| O proxecto común da nación galega (III) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 12 de Novembro do 2007 | |
Volvo ao rego, despois de cousa dun mes de excursos por outros temas e mesmo excursións por outras terras. E retorno ao ponto dese rego onde parara de arar. Guindara unha pergunta á que só dera lacónica resposta cun sarcasmo -ou sexa, que non a contestara, deixáraa suspensa no ár. A pergunta era ésta: e a República? Vaites, vaites... Serei quen de contestala agora? [Galicia Hoxe] Volvo ao rego, despois de cousa dun mes de excursos por outros temas e mesmo excursións por outras terras. E retorno ao ponto dese rego onde parara de arar. Guindara unha pergunta á que só dera lacónica resposta cun sarcasmo -ou sexa, que non a contestara, deixáraa suspensa no ár. A pergunta era ésta: e a República? Vaites, vaites... Serei quen de contestala agora? Levo insistido -non é unha teima, aínda- en sinalar, nos meus paliques cos amigos ou coloquios con cidadáns diversos, cando se presta ao caso, que a república, antes ca un rexime político e unha forma de goberno, é unha cultura cívica que defende e practica un determinado sistema axiolóxico, ou sexa de valores. Eses valores, traducidos en princípios practicados, articulan o corpo social democrático que dese xeito, en sí mesmo, constitue a república como fenómeno e realidade social necesaria para fundamentar a república a nivel político. Mais estou, se cadra, a enguedellarvos nun sarillo de nocións que compre dotar de sentido para crarexalas. Vaiamos, para iso, ás orixes recentes, ou sexa, no alborecer da chamada idade contemporánea da historia política europea. Antes, con todo, deixádeme transcribirvos unha parrafada de Antoni Domènech, entresacada de El eclipse de la fraternidad. Comenta unha invocación de Blanqui dunha "República sen ilotas", contraposta a unha "República de espartanos". E esprica: "Unha República sen ilotas quer dicir non só unha República sen relacións de subordinación civil, senón, máis radicalmente aínda, unha República sen escravos nen semiescravos, sen probes a mercede dos proprietarios, sen traballadores sometidos ao capricho absolutista máis ou menos arbitrario dos patróns". Eis o ideal dunha república "social", na que as clases populares accederían á "plena liberdade cívico-política". O modelo, porén, que os liberais doutrinarios non podían asumir nen aturar: por iso optaron por reducir a república á sua valencia "política", como forma de goberno, "unha República puramente "política" -burguesa-, pero non "social" -sen ilotas". Mais vaiamos de vez ao comenzo desta historia. O modelo de Montesquieu, como é sobradamente sabido, articula o estado en tres poderes separados -lexislativo, executivo e xudicial. Menos sabido adoita ser que tamén distingue, e deslinda, tres esferas normativas na orde social: as que corresponden aos ámbitos da "loi politique", da "loi civile" e da "loi de famille". A distinción antre o ámbito da "lei política" -o do Estado- e o da "lei civil" -o da sociedade civil, noción hoxe tan reiterada e sintomáticamente invocada outravolta- valeulle a Montesquieu como arma contra o poder absolutista das monarquías do Antigo Rexime: en defensa dos intereses e a propriedade privada do "tiers état", ou sexa a nacente burguesía, fronte ás inxerencias do poder político despótico. Convén sinalar que Locke -un dos auténticos pais do liberalismo ilustrado- negaba tal distinción. Nefeito: mantela implicaba privar de liberdades políticas aos cidadáns do común, ou sexa aos non proprietarios, malia seren dotados de liberdades civís. Mesmamente de aí arrinca a leitura dos principios "democráticos", que o involucionista liberalismo dos proprietarios aplicará para escindir ao conxunto dos ciadáns en dous segmentos, un co status de activos -os posuidores de meios de fortuna, facultados para exerceren os dereitos políticos- e outro co de pasivos -os carentes deses meios, portanto económicamente dependentes, segregados da "loi politique" e confinados nos sós dereitos civís. Por iso tamén, no proceso revolucionario francés, negaron esa distinción os republicáns "de esquerdas", os xacobinos "montagnards" de Robespierre e as clases populares desposuídas que estaban a configurarse como "cuarto estado", por debaixo da burguesía -e que postulaban o sometemento da "lei política" á "lei civil", ou sexa, do poder político ao pobo cidadán sen exclusións. Por certo que, correlativamente, negaban asimesmo a independencia do poder xudicial nos termos deseñados por Montesquieu, ou sexa, como exento de control pola vontade popular -e reparade nas secuelas dese conflito aínda nos nosos días e nas nosas latitudes. Por outra banda, coa distinción antre "lei civil" e "lei de familia", Montesquieu pretendía protexer das inxeréncias da lei civil ao modelo de sociedade patriarcal: os "despotismos patriarcais" que operaban, e seguiron por certo a operar, non só no ámbito da familia, sobre os fillos e a muller, senón tamén noutros, como a empresa -onde inda dura, como estrutura de poder impermeábel á democratización interna. Tamén esta distinción foi rexeitada polos revolucionarios franceses, e especialmente tamén neste caso pola esquerda "plebeia". Aceitárona, iso si, os revolucionarios independentistas norteamericáns, que en troques coincidiran cos franceses en rexeitaren a distinción lei política-lei civil. Lóxico: no novo mundo septentrional non houbera Antigo Rexime, e a estrutura de clases naquelas colonias anglosaxonas era moi diferente da europea -en todo caso, o equivalente dos "sans culottes" erano os povos indíxenas, que serían obxeto de exterminio, e máis os negros "importados" de África, que eran escravos, ou sexa, obxetos, non suxeitos de dereito. En troques, a Franza revolucionaria saía abrupamente dun antigo rexime no que as clases populares -"o povo propriamente dito", aclara Domènech- estiveran sometidas á lei de familia, ou sexa, á dominación patriarcal e patrimonial -ao dominio señorial. De xeito especialmente crú e ostensíbel os paisáns servos da gleba, mais non só: esa condición abranguía inclusive aos artistas e inteleituais da Ilustración, que eran servidores domésticos -"famuli"- de familias patricias e nobiliarias -pintores e músicos "de cámara", preceptores dos vástagos: iso eran os Rousseau, Hölderling, Kant ou Haydn. Na corte salzburguesa do cardeal-arcebispo Coloredo, Mozart xantaba na cociña co servicio doméstico stricto sensu, e o seu status era inferior ao do mestre cociñeiro. Compréndese así que, a diferencia da burguesía, o común popular non só non aceitase manter a lei de familia deslindada e preservada do ámbito da lei civil, senón que reclamase sometela ao seu imperio ou, inda mellor, abolila para destruir o modelo patriarcal que o mantiña socialmente aferrollado. E compréndese tamén que, á inversa, Charles-Louis de Secondat, barón de la Brède e de Montesquieu, tivese apego a preservar ese modelo social patriarcal no novo rexime político liberal. E logrouno. Millor dito, non il, claro está: lográrono, ben axiña, os artífices da recondución da democracia popular revolucionaria ao rego da democracia burguesa liberal, da reconversión da agurgullante república social en aboiante república política tan só -da república como cultura cívica e realidade social en simples superestrutura política e modalidade institucional. Até hoxe mesmo. Con alustres efémeros nalgúns episodios históricos e excepcións máis prolongadas nalgúns espazos sociopolíticos. Con mutacións tamén cara adiante conquistadas a pulso por diversas vangardas cívicas e sociais, non sempre mantidas logo incólumes, e hoxe en perigo moitas delas, mesmo en trance de erosión: abonda botar a ollada arredor e dentro de nós. Até hoxe mesmo, pois, a república como cultura cívica -xa non digo como república social- só ten presencia nalgúns segmentos do tecido social, nalgúns eidos da actividade cidadán, nalgunhas dimensións e instancias da vida colectiva. Lonxe, portanto, de impregnar o conxunto da estrutura e da consciencia sociais. Menos aínda nas nosas latitudes, no contorno celtibérico que nos ten cercados como illa sen mar, onde nen sequer houbo revolución burguesa e até o liberalismo dos proprietarios foi epidérmico e serodio. Foi dentro dun contexto coma ise onde aflorou a conciencia identitaria da nosa nación-sen-estado galega. Non é de estrañar, portanto, que o ideario do nacionalismo galego conxugase, dende as suas orixes en diante, e en indisociábel simbiose, a aspiración da obtención de estado proprio coa de saírmos do antigo rexime, o exercizo da soberanía nacional co da soberanía popular en clave de revolución democrática -o que ven ser, en expresión convirtida en lema, a emancipación nacional vencellada á emancipación social, ou viceversa. E se temos en conta que a estrutura social do noso povo, ainda ben adiantado xa o século XX, asemellábase bastante máis á francesa dos tempos da revolución cá do noso contorno europeu contemporán, comprenderáse millor que o ideal republicán profesado polo nacionalismo galego tivese máis parentesco coa república social dos revolucionarios plebeios do que co sucedáneo da simples república política do liberalismo burgués que a sustituíu. Daquela, centrar o protagonismo da emancipación nas "clases populares" nada tiña de populismo: siñificaba, mesmo sen sabéreno, verquer o incandescente proxecto común da nación galega na mufla dunha utópica república social -a utopía motriz das revolucións populares, mesmamente. • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Volvo ao rego, despois de cousa dun mes de excursos por outros temas e mesmo excursións por outras terras. E retorno ao ponto dese rego onde parara de arar. Guindara unha pergunta á que só dera lacónica resposta cun sarcasmo -ou sexa, que non a contestara, deixáraa suspensa no ár. A pergunta era ésta: e a República? Vaites, vaites... Serei quen de contestala agora? 