor dos pais". Latinoamérica é androcéntrica. Un estudo impacto da ONU realizado no 2005 desvelou que de cada dez mulleres ecuatorianas, sete eran maltratadas. "Non podemos avanzar para cumprir os Obxectivos do Milenio que tan animosamente suscribiu o presidente Palacios, se neste momento o 45% da poboación infantil padece desnutrición crónica e unha de cada dúas mulleres preñadas sofre de anemia. "Gustaríame dicir que a situación política realmente está a cambiar, pero iso aínda é unha filosofía que non está pragmatizada na realidade –comenta Santana–. Non obstante, desde a miña experiencia, desconfío de que as leis ou unha nova constitución vaian cambiar a realidade do país, senón que temos que cambiar as actitudes e os comportamentos da sociedade e, sobre todo, dos políticos de turno que administran o país".

"En Latinoamérica é importante a concesión de microcréditos ás mulleres para conseguir o seu empoderamento, porque a situación é francamente mala. Ademais, o problema non é a pobreza, porque case toda Latinoamérica é riquísima, senón que a riqueza está mal distribuída. Ese é o grande problema". Para Mercedes Santana o feito de que no chamado primeiro mundo a xente "coñeza os seus dereitos, saiba como reclamar ante a xustiza", é unha ventaxa que non comparten os seus. "Son cidadáns coas conciencias silenciadas", apunta a experta.

A CERNA 

Galiza, única rexión do PSOE que non sobe o apoio ás ONGD

Galiza é a última comunidade autónoma en investimento para a cooperación internacional e a única gobernada polo PSOE que non incrementou as partidas presupostarias destinadas a cooperación exterior, segundo denunciou onte o presidente da Coordinadora galega de ONG "S para o desenvolvemento, Xosé María Torres. O experto expresou a súa "decepción profunda" con respecto ao bipartito, posto que o financiamento para este tipo de actividade apenas alcanzou un 0,1 por cento en 2008, mentres que o obxectivo se fixou en chegar ao 0,4% de final da lexislatura. As demais autonomías dirixidas polos socialistas incrementaron no 2006 os seus presupostos en cooperación ata nun 25%, mentres que a Xunta de Galicia diminuíu as partidas nun 10% nese ano fronte ó 2005.


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista de Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >