Mbuyi Kabunda: "África xa pagou de sobras a súa débeda cos países ricos"
Marga Tojo   
Martes, 20 de Novembro do 2007

 O 30% das reservas universais das materias primas máis prezadas atópanse no continente africano. Porén, este só representa o 1% do PIB mundial e vive unha situación de ascendente fame negra. Neste sentido, "a débeda externa é eterna e ilexítima", di o experto.

O representante do Instituto Internacional de Dereitos Humanos de Estrasburgo Mbuyi Kabunda esixiu onte a "cancelación inmediata da débeda dos países do terceiro mundo" como medida "urxente, que non única" para aliviar a situación de pobreza do continente africano. Kabunda fixo esta petición nunha conferencia convocada polo Club Internacional de Prensa en Santiago dentro do Simposio Internacional "Pobre Mundo Rico". En conversa telefónica con GALICIA HOXE, o profesor, membro do Instituto Internacional de Dereitos Humanos de Extrasburgo, considerou que a débeda externa "é unha débeda eterna, ilexítima, inmoral e odiosa". E engade: "Simplemente pagando nada máis que os intereses da débeda, aos que dedican o 114% dos seus ingresos de exportación, practicamente non lles queda nada para financiaren os seus proxectos de desenvolvemento. África xa pagou sobradamente a súa débeda cos países ricos". Igual que fixera o mércores, o secretario xeral do Comité para a Abolición da Débeda do Terceiro Mundo, Olivier Bonfond, o profesor congolés considera que a débeda se mantén como un instrumento de dominación política e económica.

Desfacer o paradoxo depende da vontade política

"Asistimos en África a unha tremenda contradición -puntualiza o experto-: un continente rico en recursos naturais e onde a xente morre de fame. No mundo, e no propio continente, os recursos sobran para resolver este problema". Mais son a falta de vontade política do Norte e os beneficios que lle achega a un sector da poboación mundial, entre a que se inclúen parte dos dirixentes dos países africanos, o que determina o feito sorprendente de que, en lugar de diminuír, o número de pobres aumenta de maneira acelerada. E é que malia a grande riqueza de recursos, África só representa o 1% do PIB mundial e concentra os maiores índices de pobreza e desigualdade. "O 30% das reservas mundiais de materias primas máis cotizadas atópanse no continente africano". Non obstante, a realidade cóntanos que dos 6.000 millóns de persoas que poboan o planeta, 2.800 viven con menos de 2 dólares ao día, 8 de cada 10 persoas do mundo viven nos países en desenvolvemento.

"Creo que esta situación paradoxal pode explicarse a traves das políticas que se levaron a cabo nas catro ou cinco últimas décadas, tanto a nivel internacional como do propio continente. A nivel interno falamos da corrupción, da adopción dun modelo de desenvolvemento equivocado e da privatocracia dos dirixentes africanos, por non mencionar as consecuencias de ter priorizado o mimetismo do modelo occidental, é dicir, a industrialización en detrimento da agricultura e a ignorancia do capital humano", aclara.

Asunción das receitas do Banco Mundial

Porque a situación precaria do continente africano antes deses corenta ou cincuenta anos, non era boiante, pero anunciaba, para a maioría do mundo, un futuro de estabilidade e desenvolvemento, que xa nos anos 60 era semellante ao do sueste asiático, pero que foi truncado polos erros. Mais, contrariamente a Asia, África padeceu o rigor da escravitude e aplicou as receitas do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional, ademais de herdar da colonización un sistema de produción mal orientado e a torpeza política da asunción do neoliberalismo, no que o continente negro xoga o papel de provedor.

"A peor ditadura do pobo africano é o neoliberalismo"

"O Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, o G8, a Organización Mundial de Comercio e mesmo a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), impuxéronlle unha ditadura neoliberal ao pobo africano que ten como resultados o aumento da analfabetización, da pauperización, e unha destrución dos intentos de recuperación do continente". Kabunda explica así como en particular os dogmas neoliberais impuxeron programas de axuste estrutural que aumentaron a miseria. Explica como baseándose en hipóteses erróneas, se intenta trasladar a experiencia de China, que conseguiu baseándose en programas deste tipo reducir nun 75% o número de pobres, cando en realidade o conseguiu polas actuacións do Estado. Con isto trae a colación que a redución da pobreza no mundo, da que a comunidade internacional se congratula, é unicamente baseándose no desenvolvemento de China e a India, xa que noutras partes do mundo aumentou. "En realidade, para loitar contra a pobreza fai falla abandonar as causas que a xeran: os programas de axuste estrutural, os monopolios, as privatizacións," afirma.

Kabunda propón unha serie de actuacións pertinentes na superación da pobreza. As propostas, explica, pasan pola adopción dunha economía popular, solidaria, na resurrección da cultura africana do desenvolvemento no que prima o social sobre o económico. Conclúe, ademais, que os países que conseguiron reducir a pobreza, foron precisamente os que o fixeron a partir dun modelo de desenvolvemento endóxeno, autocentrado.

Divide e vencerás: a estratexia contra o desenvolvemento

Nunha ocasión preguntabámoslle neste xornal ao contador de historias camerunés residente no Estado español, Boni Ofogo, polo soño inalcanzado da unión africana, máis latente que nunca despois da consecución das independencias. "A Occidente non lle interesa que África se una, antes preferirían sementar a discordia dentro de cada país e enfrontar os países. Todo está motivado por intereses económicos. E África desunida é máis rendíbel". Isto foi o que nos respondeu. Kabunda vai máis aló e puntualiza: "A unión non se consegue da noite para a mañá; a propia Unión Europea foi un proceso moi longo. África a penas ten cincuenta anos de independencia, pero para min é a única saída que teñen os países africanos, partindo da crúa realidade de que ningún país africano pode desenvolverse dunha maneira illada ou en solitario: teñen que unirse para poder sobrevivir, para poder compartir un modo de operar.

"Existen ademais regras desiguais", indica. Por un lado, o norte esixe liberalismo coa apertura de fronteiras, mentres que pechan mercados e impoñen un proteccionismo cando o sur pode sacar beneficio. Kabunda critica tamén as subvencións da Política Agraria Común, que xeraron excedentes nos mercados internacionais: "África ten vantaxe comparativa na agricultura, financiaron os produtos antes da súa propia produción, xerouse un excedente que provocou a caída dos mercado agrícolas e arruinou o campesiñado: 20 millóns de campesiños están sen traballo".


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista de Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >